José García Rodríguez, nado en Baltar o 25 de agosto de 1902 e finado en Gusen (Austria) o 19 de decembro de 1941, foi un exiliado galego deportado ós campos de concentración nazis.
Traxectoria Implicouse activamente na vida política de Santa Coloma de Gramenet (Barcelona) apoiando a República durante o decurso da guerra civil española, onde se encontraba unha vez iniciado o conflito, rematando como garda de seguridade en Barcelona en 1938.
Exiliouse en Francia tralo triunfo do bando franquista na guerra civil española. Quedou confinado de febreiro a maio de 1939 no campo de internamento de Argelès-sur-Mer xunto con seu irmán Emilio. Coa declaración da segunda guerra mundial integrouse na Compañía de traballadores estranxeiros nº 2, con destino en Bourg-Saint-Maurice (Savoia), e en Baerendorf (Alsacia).
Trala caída de Francia na segunda guerra mundial foi apresado polo exército alemán e enviado primeiro ó Frontstalag 142, en Besançon (Francia) e despois ó Stalag XI-A, en Altengrabow (Alemaña). Foi deportado ó campo de concentración de Mauthausen nun convoi composto por 469 prisioneiros españois, ingresando o 26 de abril de 1941 co número de matrícula 3 363, inscrito como xornalista de profesión e clasificado como "rotspanier". Foi trasladado o 20 de outubro de 1941 ó campo de concentración de Gusen co número de matrícula 14 331, onde pereceu o 19 de decembro de 1941. Segundo o rexistro a causa do falecemento debeuse a unha miocardite.
Vida persoal Seu pai era carabinero de punto, natural de Erronkari (Navarra), e súa nai oriúnda de Forxa (Porqueira), e non casaran no momento do seu nacemento. Viviu con seus pais e mais os seus irmáns en Ourense e Vigo, ata que toda a famlilia se transladou a Madrid na década de 1920, onde José exerceu a profesión de tipógrafo.
Casou con Ángeles Falagán Rueda, natural de Valladolid, con quen tivo catro fillos: Eduarda, Arturo, Leopoldo e Carlos, todos nados en Madrid, que despois se trasladaron con súa nai á provincia de Barcelona. En 1936 a familia vivía en Santa Coloma de Gramenet (Barcelona). Consérvase a correspondencia que José García lle enviou á súa muller a Barcelona mentres estivo recluído no campo de internamento en Francia, dende os destinos da Compañía de traballadores estranxeiros na que se integrou e durante o seu cativerio no Stalag XI-A. Entre o 18 de xuño de 1939 e o 3 de xuño de 1940 escribiu case un centenar de cartas, dirixidas a súa muller e fillos, que representan un testemuño directo das angurias sufridas tralo exilio en Francia.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados en Baltar Categoría:Nados en 1902 Categoría:Finados en 1941 Categoría:Galegos de Madrid Categoría:Galegos finados en campos de concentración nazis