Nuclear Throne é un videoxogo indie do xénero roguelike desenvolvido por Vlambeer. Os xogadores, servíndose dunha variedade de armas e das habilidades especiais dos personaxes, teñen que percorrer un mundo postapocalíptico matando inimigos e progresando ao longo de sucesivos niveis ata finalmente acadar o Trono Nuclear. O xogo é amplamente coñecido pola súa pronunciada curva de dificultade e polo seu ritmo acelerado. Os seus primeiros prototipos distribuíronse a través do programa de acceso anticipado de Steam en 2013. Nuclear Throne foi lanzado oficialmente para Linux, Windows, macOS, PlayStation 4 e PlayStation Vita en decembro de 2015, para Nintendo Switch en marzo de 2019, e para Xbox One en setembro de 2021.
Xogabilidade Nuclear Throne é un xogo de disparos roguelike en vista cenital que ten dous modos de xogo principais: un só xogador e multixogador cooperativo local. Conta tamén con modos de desafío diarios e semanais que permiten ao xogador competir con outros a través da plataforma Steam para conseguir a mellor puntuación (determinada polo número de mortes inimigas ao longo da partida). O xogador pode escoller entre 13 personaxes xogables, dos cales 11 deberá desbloquealos xogando. Existen tamén dous personaxes secretos cos que só se pode xogar en circunstancias especiais. Cada personaxe ten unha habilidade única, o cal engade variedade e rexogabilidade ao permitir ao xogador experimentar con diferentes estilos de xogo. Realizando tarefas específicas, o xogador pode desbloquear traxes ou aparencias alternativas para os personaxes. Os niveis do xogo progresan conforme a unha estrutura lineal ata chegar ao nivel 7–3, no que o xogador deberá derrotar ao xefe final, o Trono Nuclear. Chegado a este punto, poderá elixir entre rematar a partida ou repetir o percorrido desde o primeiro nivel, aumentando a dificultade do xogo. O xogador poderá continuar dando voltas ao xogo ata a morte do personaxe. esquerda|miniatura|Captura de pantalla do xogo O xogo reiníciase ao morrer. Agás certas armas especiais conseguidas nun nivel oculto e "coroas" equipadas no momento de derrotar ao xefe final, os obxectos adquiridos ao longo dunha partida non se gardan para usalos na seguinte. O xogo ten un sistema de niveis no que o xogador gaña experiencia en forma de pellets de radiación ou "rads" que os inimigos soltan ao morrer e que lle permiten obter diferentes mutacións. Ao subir de nivel, pódese escoller unha entre catro mutacións seleccionadas de forma aleatoria entre un total de 29. Ao chegar ao nivel 10, o xogador terá que escoller entre dúas "ultramutacións" únicas a cada personaxe.
O xogador comeza co revolver básico, pero pode atopar armas mellores almacenadas en cofres vermellos e obter máis munición dos cofres amarelos. Pódese levar dúas armas equipadas á vez, coma unha pa e un rifle de asalto. A medida que o xogo progresa, as armas dispoñibles vólvense máis avanzadas e poderosas, e os inimigos máis numerosos e difíciles de derrotar. Ao darlle a volta ao xogo, aparecerán armas especiais "douradas" e "ultra". Alén de certas armas corpo a corpo (melee), as armas empregan un dos cinco tipos diferentes de munición (balas, enerxía, cartuchos, frechas e explosivos).
Trama Nuclear Throne ten un argumento mínimo. A comunidade do xogo ten formado teorías sobre a historia de Nuclear Throne analizando o mundo do xogo, detalles da contorna e textos das pantallas de carga. A meirande parte da información canónica compartida polos desenvolvedores revelouse durante transmisións en vivo do desenvolvemento do xogo.
Nun mundo postapocalíptico, personaxes chamados mutantes reuníronse co obxectivo de viaxar polo mundo para chegar ao Trono Nuclear. Segundo os desenvolvedores, cada nova partida é un novo universo alternativo, no que todos os personaxes están vivos e teñen aínda que decidir quen intentará completar a tarefa.
Desenvolvemento Os fundadores de Vlambeer, Jan Willem Nijman e Rami Ismail, traballaron como deseñador e produtor do xogo, respectivamente, e compartiron o traballo de desenvolvemento. Paul Veer, quen fixera as animacións do seu xogo anterior Super Crate Box, colaborou de novo con eles no apartado artístico de Nuclear Throne. A arte promocional do xogo é obra de Justin Chan, un estudante de arte contratado por fanart que fixera para os primeiros lanzamentos do xogo. A música de Nuclear Throne foi composta por Jukio Kallio, que xa traballara para Vlambeer en varios proxectos anteriores. Un amigo de Kallio, Joonas Turner, traballou no deseño dos efectos de son.
Os niveis de Nuclear Throne caracterízanse por seren xerados de maneira aleatoria ao comezo de cada partida mediante un algoritmo. Ata decembro de 2025, a relación de aspecto do xogo era de 4:3, en troques dos 16:9 que constitúen o estándar da industria. Desde a actualización número 100, lanzada o 5 de decembro de 2025, o xogador pode escoller entre 4:3 e 16:9.
Inicialmente, Nuclear Throne estaba só dispoñible en inglés, aínda que existían traducións non oficiais a outros idiomas feitas pola comunidade. Coa actualización número 100 incluíuse soporte oficial para 15 linguas: inglés, francés, italiano, alemán, español, polaco, portugués brasileiro, ruso, coreano, chinés simplificado, chinés tradicional, xaponés, ucraíno, turco e holandés.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Páxina web oficial (en inglés) Páxina web de Vlambeer (en inglés) Nuclear Throne Wiki (en inglés)
Categoría:Videoxogos de Xbox One Categoría:Videoxogos de Windows Categoría:Videoxogos de PlayStation Vita Categoría:Videoxogos de PlayStation 4 Categoría:Videoxogos de Nintendo Switch Categoría:Videoxogos de OS X Categoría:Videoxogos dun xogador e multixogador Categoría:Videoxogos de Linux Categoría:Videoxogos independentes Categoría:Videoxogos de 2015