Raquel Areal Martínez, nada en Tui o 14 de agosto de 1999, é unha violinista galega. Acadou diversos premios e bolsas, como a bolsa da Fundación Alexander von Humboldt e o primeiro premio no Concurso Internacional Lipinski & Wieniawski (2018). Traxectoria Iniciou os seus estudos musicais en Tui e proseguiunos na Escola Profissional Artística do Vale do Ave (Santo Tirso, Portugal) e na Escola Profissional de Música de Espinho. Posteriormente estudou na Escola Superior de Música Raíña Sofía de Madrid, onde obtivo as bolsas de Copasa e da Fundación Albéniz.
Formou parte da Orquestra Nova da Orquestra Sinfónica de Galicia, e da Orquestra do Teatro Real, da Orquestra Nacional de España. Desde maio de 2025 forma parte da Orquestra Filharmónica de Berlín, converténdose na primeira galega en ingresar nesta orquestra, considerada unha das mellores do mundo.
Raquel Areal participou e foi galardoada en certames como o Concurso Internacional Lipinski & Wieniawski (Polonia), o Concurso Juventudes Musicales de España e o Primer Palau de Barcelona.
Traballou con grandes formacións orquestrais como a Berliner Philharmoniker e a Staatskapelle de Berlín, colaborando con directores de prestixio internacional como Daniel Barenboim, Kirill Petrenko, Daniel Harding e Gustavo Dudamel, entre outros.
Na actualidade colabora con frecuencia como concertino e concertino asistente na Staatskapelle de Berlín e na Orquestra Sinfónica de Galicia.
Actuou en salas e auditorios de Alemaña, Portugal, España, República Checa, Polonia e Estados Unidos.
Ademais da súa actividade en orquestras, desenvolve unha intensa carreira como solista e intérprete de música de cámara, compartindo escenario con músicos como Nobuko Imai, Antje Weithaas, Jonathan Brown, Miklós Perényi e Zakhar Bron.
Premios
Primeiro premio no Concurso Internacional de Violín Lipinski & Wieniawski (2018). Segundo premio no Concurso Juventudes Musicales de España (2018). Segundo premio no Concurso Nacional Premio Jovens Músicos de Portugal (2012). Primeiro premio no Concurso Cidade de Vigo (2013 e 2015).
Salas e auditorios
Casa da Música (Porto). Teatro Victoria Eugenia (Donostia-San Sebastián). Palacio da Ópera (A Coruña). Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela). Museo Reina Sofía e Auditorio Nacional de Música (Madrid). Teatro Real (Madrid). Sala Koncertowa Orkiestry Zamość (Polonia). St. John Francis Regis Chapel, Regis University (Denver, Colorado, Estados Unidos).
Festivais
XX Encontro de Música e Academia de Santander (2021). Eggenfelden Klassisch Festival Ensemble (Alemaña, 2022). Festival Paax GNP (Cancún, México, 2024). Festival Pau Casals (El Vendrell, Cataluña, 2024).
Notas
Categoría:Violinistas de Galicia Categoría:Nados en Tui Categoría:Nados en 1999 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes