José de Llano Martín, nado en Jovellanos (Matanzas, Cuba) en 1886, foi un futbolista galego-cubano, que xogaba como porteiro e centrocampista.
Traxectoria Naceu no municipio cubano de Jovellanos, na provincia de Matanzas, no seo dunha familia galega, sendo un dos cinco fillos de José de Llano Mendoza e Ramona Martín Abad. A comezos do século XX viaxou cos seus irmáns á Coruña, para facerse cargo da importante herdanza deixada por unha tía avoa que morreu sen descendencia.
En 1908 comezou a xogar ao fútbol no Deportivo da Sala Calvet, ocupando a posición de centrocampista, pero en 1910 pasou a xogar como gardameta, despois de que o porteiro titular enfermase. Ese mesmo ano participou no debut do Deportivo na Copa do Rei, fronte ao Español de Madrid no campo do Tiro do Pichón. Mantivo a porta do equipo a cero ata o último minuto, cando o traveseiro da portería caeu e o dianteiro Armando Giralt aproveitou a confusión para conseguir o único gol do encontro. Tras perder tamén perante o FC Barcelona, o equipo coruñés regresou a Galicia coa medalla de subcampión.
Entre abril de 1911 e marzo de 1912 xogou no máximo rival do Deportivo, o Real Club Coruña, regresando deseguido ao Deportivo. En setembro de 1912 foi o gardameta titular na vitoria contra o Vigo FC no Concurso España, que lle deu ao club galego o primeiro título oficial da súa historia. Foi o seu derradeiro partido co Deportivo da Coruña.
Trala súa retirada foi directivo do Deportivo, xunto ao seu irmán Ramón de Llano, e ocupou a vicepresidencia do club entre 1918 e 1919, baixo a presidencia de Virgilio. Nunca tivo necesidade de traballar, pois viviu sempre das rendas da familia.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados en 1886 Categoría:Nados na provincia de Matanzas Categoría:Futbolistas de Cuba Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Real Club Coruña