Luis Iglesias González, nado en Asados (Rianxo) o 8 de abril de 1767 e finado en Aranjuez o 10 de agosto de 1834, foi un frade franciscano e teólogo galego. Electo ministro xeral da orde no capítulo xeral celebrado en Alcalá de Henares o día de Pentecoste de 1830, foi o último xeral en ostentar ese cargo antes da exclaustración aínda que non chegase a estar presente nela pois faleceu a consecuencia da matanza de frades en Madrid de 1834.
Traxectoria En 1782 ingresou no noviciado franciscano de Santiago de Compostela. Cursou Artes e Teoloxía, con excelentes cualificacións, e foi seleccionado para optar aos graos académicos, para o que pasou en 1790 ao colexio de Alba de Tormes. Profesor de Artes no colexio de Noia e de Teoloxía no de San Francisco de Salamanca, en 1808 doutorouse nesta disciplina pola Universidade de Santiago de Compostela, gañando ese mesmo ano a cátedra de Institucións Teolóxicas. Tras a ocupación francesa frei Luis permaneceu no seu posto e foi un dos trinta e nove catedráticos santiagueses que xurou fidelidade a Xosé I de España, polo que tras a retirada dos franceses foi sometido a diversos procesos de depuración dos que saíu absolto e reposto na súa praza. Bo orador, foi o elixido polo claustro universitario para predicar o sermón co que a Universidade celebrou o retorno de Fernando VII. Como consecuencia doutro sermón, durante o trienio liberal, foi acusado de absolutista e procesado polo que debeu permanecer algún tempo oculto.García Oro, José, «Luis Iglesias González», Diccionario biográfico español, Real Academia de la Historia.
No capítulo xeral da orde celebrado en Alcalá o 29 de maio de 1830 foi elixido ministro xeral en substitución de frei Cirilo Alameda, cun proxecto de reforma orientado á recuperación das prácticas da antiga observancia.
Ao pouco de iniciarse o seu xeneralato unha moza relixiosa do convento de Xesús, María e Xosé do Cabaleiro de Graza de Madrid, a pouco máis tarde coñecida sor Patrocinio, comezaba a chamar a atención pola aparición de chagas ou estigmas no seu corpo. A petición das relixiosas do seu convento, entre desconfiadas e atemorizadas polos sucesos que acompañaban estes fenómenos e aparicións, frei Luis autorizou sometela a un exorcismo, sen resultado aparente. Durante a súa etapa de goberno e en relación tamén cos conventos femininos da orde redactou en 8 de decembro de 1832 unha carta patente pola que, ao tempo de trasladar o breve do papa Gregorio XVI polo que autorizaba ás monxas a levar sobre o peito o escudo da Inmaculada Concepción, manifestaba a súa preocupación polo cumprimento exacto do voto de castidade, ameazado polos longos coloquios nos locutorios, sen veos as relixiosas nin cortinaxes nas reixas, e mesmo polo costume, frecuente entre moitas monxas, de pedir confesor distinto do propio da comunidade, segundo advertía.
O 17 de xullo de 1834, cando unha multitude fanatizada se lanzou ao asalto dos conventos madrileños acusando os frades de propagar o cólera, frei Luis Iglesias atopábase no seu convento de San Francisco o Grande, no que as turbas asasinaron corenta e oito relixiosos e, aínda que el puido escapar con vida, morreu antes de cumprirse o mes, a consecuencia daqueles sucesos. Sucedeuno o definidor xeral, o padre Andrés de los Barrios, confirmado logo sen a preceptiva celebración do capítulo xeral polas difíciles circunstancias polas que atravesaban as ordes relixiosas, sometidas ao proceso de exclaustración.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Finados en 1834
Categoría:Nados en 1767 Categoría:Nados en Rianxo Categoría:Franciscanos de España Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Profesores da Universidade de Santiago de Compostela