Carmen Díez de Rivera e Icaza, nada en Madrid o 29 de agosto de 1942 e finada o 29 de novembro de 1999, foi unha política e eurodeputada española que desempeñou un papel destacado durante a Transición española.
Traxectoria Carmen Díez de Rivera era filla dos marqueses de Llanzol, Francisco de Paula Díez de Rivera y Casado e María Sonsoles de Icaza y de León. Os seus tres irmáns son Sonsoles, Francisco e Antonio. Cando tiña 17 anos comezou a traballar na Revista de Occidente e simultaneamente estudou Filosofía e Letras e Ciencias Políticas, estudos que posteriormente ampliou na Sorbona (Francia) e Oxford (Reino Unido).
Nesa época namorouse dun dos fillos de Ramón Serrano Súñer e planearon a súa voda, que non se puido celebrar ao descubrir que o seu pai biolóxico era Serrano Súñer. Como consecuencia disto, ingresou nun convento e posteriormente foi como cooperadora á Costa do Marfil, onde permaneceu durante tres anos.
En 1976, aos 33 anos, foi nomeada directora do Gabinete de Adolfo Suárez, cargo que deixou ao ano seguinte. Anteriormente traballara con Suárez cando este era xefe de Radio Televisión Española. Foi membro da Unión Social-Demócrata Española (USDE) de Dionisio Ridruejo, pero tras a morte do seu fundador, en 1977 uniuse ao Partido Socialista Popular (PSP) de Enrique Tierno Galván. Nesta etapa era coñecida polo alcume de "A Musa da Transición".
Nas eleccións ao Parlamento Europeo de 1987 volveu colaborar con Adolfo Suárez como membro da lista electoral do Centro Democrático e Social (CDS), e obtivo un escano como eurodeputada. En setembro de 1988 abandonou o CDS debido ao seu desacordo coa entrada deste partido na Internacional Liberal. O 9 de xaneiro de 1989 afiliouse ao Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) e renovou o seu escano como eurodeputada nas eleccións ao Parlamento Europeo de 1989 e 1994.
Foi diagnosticada con cancro de mama e, debido a esta enfermidade, deixou o seu escano a principios de febreiro de 1999. Fernando Morán incluíuna nos últimos postos da súa lista nas eleccións municipais ao concello de Madrid o 13 de xuño dese ano.
En 2026 Carmen Domingo recibiu o Premio Comillas de Historia, Biografía y Memorias polo libro La soledad fue el precio onde relata a historia de Carmen Díez.
Notas
Categoría:Finados en 1999 Categoría:Nados en 1942 Categoría:Finadas por cancro de mama Categoría:Europarlamentarios de España (1994-1999) Categoría:Europarlamentarios de España (1989-1994)