As prefoldinas (do inglés prefoldin, derivada do verbo fold, 'pregar, dobrar') son unha superfamilia de proteínas usada en complexos de pregamento de proteínas. Clasifícase como proteína chaperona molecular heterohexámera presente en arqueas e eucariotas, incluíndo os seres humanos. Unha molécula de prefoldina funciona como proteína de transferencia xunto cunha molécula de chaperonina para formaren un complexo chaperona e realizaren o pregamento correcto doutras proteínas nacentes. O principal uso das prefoldinas en eucariotas é a formación de moléculas de actina que se utilizarán no citoesqueleto da célula eucariota.
Funcións A prefoldina é unha familia de proteínas chaperonas atopada nos dominios Eukarya e Archaea. A prefoldina actúa en combinación con outras moléculas para promover o pregamento das proteínas en células nas que hai moitas outras vías que compiten no pregamento. As proteínas chaperonas realizan unha ensamblaxe non covalente doutras estruturas que conteñen polipéptidos in vivo. Están implicadas no pregamento da maioría das demais proteínas.
En arqueas as prefoldinas crese que funcionan en combinación con chaperoninas do grupo II no pregamento de proteínas de novo. Porén, en eucariotas, as prefoldinas adquiriron unha función máis específica: úsanse para establecer a correcta ensamblaxe tubular de moitas proteínas tubulares, como a actina. A actina supón do 5 ao 10 % de todas as proteínas que se atopan en células eucariotas, o cal, por tanto, significa que a prefoldina ten que ser bastante frecuente nas células. A actina está feita de dúas "cadeas de doas" trenzadas unha sobre a outra e é un dos tres principais compoñentes do citoesqueleto das células eucariotas. A prefoldina únese especificamente a chaperoninas citosólicas. Este complexo de prefoldina e chaperonina forma despois moléculas de actina no citosol. A prefoldina actúa como molécula transportadora que transporta as proteínas diana non pregadas unidas ata a molécula de chaperonina (C-CPN).
Por exemplo, a prefoldina que se usa na formación de actina tamén transfire α ou β-tubulina á chaperonina citosólica. Porén, a prefoldina non forma un complexo ternario coa tubulina e a chaperonina. Unha vez que as tubulinas están en contacto coa chaperonina, a prefoldina automaticamente sóltase e abandona o sitio activo debido á súa alta afinidade pola molécula de chaperonina; é dicir, unha vez que a prefoldina está en contacto coa chaperonina, perde a súa afinidade pola proteína diana non pregada.
A prefoldina só é activada a unirse a proteínas diana non nativas no citosol para que así se una só a proteínas non pregadas. A diferenza de moitas outras chaperonas moleculares, a prefoldina non usa enerxía química en forma de adenosín trifosfato (ATP) para promover o pregamento de proteínas.
Descubrimento
Esta proteína descubriuse no laboratorio de Nicholas J. Cowan do Departamento de Bioquímica do Centro Médico da Universidade de Nova York. Descubriuse usando cromatografía. Púxose en solución β-actina non pregada etiquetada de testículo bovino e esa disolución contiña un exceso de chaperonina citosólica (C-CPN), unha proteína chaperona eucariota necesaria para o pregamento da actina. Despois dunha filtración en xel da actina,comezou a formarse o complexo da actina consistente en actina e as súas proteínas unidas e mediuse o peso molecular do complexo. Analizouse por electroforese en xel o complexo proteico, o cal formaba unha soa banda que foi extraída e sometida a SDS-PAGE. Resolveuse en cinco bandas, o que probaba que a célula usaba unha proteína heterooligómera para unirse á actina non pregada.
Identificouse un homólogo arqueano da prefoldina que tamén funciona como chaperona molecular. A prefoldina eucariota probablemente evolucionou a partir da arqueana, xa que non está presente (ou perdeuse) en bacterias.
Estrutura
A prefoldina é unha proteína heterohexámera que consta de dúas subunidades α e catro β. As subunidades beta conteñen 120 residuos de aminoácidos cada unha, mentres que as α conteñen 140 aminoácidos cada unha. Cada subunidade ten unha largura de 8,4 nm na arquea Methanococcus thermoautrophicum. A altura calculouse en 1,8-2,6 nm. As subunidades establecen interaccións hidrófobas presentando dous barrís β no centro e hélices α superenroladas que fan protrusión cara abaixo como formando os tentáculos dunha medusa. Estes "tentáculos" inferiores son a interface entre a prefoldina e a chaperonina.
Notas
Categoría:Proteínas Categoría:Bioloxía celular