Preescolar na Casa (PnC) foi un programa educativo que naceu en Galicia no ano 1977. O programa Preescolar na Casa tivo como misión contribuír á formación de pais e nais que tiñan nenos e nenas de ata seis anos co fin de axudar a desenvolver plenamente as capacidades dos seus fillos e fillas a través da reflexión sobre o acontecer da vida diaria. Estivo en marcha durante 35 anos ata a súa desaparición en 2012.
Historia e desenvolvemento Foi impulsada polo crego Antonio Gandoy e promovida por Cáritas Galicia. Ata a aparición da Fundación Preescolar na Casa no ano 2001, foi xestionada por Cáritas Diocesana de Lugo.
Contexto O nacemento deste programa coincide co proceso de creación de grandes agrupacións escolares nas capitalidades municipais o coa falta de acceso dos nenos e nenas de entre catro e cinco anos á escolarización, especialmente no medio rural.
A nivel socioeconómico eran patentes os movementos migratorios dende o rural a outras partes de España ou do estranxeiro, favorecidos polo baixo desenvolvemento da agricultura e a industria galega. É importante salientar as vagas de incendios da década dos setenta e o irregular seguimento do proceso de recuperación dos montes mancomunados.
Orixes Segundo Ferradás e Branco, o contexto no que aparece inclúe unha serie de factores fundamentais ós que o desenvolvemento deste programa tentará dar resposta: Dispersión da poboación Altas taxas de atraso escolar Escasa cobertura da educación infantil no medio rural. En 1975 había en Galicia 173.106 nenos e nenas de 2 a 5 anos, pero só o 20.9% estaba escolarizado, quince puntos por debaixo da media española. A meirande parte das aulas de preescolar estaban daquela nas cidades. Pódense distinguir ata cinco etapas diferenciadas nos trinta e cinco anos de existencia do proxecto:
Primeira etapa 1977-1979 En xaneiro de 1977 iniciáronse as xuntanzas de nais e pais con persoas voluntarias como facilitadoras en diversos lugares do rural galego. Para este programa piloto escolléronse catro localidades da provincia de Lugo. Nelas fíxose unha chamada ós pais e nais para expoñerlles o proxecto. A raíz destas xuntanzas as familias comprometéronse a reunirse semanalmente co fin de traballar nas propostas educativas que traballarían cada semana cos seus fillos/as menores de seis anos, neste caso preferentemente de entre catro e cinco anos.
Paralelamente xestionouse unha enquisa dirixida ós párrocos para recoller o seu coñecemento sobre o volume de nenos/as que non estaban escolarizados e recoller as súas opcións sobre a viabilidade do proxecto.
Co inicio do curso escolar 1977/1978 formouse o primeiro equipo profesional (dúas mestras e un mestre), con persoal funcionario do Ministerio de Educación en comisión de servizos.
Nun primeiro momento este persoal funcionario adscrito ao programa coordinouse cos mestres e mestras que acababan de incorporarse ós grupos escolares a través de reunións quincenais nas localidades de traballo onde este profesorado exercera antes das concentracións escolares.
Neste primeiro curso escolar este persoal adscrito era o encargado, xunto cos mestres e mestras voluntarios/as da xestión e creación de materiais educativos e da organización de xornadas de formación dirixidas ás familias. Nun principio centráronse na educación dos nenos e nenas de catro e cinco anos, ampliándose progresivamente tamén ós tres anos.
Se ben o foco da actividade centrouse nos contidos escolares para catro e cinco anos, progresivamente, e a demanda das familias, fóronse ampliando os contidos educativos. Deste xeito comezaron a ter cabida temas como a saúde, a hixiene, as emocións, a afectividade, a autorrealización, a autoestima e a seguridade.
Segunda etapa 1980-1990 Etapa de consolidación e expansión a toda Galicia. Terceira etapa 1990-2001 Diversificación e desenvolvemento pleno do programa. Cuarta etapa 2001-2007 Caracterizada por un proceso de institucionalización, que se inicia co establecemento da Fundación Preescolar na casa. Crise e fin de Preescolar na casa (2007-2012) O proxecto desapareceu en 2012 tras o recorte das axudas públicas procedentes da Xunta que viñan sostendo o programa dende a década dos noventa.
A asociación socio-educativa Antonio Gandoy En 2013, a asociación sen ánimo de lucro Asociación socio-educativa Antonio Gandoy, formada por antigo persoal da Preescolar na casa e voluntarios e que sucedeu á Fundación Preescolar na Casa, atendía a noventa familias galegas.
Descrición
O proxecto tiña dúas liñas de traballo: a formación de pais e nais en educación infantil e a xestión dun programa de educación infantil familiar que fomentaba as interaccións dos nenos e nenas coa súa contorna social e familiar.
Organizábase, preferentemente no medio rural e noutros medios desfavorecidos, tentando apoiar e dar seguridade ás familias na educación e crianza dos seus fillos e fillas nos primeiros anos de vida. Pretendía ser unha axuda para que os pais e nais foran capaces de comprender mellor ós seus fillos e fillas e de responder axeitadamente ás súas necesidades e posibilidades.
O nome de Preescolar na Casa responde á historia do programa. Cando se creou, naceu cun claro sentido compensador da escola, e máis concretamente da etapa preescolar, denominación empregada por aquel entón.
Como servizo tiña varios niveis de actuación: o nivel familiar, o dirixido nenos e nenas e o nivel comunitario.
Oferta ás familias Para as familias, proponse: A posibilidade de reunirse periodicamente con outras familias para dialogar, reflexionar e analizar a vida cotiá e a súa influencia na educación dos nenos, coa finalidade de gañar seguridade na súa actuación educadora. A posibilidade de acceder a diversos medios de formación: programas de radio, televisión, teletexto, revista, páxina web), ludobiblioteca e, dunha forma máis directa, a través das reunións de orientación. A posibilidade de descubrir e afondar no desenvolvemento dos nenos, para comprendelos mellor e ter actuacións máis axeitadas. A posibilidade de descubrir, aproveitar e valorar os recursos existentes na contorna como elementos educativos. A posibilidade de establecer unha relación adulto-neno máis lúdica e, polo tanto, de maior gozo. A potenciación do papel da muller. A potenciación do papel do pai na educación dos fillos. A posibilidade de realizar actuacións preventivas de cara ao desenvolvemento e educación dos nenos. Achegar ó seu propio contorno, un servizo educativo, mesmo no seu fogar. Un modelo de relación entre os adultos participantes na reunión baseado no respecto, na cooperación e na colaboración.
Oferta ás nenas e nenos As accións orientadas ás pequerrechas e pequerrechos son: O encontro con outros nenos e nenas e persoas adultas A participación en actividades lúdicas e o gozo A experimentación e a exploración Participar en situacións de aprendizaxe que lle permitían adquirir coñecementos e desenvolver capacidades. Participar nun tempo organizado a través de actividades que ofrecían seguridade e permitían anticipar acontecementos. Potenciar o respecto ó ritmo interior de cada neno e contribuír a regular o ritmo exterior (orde, espazo e tempo). Gozar, durante o tempo da reunión, da atención exclusiva dos seus pais. Un ambiente de cordialidade e cooperación, continuador da seguridade afectiva que representa a familia. Un achegamento á súa realidade, ás súas vivencias, ó tempo que se lle facilita o coñecemento do contorno, establecendo lazos afectivos con persoas diferentes ás da propia familia.
Oferta á comunidade Tamén se propón unha serie de accións orientadas á comunidade: Un camiño cara ó recoñecemento e respecto da infancia, das súas necesidades e do importante papel que a familia ten na educación. Unha axuda á revitalización da cultura galega, da súa lingua e das súas tradicións. Un espazo de comunicación, debate, reflexión, creación e potenciación para os adultos. A posibilidade de desenvolver actividades e proxectos comúns de diferente índole e para o desenvolvemento dunha cultura da educación infantil familiar.
Organización
As distintas actividades de PnC estaban dirixidas ás familias e á sociedade en xeral. Dentro destas pódense distinguir varias tipoloxías: a reunión, o encontro, as reunións familiares sen a presenza dos nenos e nenas, as visitas familiares, as mais colaboradoras e as actividades de difusión nos medios (televisión, teletexto, radio).
As reunións Representaron o piar básico da organización de PnC. Eran xuntanzas quincenais que se levaban a cabo ao longo do curso escolar normalmente nun local comunitario ou casa particular. Nelas participan as familias e os/as cativos en función da proximidade ao lugar de encontro e eran coordinadas por unha persoa orientadora (mestre/a). A duración desta actividade era flexible, pero adoitaba roldar as dúas horas.
Estrutura das reunións A reunión manteñen un formato xeral: Acollida e actividades de presentación e saúdos. Revisión e achegas en relación o que pasara dende a última reunión ( a nivel familiar e cotián e a nivel organizativo-educativo) Actividades propostas polo persoal orientador para ser realizadas cos nenos e nenas de xeito que poidan ser continuadas no fogar Diálogo coas nais e pais en relación á educación dos seus fillos e fillas, no que se fomentaba a reflexión e debate sobre os problemas da anterior quincena ou a raíz de determinadas inquietudes manifestadas polas familias ou suxeridas polo persoal orientador. Tempo de xogos dos cativos e cativas na alfombra simultáneo ao debate dos adultos. Planificación das tarefas para a seguinte quincena e achega de material específico Despedida.
Servizos e medios de difusión
O programa chegou a atender a 4.200 familias con nenos de 0 a 3 anos en toda Galiza con máis de 70 orientadores e orientadoras contratadas desenvolvendo os seguintes servizos e actividades:
Servizos A biblioteca de Preescolar na Casa Na sede de Preescolar na Casa en Lugo existía unha biblioteca física que era a base para a biblioteca itinerante do programa. Nela xestionábanse as compras de materiais educativos en función das necesidades das familias e do persoal orientador. Informatizouse no ano 2000, cando contaba aproximadamente con 1.283 exemplares. A biblioteca era o centro que xestionaba a distribución dos Cadernos de Preescolar na Casa, dos que existían milleiros de exemplares por título. Ademais mantiña varias subscricións a revistas especializadas e daba acubillo á Videoteca de Preescolar na Casa, coas copias dos programas de televisión e radio propios e outros vídeos de carácter educativo. Existía así mesmo unha coordinación entre PnC e o persoal das bibliotecas locais.
Constaba de tres seccións diferenciadas dirixidas respectivamente ó persoal orientador, ás pais e nais e os nenos e nenas.
Ludoteca Ademais de promover a experiencia lúdica como medio de aprendizaxe e de fomentar a creación de xoguetes, PnC dispuña dunha variada colección de xoguetes educativos que se lles facilitaban ás familias no día da xuntanza.
Medios de difusión
A revista Preescolar na casa contou cunha revista que chegou a publicar 160 números entre 1977 e 2011. Na súa mellor época chegou a ter unha tiraxe de 3 500 exemplares.
Programa de radio Comezou en xaneiro de 1982 a través das ondas de Radio Nacional de España en Galicia. Posteriormente tamén se emitiron programas en radios locais e comerciais ao igual que programas máis específicos: este é o caso do deseñado para nenas e nenos de tres anos entre 1986 e 1987. Algunhas das radios locais que o emitían eran Radio Principal Onda Cero-Monforte, Radio Principal Onda Cero-Vilalba e Radio Municipal de Quiroga. A duración destes programas era de 30 min.
Programa de televisión As emisións do programa Preescolar na casa na Televisión de Galicia comezaron en 1990 e remataron en 2011 co programa número 720. Entre as seccións que figuraban neste espazo, estaban: Asómate ao mundo