O couselo ou conchelo é unha planta rupícola, denominada cientificamente Umbilicus rupestris (tamén Umbilicus pendulinus), pertencente á familia das crasuláceas Crassulaceae, con flores e perenne. É moi común nos muros de toda Galiza.

Descrición miniatura|esquerda|Umbilicus rupestris en flor.

As flores en espiga e aspecto de campaíñas desta planta aparecen entre abril e xullo e os froitos madurecen durante o verán. O nome latino de , é dicir "embigo" ou "umbigo", alude ao aspecto das follas redondeadas, provistas dunha pequena depresión no centro que lembra un embigo, metáfora que se conserva p. ex., no nome castelán de ombligo de Venus ou no inglés navelwort. Mentres en galego, designacións como couselo, coucelo ou couchelo, remontan ao latín *, "cáliz pequeno", lembrando a flor, xunto o pequeno rabiño ou pedúnculo que a sostén, unha "copiña". Noutras designacións galegas, porén, o que lembra é un "chapeo": capelo, pucho das paredes.

As flores, como se dixo, teñen aspecto de campaíñas, e nacen ó longo dun cumprido pedúnculo vertical. As flores aparecen unha vez, o individuo alcanza a madurez tras varios anos de desenvolvemento e son de cor verde pálida, que co tempo adquire tons rosados avermellados.

A diferenza doutras plantas, o couselo, xunto con outras especies do xénero das Crasuláceas, realizan a fotosíntese pola noite. Para isto abren os seus estomas (poros presentes nas follas) pola noite. Deste xeito a deshidratación redúcese a cambio de perder eficiencia enerxética. Este proceso metabólico é coñecido coma metabolismo ácido: O CO2 capturado pola noite, degrádase polo día para a súa liberación. Deste xeito o consumo de auga é mínimo."El sensual ombligo de Venus". Revista Quercus caderno 333, novembro de 2013

Distribución e hábitat É unha planta ben espallada polo sur e oeste de Europa, aínda que a primeira identificación científica foi feita polo naturalista francés Pierre Belon (1517-1564) no Oriente Próximo. Abrangue a Europa mediterránea, Portugal, Irlanda, Gran Bretaña e Bulgaria.

É unha planta que medra ben en fendas de paredes, de tellados, ou de rochas, húmidas e sombreadas. Medra sobre un substrato complicado e con escaseza de auga, grazas a isto evita especies competidoras.

Usos As follas son comestíbeis, pois son tenras e de gosto agradábel. Usouse na composición de xaropes domésticos para doenzas pectorais ou con fins diuréticos.

Os couselos empréganse tamén para curar grans, carafunchos ou úlceras, quitando o pelello da folla para poñelo no gran ou na ferida.

O zume, mesturado con aceite, empregábase contra a dor das queimaduras, segundo o dicionario de Eladio Rodríguez González. Outros etnógrafos (Ben-Cho-Shey ou Rivas Quintas) recollen este mesmo uso terapéutico coas follas fritidas en aceite, envoltas nunha folla de verza e postas a quentar na borralla da lareira; logo, ben quente, colócase sobre as frieiras.

Sinónimos

Cotyledon neglecta Cout. Cotyledon ombilicus Lam. Cotyledon pendulina (DC.) Vierh. nom. illeg. Cotyledon rupestris Salisb. Cotyledon tuberosa Halácsy Cotyledon umbilicata Lam. Cotyledon umbilicifolia Stokes Cotyledon umbilicus-veneris L. Cotyliphyllum erectum Link Cotyliphyllum umbilicus Link Umbilicus botryoides Hochst. ex A.Rich. Umbilicus neglectus (Cout.) Rothm. & P.Silva Umbilicus pendulinus DC. Umbilicus simplex K.Koch Umbilicus umbilicatus (Lam.) Breistr. Umbilicus vulgaris Batt. & Trab.Umbilicus rupestris en The Plant List

Taxones infraespecíficos aceptados Umbilicus rupestris var. truncatus (W.Dod) Rowley Umbilicus rupestris var. velenovskyi (Rohl) Rowley

Nome vulgar Tamén é coñecida en galego por outros nomes vulgares: coucelo, orella de frade, conchelo, cunchelo, couchelo, capelo ou pucho das paredes'Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A-C). A Coruña, Deputación da Coruña, 2000; Termos esenciais de botánica. Santiago de Compostela, Universidade, 2004; Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta, 1991; Gran dicionario Xerais da lingua galega. Vigo, Xerais, 2009; Dicionario da Real Academia Galega. A Coruña, RAG, 2012.

Galería de imaxes

Notas

Categoría:Umbilicus Categoría:Flora de Galicia Categoría:Flora da Europa Atlántica