Un magnetófono, tamén coñecido como gravador de fita magnética, reprodutor de casetes ou simplemente gravadora de casetes, é un dispositivo de gravación e reprodución de son que grava e reproduce sons normalmente usando fita magnética para o almacenamento. Na súa forma actual, grava un sinal fluctuante movendo a fita por unha cabeza magnética que polariza os dominios magnéticos da fita en proporción ao sinal sonoro. Os dispositivos de gravación en fita inclúen o magnetófono de bobina aberta e o reprodutor de casetes, que usa unha casete para o almacenamento.
O uso da fita magnética para a gravación de son orixinouse arredor de 1930 en Alemaña como fita de papel con laca de óxido. Antes do desenvolvemento da fita magnética, os magnetófonos de arame demostraran con éxito o concepto de gravación magnética, pero nunca ofreceron unha calidade de son comparable aos outros estándares de gravación e emisión da época. Esta invención alemá foi o comezo dunha longa serie de innovacións que levaron ás gravacións en fita magnética actuais.
A fita magnética revolucionou tanto as industrias da radiodifusión como as da gravación musical. Deulles aos artistas e produtores o poder de gravar e regravar son cunha perda mínima de calidade, así como de editar e reorganizar as gravacións con facilidade. As tecnoloxías de gravación alternativas da época, os discos de transcrición e os magnetófonos de arame, non podían proporcionar nin de lonxe este nivel de calidade e funcionalidade.
Desde que algúns dos primeiros refinamentos melloraron a fidelidade do son reproducido, a fita magnética converteuse no medio de gravación analóxica de maior calidade dispoñible. A partir da primeira década do século XXI, a fita magnética analóxica foi substituída en gran medida polas tecnoloxías de gravación dixital.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Categoría:Gravación Categoría:Soporte físico de son