O primeiro bienio da Segunda República española constitúe a primeira etapa da Segunda República, entre a súa proclamación o 14 de abril de 1931 e a celebración das eleccións xerais de novembro de 1933, que deron paso ao segundo bienio.

Con todo hai historiadores, como Gil Pecharromán, partidarios de limitar o termo «primeiro bienio», ao que tamén denominan bienio social-azañista, bienio reformista ou bienio transformador, ao período de goberno da coalición dos republicanos de esquerdas cos socialistas encabezada por Manuel Azaña. Así, o primeiro bienio comezou o 15 de decembro de 1931, data da formación do segundo goberno de Azaña, tras rexeitar o Partido Republicano Radical a súa participación no mesmo por estar en desacordo coa continuidade do PSOE, e rematou en setembro de 1933. Durante ese tempo, a "hora das esquerdas", continuáronse e radicalizáronse as reformas iniciadas durante o período constituínte (abril-decembro de 1931) co fin de modernizar a realidade económica, social, política e cultural españolas.

Porén, tamén hai outros historiadores que sitúan o inicio do primeiro bienio, en sentido estrito, en outubro de 1931. Ese mes Azaña asumiu a presidencia do Goberno Provisional tras a dimisión de Niceto Alcalá-Zamora, por estar en desacordo coa redacción final do artigo 26 da Constitución sobre a cuestión relixiosa. O primeiro bienio así delimitado coincidiría coa "etapa de Azaña" ou "goberno de Azaña."

Período constituínte (abril-decembro de 1931) miniatura|Membros do Goberno Provisional da Segunda República, de esquerda a dereita: Álvaro Albornoz, Niceto Alcalá-Zamora, Miguel Maura, Francisco Largo Caballero, Fernando de los Ríos e Alejandro Lerroux O Goberno Provisional da Segunda República Española ostentou o poder político en España dende a proclamación da Segunda República até a formación do primeiro goberno ordinario o 15 de decembro, seis días despois da aprobación da nova Constitución de 1931. Até o 15 de outubro, o Goberno Provisional estivo presidido por Niceto Alcalá-Zamora, quen dimitiu por mor da redacción que se deu ao artigo 26 da Constitución sobre a cuestión relixiosa e, como consecuencia, sucedeuno Manuel Azaña á fronte do goberno.

O día seguinte da súa formación a Gaceta de Madrid publicou un decreto que fixou o Estatuto xurídico do Goberno Provisional. Foi a norma legal pola que se rexeu o Goberno Provisional até a aprobación da nova Constitución e no que se autoproclamou como «goberno de plenos poderes». No estatuto o recoñecemento dos dereitos e liberdades foi acompañado da posibilidade da súa suspensión por parte do goberno, sen intervención xudicial, «se a saúde da República, a xuízo do Goberno, o reclama». Esta política contraditoria respecto da orde pública culminou coa aprobación polas Cortes Constituíntes da Lei de Defensa da República de 21 de outubro de 1931. A lei, vixente até agosto de 1933, dotou o Goberno Provisional dun instrumento de excepción á marxe dos tribunais de xustiza para actuar contra quen cometesen «actos de agresión contra a República».

A «cuestión rexional» miniatura|Acto de homenaxe a Rafael Casanova en 1931 presidido por Francesc Macià, presidente da Generalitat de Cataluña O problema máis inmediato que tivo que afrontar o Goberno Provisional foi a proclamación da «República Catalá» feita por Francesc Macià en Barcelona o mesmo 14 de abril. Tres días despois tres ministros do Goberno Provisional entrevistáronse en Barcelona con Macià. Alcanzaron un acordo polo que Esquerra Republicana de Cataluña renunciaba á «República Catalá» a cambio do compromiso do Goberno Provisional de presentar nas futuras Cortes Constituíntes o Estatuto de Autonomía «aprobado pola Asemblea de Concellos cataláns». Doutra banda recoñecíase ao goberno catalán, pero este deixaría de chamarse Consello de Goberno da República Catalá para tomar o nome de Generalitat de Cataluña. Recuperou así o nome tradicional da centenaria institución do Principado que abolira Filipe V nos decretos de Nova Planta de 1714.

O proxecto de estatuto para Cataluña, chamado Estatuto de Nuria, referendouno o pobo de Cataluña o 3 de agosto cunha abafadora maioría. Porén, respondía a un modelo federal de Estado e excedía en denominación e en competencias o que se aprobou na Constitución de 1931, xa que o «Estado integral» respondía a unha concepción unitaria, non federal. Aínda así, condicionou os debates parlamentarios.

O proceso para conseguir un Estatuto de Autonomía do País Vasconavarro iniciouse case ao mesmo tempo ca en Cataluña. Unha asemblea dos concellos vasconavarros reunidos en Estella o 14 de xuño aprobou un Estatuto baseado no restabelecemento dos foros vascos abolidos en 1839, xunto coa Lei de Amelloramento do Foro de 1841. O Estatuto de Estella foi presentado o 22 de setembro de 1931 ás Cortes Constituíntes. Porén, non foi tomado en consideración porque o proxecto se situaba claramente á marxe de Constitución que se estaba a aprobar, entre outras cousas, pola súa concepción federalista e pola declaración de confesionalidade do «Estado vasco».

A «cuestión relixiosa»

esquerda|miniatura|250x250px|Cidades nas que se produciu a queima de conventos durante 1931 As primeiras decisións do Goberno Provisional sobre a secularización do Estado foron moi moderadas. O artigo 3º do Estatuto xurídico do Goberno Provisional proclamou a liberdade de culto. Nas tres semanas seguintes o Goberno aprobou algunhas medidas secularizadoras, como o decreto de 6 de maio declarando voluntario o ensino relixioso. Tanto o nuncio Federico Tedeschini como o cardeal arcebispo de Tarragona Francisco Vidal y Barraquer, mantiveron unha actitude conciliadora. Porén, un sector numeroso do episcopado non estaba disposto a transixir coa República, que consideraban unha desgraza. A cabeza visíbel deste grupo era o cardeal primado e arcebispo de Toledo, Pedro Segura. O 1 de maio fixo pública unha pastoral que, tras abordar a situación española nun ton catastrofista, facía un agradecido eloxio da monarquía e do destronado Afonso XIII, «quen, ao longo do seu reinado, soubo conservar a antiga tradición de fe e piedade dos seus maiores». A prensa e os partidos republicanos interpretaron a pastoral como unha especie de declaración de guerra á República. O Goberno Provisional presentou unha nota de «serena e enérxica» protesta ao nuncio e pediu que Segura fose apartado do seu cargo.

Dez días despois producíronse os sucesos coñecidos como a "queima de conventos". O detonante foron os incidentes do 10 de maio con motivo da inauguración en Madrid do Círculo Monárquico Independiente. Durante eles correu o rumor pola cidade de que un taxista republicano fora asasinado por uns monárquicos. Unha multitude congregouse entón ante a sede do diario monárquico ABC. A Garda Civil disparou contra quen tentaban asaltar e queimar o edificio e causou varios feridos e dous mortos, un deles un neno. Nas primeiras horas do día seguinte, luns 11 de maio, ao Goberno Provisional (que estaba reunido) chegoulle a noticia de que a Casa Profesa dos xesuítas da rúa da Flor estaba a arder. O ministro da Gobernación, Miguel Maura, tentou sacar á rúa a Garda Civil para restabelecer a orde. Porén, atopou a oposición do resto do gabinete e especialmente de Manuel Azaña. Este, segundo Maura, chegou a manifestar que «todos os conventos de Madrid non valen a vida dun republicano» e ameazou con dimitir «se hai un só ferido en Madrid por esa parvada».

A inacción do goberno permitiu que fosen queimados máis dunha decena de edificios relixiosos. Pola tarde, por fin, o Goberno declarou o estado de guerra en Madrid e conforme as tropas foron ocupando a capital, os incendios cesaron. O día seguinte, martes 12 de maio, mentres Madrid recuperaba a calma, a queima de edificios relixiosos estendeuse a outras poboacións do leste e o sur peninsular (os sucesos máis graves producíronse en Málaga). Arredor de cen edificios relixiosos arderon total ou parcialmente en toda España, morreron varias persoas e outras resultaron feridas durante os incidentes.dereita|miniatura|O cardeal Pedro SeguraA resposta do Goberno Provisional aos disturbios limitouse a suspender a publicación do diario católico El Debate e o monárquico ABC, e a expulsar de España o bispo integrista de Vitoria, Mateo Múgica, quen se negara a anular a viaxe pastoral que tiña prevista a Bilbao, onde o goberno temía que con motivo da súa visita producísense incidentes entre carlistas e nacionalistas vascos (clericais) e republicanos e socialistas (anticlericais). Así mesmo aprobou algunhas medidas para asegurar a separación da Igrexa e o Estado sen esperar a reunión das Cortes Constituíntes, como a que ordenaba retirar os crucifixos das aulas onde houbese alumnado que non recibise ensino relixioso. A Igrexa católica criticou todas estas medias laicistas, pero de novo a reacción máis radical partiu do cardeal Segura. O 3 de xuño fixo pública en Roma (onde se atopaba desde o 12 de maio) unha pastoral que recollía «a penosísima impresión que lles produciu certas disposicións gobernativas». Cando o cardeal Segura volveu inesperadamente a España o 11 de xuño foi detido por orde do goberno e expulsado do país.

Dous meses despois un novo incidente enturbou aínda máis as relacións da República e a Igrexa católica, co cardeal Segura de novo como protagonista. O 17 de agosto, entre a documentación incautada ao vigairo de Vitoria, Justo Echeguren (detido tres días antes na fronteira francesa) atopáronse unhas instrucións do cardeal Segura a todas as dioceses. Estas facultaban aos bispos a venderen bens eclesiásticos en caso de necesidade e aconsellaban a transferencia por parte da Igrexa dos seus bens inmóbeis a segrares e a colocación de bens móbeis en títulos de débeda estranxeira para eludir unha posíbel expropiación por parte do Estado. O Goberno Provisional respondeu o 20 de agosto cun decreto que suspendía as facultades de venda e alleamento dos bens e dereitos de todo tipo da Igrexa católica e das ordes relixiosas.

A «cuestión militar»

miniatura|Manuel Azaña en 1932 O ministro da Guerra, Manuel Azaña propúxose alcanzar dous obxectivos coa súa reforma militar. Por unha banda, reduciu o excesivo número de oficiais, que era o paso previo para modernizar o exército. Por outra banda, buscaba acabar co poder «autónomo» dos militares e poñelos baixo a autoridade do poder civil.

En canto ao primeiro, aprobou un decreto do 25 de abril de retiros extraordinarios ao que se acolleron case 9 000 mandos, arredor dun 40 % da oficialidade. Os que quedaron tiveron que xurar a súa adhesión á República. Grazas a esa redución, Azaña puido proceder a reorganizar o Exército. Azaña tamén promulgou uns decretos en maio e xuño que anulaban gran parte dos ascensos producidos durante a Ditadura de Primo de Rivera por méritos de guerra. Isto supuxo que uns 300 militares perdesen uns ou dous graos e que outros sufrisen un forte retroceso no escalafón, como foi o caso do xeneral Franco e de oficiais como Varela e Goded).