Włodzimierz Jan Jakubowski, nado en Poznań o 14 de decembro de 1939 e finado ibídem o 10 de xaneiro de 2026, foi un futbolista e adestrador polaco que xogaba na posición de dianteiro. A súa carreira deportiva estivo vencellada principalmente ao Lech Poznań.

Traxectoria como xogador Con 14 anos, Jakubowski integrouse no equipo xuvenil do Lech Poznań. En 1958 debutou co primeiro equipo nun partido contra o Marymont Warszawa. Xogou varias tempadas co Lech, principalmente nas divisións máis baixas, onde era coñecido como goleador prolífico. Un exemplo notable foi un encontro do 5 de abril de 1965 contra o Vitcovia Witkowo, no que Jakubowski anotou cinco goles para un resultado final de 9-0. Tamén xogou a tempada 1962/63 na Ekstraklasa, na que participou en 24 partidos e anotou un tanto.

Jakubowski xogou a maior parte da súa carreira no Lech Poznań, con tan só dúas excepcións. Entre 1959 e 1961, coincidindo coa chamada ao servizo militar obrigatorio, formou parte dun club vencellado ao exército, o Flota Gdynia. Por outro lado, Jakubowski uniuse ao Polonia Poznań en 1969, retirándose como xogador profesional neste club no ano 1974.

Traxectoria como adestrador Entre 1984 e 1986, Jakubowski pasou a formar parte do cadro técnico do Lech Poznań, primeiro como asistente de Wojciech Łazarek e posteriormente como adestrador principal. Estes anos son considerados parte da época dourada do club polaco, incluído un dobrete histórico en 1984 que representa un dos seus maiores logros deportivos.

En xaneiro de 1987, Jakubowski foi contratado polo Stal Mielec como substituto de Zenon Książek, co obxectivo de conseguir a salvación na Ekstraklasa. Con todo, non puido evitar o descenso do club tras unicamente tres vitorias na segunda metade da tempada.

Posteriormente, Jakubowski adestrou outros equipos no seu país natal, como por exemplo Olimpia Poznań, Dyskobolia Grodzisk Wielkopolski, Tarnovia Tarnowo Podgórne, GKS Bełchatów, Kotwica Kórnik e Mieszko Gniezno. Co Kotwica, consegiu un ascenso histórico á segunda categoría do fútbol polaco. Adestrou o Mieszko en dous períodos: entre 1975 e 1977 e posteirormente na tempada 1990/1991, tras dirixir previamente o GKS Bełchatów.

Vida persoal Nado en Poznań, Jakubowski creceu preto do estadio de Dębiec, o campo onde adoitaba xogar o Lech Poznań. Estivo moi vencellado ao club da súa cidade natal como xogador, adestrador e afeccionado durante toda a súa vida.

Jakubowski faleceu en Poznań o 10 de xaneiro de 2026, á idade de 86 anos.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Włodzimierz Jakubowski en 90minut.pl (en polaco)

Categoría:Nados en 1939 Categoría:Finados en 2026 Categoría:Futbolistas de Polonia Categoría:Adestradores de fútbol de Polonia Categoría:Xogadores do Lech Poznań