Julio Domínguez Rodríguez, nado en Xacebáns (Quintela de Leirado) o 1 de abril de 1916 e finado en Aix-les-Bains (Francia) o 29 de abril de 1997, foi un deportado galego, membro da Resistencia francesa, deportado aos campos de concentración nazis.

Traxectoria Aos 16 anos emigrou cara a Madrid. O 18 de xullo de 1936 encontrábase na zona leal á República e estaba afiliado á Sociedad Obrera de Tejeros y Cerámicos de Madrid. Foi tenente das Milicias Populares Galegas, 4º batallón da 1ª Brigada Mixta. O seu irmán Antonio vivía en Galicia e foi recrutado polo bando franquista.

Cando a guerra civil rematou, Julio escapou a Francia, pasando polo campo de Bram, preto de Carcasona, ata que en xaneiro de 1940 ingresou na 191 Compañía de Traballadores Estranxeiros, con destino en Cerdon.

En 1942 casou cunha francesa, Silvine. O pai de Silvine era o encargado dunha famosa tenda de antigüidades de París, propiedade dunha familia xudía escondida ou fuxida, e aos que el lles administraba lealmente a tenda. A situación económica da familia era boa. Tiveron unha filla, chamada Solange.

Julio colaborou coa Resistencia e foi detido por participar en sabotaxes contra o exército nazi. Consta detido en Compiègne, o 22 de marzo de 1944, e como a maior parte dos republicanos españois deportados acabou no campo de concentración de Mauthaussen. A data de ingreso foi o 25 de marzo de 1944, co número 59854. miniatura|Ficha de Mauthausen. Foi repatriado a Francia o 28 de maio de 1945. Regresou a súa casa desnutrido, co traxe de raias, o pelo rapado, sen barbear, nin asear. Silvine non o recoñeceu ao principio e asustouse moito ao velo.

Francia recoñeceu a súa participación na Resistencia e a vida de Julio en Francia foi acomodada. Mantiveron o seu piso nunha zona privilexiada de París.

Julio só regresou unha vez a Xacebáns, en 1985. Está enterrado en París.

Querela miniatura|Recoñecemento como refuxiado e membro da Resistencia francesa. O 6 de marzo do 2020 a súa veciña Ana María Mosquera Fernández presentou no consulado arxentino de Vigo unha denuncia en nome de Julio para unila á querela arxentina contra os crimes do franquismo. Ese mesmo día presentáronse outras seis denuncias en nome de todos os deportados da provincia de Ourense. O acto foi coordinado polo grupo de traballo de Ourense da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Deportación. El horror de los campos de concentración. Fédération Nationale des Déportés et Internés Résistants et Patriotes. Barcelona: Editorial Petronio. 1969. VV. AA. (2004). Livre-mémorial des déportés de France arrêtés par mesure de répression et dans certains cas per mesure de persécution 1940-1945. París: Éditions Tirésias. p. II-285 Bermejo, Benito; Checa, Sandra (2006). Libro memorial: españoles deportados a los campos nazis (1940-1945) Madrid: Ministerio de Cultura. p. 404. Amat-Piniella, Joaquim (2014). K. L. Reich. Barcelona: Libros del Asteroide. Hernández de Miguel, Carlos (2015). Los últimos españoles de Mauthausen. La historia de nuestros deportados, sus verdugos y sus cómplices. Barcelona: Ediciones B. Wachsmann, Nikolaus (2017). KL. Historia de los campos de concentración nazis. Barcelona: Editorial Crítica.

Categoría:Nados en Quintela de Leirado Categoría:Nados en 1916 Categoría:Finados en 1997 Categoría:Galegos sobreviventes dos campos de concentración nazis Categoría:Membros galegos da Resistencia francesa Categoría:Galegos de Madrid Categoría:Galegos de Francia