VRSS-1 (Venezuelan Remote Sensing Satellite-1), coñecido tamén como Francisco Miranda ou sinxelamente Satélite Miranda, foi o primeiro satélite artificial de observación terrestre de Venezuela. Foi lanzado o 29 de setembro de 2012 mediante un foguete CZ-2D desde o Centro de Lanzamento de Satélites de Jiuquan para estudar a superficie terrestre.

Características VRSS-1 foi construído por China Great Wall Industry Cooperation (CGWIC), unha subsidiaria da Corporación China de Tecnoloxía e Ciencias Aeroespaciais (CASC pola súa sigla en inglés), tras un contrato firmado en Caracas polo Ministerio de Ciencia, Tecnoloxía e Industrias Intermedias venezolano. O satélite baseábase no bus CAST2000 da Academia China de Tecnoloxía Espacial (CAST) e levaba a bordo unha cámara pancromática cunha resolución de 2,5 m e unha multiespectral con resolución de 10 m. Tiña unha masa de 880 kg e unhas dimensións de 1,53 x 1,65 x 1,87 m. Alimentábase mediante paneis solares, producindo un mínimo de 1100 W de potencia eléctrica. O seu obxectivo é axudar na planificación urbana e agrícola, monitorizar recursos agrícolas, xestionar os recursos naturais, axudar a vixiar as fronteiras e xestionar desastres naturais. En 2017 lanzouse un satélite similar, VRSS-2, para continuar a súa misión.

Notas

Véxase tamén Outros artigos VRSS-2 CZ-2D CAST2000

Ligazóns externas Páxina oficial de VRSS-1

Categoría:Satélites artificiais