O activismo ciclista, activismo pola bicicleta ou cicloactivismo é o conxunto de actividades destinadas a fomentar o uso da bicicleta e mellorar as condicións das persoas ciclistas. Estas accións buscan aumentar a adopción da bicicleta como medio de transporte, especialmente en contornas urbanas, e facer que desprazarse nela sexa máis seguro, cómodo e accesible.

Entre os seus principais obxectivos atópanse a creación de infraestruturas adecuadas, como vías ciclistas segregadas ou aparcadoiros seguros, así como a promoción de cambios nas políticas públicas, na lexislación e na planificación urbana que teñan en conta as necesidades das persoas ciclistas.

Ademais das melloras físicas nas cidades, a promoción do ciclismo tamén inclúe campañas educativas e de sensibilización sobre os beneficios de utilizar a bicicleta na vida cotiá. Entre estes beneficios destacan a mellora da saúde, a redución da contaminación atmosférica e acústica, a mellora do tráfico, a liberdade de elección do modo de transporte ou a independencia enerxética.

A nivel internacional existen numerosos grupos e movementos dedicados á defensa do ciclismo. Moitas destas organizacións, a miúdo sen ánimo de lucro e apoiadas por persoas voluntarias, traballan para impulsar políticas favorables á bicicleta e aumentar o respaldo social ao ciclismo urbano. Algunhas fano mediante investigación, asesoramento e colaboración coas administracións públicas, mentres que outras recorren a accións colectivas para visibilizar ás persoas ciclistas no espazo público.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Masa crítica Cultura ciclista Ecosistema ciclista

Categoría:Ciclismo Categoría:Activismo