Oscar Henry Dodson, nado en Houston, Texas, o 3 de xaneiro de 1905 e finado o 22 de xaneiro de 1996, foi un contraalmirante da Armada dos Estados Unidos que participou na segunda guerra mundial.

Logo do seu retiro da vida militar, foi un reputado numismático, presidente da American Numismatic Association de 1957 a 1961, e profesor adxunto de Historia na Universidade de Illinois.

Traxectoria

Primeiros anos e formación Dodson naceu o 3 de xaneiro de 1905 en Houston, Texas,Smith, P. (2012). o primeiro dos catro fillos de Maggie B. Sisk (1878-1918) e de Dennis Seth Dodson (1877-1959)."RADM Oscar Henry Dodson". Findagrave.com

Recibiu a súa formación militar na Academia Naval dos Estados Unidos, onde se licenciou en Ciencias en 1927, e posteriormente continuou os seus estudos na Escola Naval de Posgrao."Distinguished Alumni". En Catalogue 1977-1978. Naval Postgraduate School, Monterey, California. 1977. Páxina 7.

Xa fóra do ámbito militar, en 1953 graduouse en Historia na Universidade de Illinois en Urbana-Champaign, onde cursou tamén un mestrado sobre Historia de Rusia. En 1966 foi nomeado director do seu Museo de Cultura Clásica e Europea desa universidade.

Carreira militar Logo da súa graduación na academia naval, Dodson uniuse á Mariña dos EEUU como alférez en 1927 e ao longo da súa carreira ocupou postos como o de comandante do buque Thomas Jefferson (1949-1950), profesor de Ciencias Navais e comandante da unidade do Corpo de Adestramento de Oficiais da Reserva Naval, na Universidade de Illinois (1950-1953) ou comandante da flotilla de buques de desembarco da Frota Atlántica (1954-1955), entre outros, con destinos na China, no Xapón, en Filipinas, en Malaia e en Grecia."League to Hear Admiral Dodson". En Grosse Point News. 19 de maio de 1960. Páxina 9.

Durante o seu servizo na segunda guerra mundial participou en trece batallas de relevantes, entre elas na incursión Doolittle (1942).Dodson, O. H. (1987). "The Doolittle Raid ". En Bridge. Eta Kappa Nu. Vol. 83. Nº 3. Páxinas 6-12. Foi condecorado coa Estrela de Prata polo seu servizo na batalla das illas Santa Cruz, no Pacífico, tamén en 1942, como oficial de comunicacións a bordo do portaavións USS Hornet."Oscar Dodson". Hall of Valor (Militarytimes.com).

Dodson xubilouse nas Forzas Armadas en 1957 co rango de contraalmirante.

Dedicación á numismática Logo do seu retiro, Dodson exerceu a docencia na Universidade de Illinois, como profesor asistente de historia de Grecia, de Roma e da Europa moderna, entre 1957 e 1959.

Oscar H. Dodson foi un grande afeccionado á numismática durante toda a súa vida. En 1933 ingresou na American Numismatic Association (ANA), e en 1950 foi nomeado membro vitalicio, ao tempo que entraba na súa xunta directiva e era condecorado coa medalla ao mérito da entidade. Na ANA exerceu inicialmente a vicepresidencia, entre 1950 e 1955, e finalmente a presidencia, entre o 24 de agosto de 1957 e o 19 de agosto de 1961."The new president of the American Numismatic Association". En The Numismatist. Outubro de 1957. Páxina 1.154."ANA Presidents 1891 to the Present". American Numismatic Association (Money.org). O numismático Q. David Bowers escribiu sobre o seu mandato: «Máis que calquera outro presidente da ANA desde August G. Heaton [...] Oscar Dodson foi un filósofo». En 1968, a ANA recoñeceuno co seu maior galardón, o premio Farran Zerbe Memorial, e en 2000 ingresou no Salón da Fama da entidade."Four inducted into ANA Numismatic Hall of Fame". American Numismatic Association (Money.org)."Numismatic Hall of Fame". American Numismatic Association (Money.org).

Dodson formou parte da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos en 1948, e do Comité de Hobbies do programa «People-to-People» do Departamento de Estado dos Estados Unidos. Como numismático, recoñéceselle o mérito de tender pontes entre a numismática tradicional e o daquela novo mercado numismático de investimento.

En 1962 escribiu o libro Money Tells the Story, publicado por Whitman Publishing. Tamén foi editor colaborador da revista COINage entre 1973 e 1987.

Dous anos despois de se retirar da Mariña, en 1959 fundou o Museo do Diñeiro no Banco Nacional de Detroit, do que foi director durante seis anos, ata 1965. Tamén foi conservador adxunto honorario do Museo do Diñeiro da ANA. Dodson presidiu tamén a Sociedade Numismática de Washington.Baitz, S. (1948). "History and Old Coins". En The Numismatist. Novembro. Páxinas 770-771.

A colección numismática de Dodson foi sacada á venda nunha poxa da compañía Superior o 9 de xuño de 1975 e noutra da casa de poxas Bowers and Merena celebrada dos días 19 a 21 de xuño de 1984.

Vida persoal Dodson casou o 17 de decembro de 1932 con Pauline Wellbrock, voluntaria da Cruz Vermella durante a segunda guerra mundial e posteriormente nomeada polo presidente Kennedy como membro da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos."Pauline “Polly” Wellbrock Dodson". Findagrave.com

Oscar H. Dodson finou o 22 de xaneiro de 1996, aos 91 anos, e foi soterrado no Cemiterio Nacional de Arlington, en Arlington, Virxinia.

Recoñecementos

1950: Medalla ao Mérito, da American Numismatic Association (ANA). 1968: Premio Farran Zerbe Memorial, da ANA."Past ANA Service Awards Recipients". American_Numismatic_Association (Money.org). 2000: Ingreso no Salón da Fama da ANA.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Smith, P. (2012). "Dodson, Oscar Henry". En American Numismatic Biographies. Páxina 120.

Categoría:Nados en 1905 Categoría:Finados en 1996 Categoría:Nados en Houston, Texas Categoría:Numismáticos dos Estados Unidos de América Categoría:Militares dos Estados Unidos de América Categoría:Militares da segunda guerra mundial Categoría:Alumnos da Universidade de Illinois Urbana-Champaign Categoría:Profesores da Universidade de Illinois Urbana-Champaign Categoría:Personalidades sen imaxes