miniatura| Retrato de Manuel Bartolomé Cossío (contra 1920), polo fotógrafo José Padró no seu estudo da rúa Hortas de Madrid. Conservado na Casa Museo de Unamuno (Repositorio Documental da Universidade de Salamanca). As Misiones Pedagógicas foron un proxecto de solidariedade cultural patrocinado polo Goberno da Segunda República Española a través do Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes e desde as plataformas do Museo Pedagóxico Nacional e a Institución Libre de Ensino. Creadas en 1931, desmanteláronse ao final da guerra civil.

Convocados por Manuel Bartolomeu Cossío, presidente do Padroado das Misiones Pedagógicas, chegaron a reunir máis de 500 voluntarios de diversa orixe: mestres, profesores, artistas e novos estudantes e intelectuais. Entre eles atopábanse a filósofa María Zambrano, o dramaturgo Alejandro Casona, o cineasta José Val del Omar, o poeta Luis Cernuda, o pintor Ramón Gaya, o músico Eduardo Martínez Torner, o mestre José de Tapia y Bujalance, e unha nutrida «infantaría» de entre a que máis tarde sairán os nomes de María Moliner, Rafael Dieste, Maruxa Mallo, Diego Marín, Antonio Sánchez Barbudo, Pedro Pérez Clotet ou a académica Carmen Conde e o seu marido Antonio Oliver.Xunto a eles outros menos coñecidos: pintores como Miguel Prieto Anguita, Cándido Fernández Mazas, Eduardo Vicente, ou universitarios institucionistas como Gonzalo Anaya, Enrique Azcoaga, Carmen Caamaño, Leopoldo Fabra (máis tarde comandante médico do exército republicano), Diego Marín, Eugenio Mediano Flores, Gonzalo Menéndez-Pidal, Carmen Muñoz Manzano, Eugenia Serrano, Cristóbal Simancas, Natalia Utray (a moza inspiradora da obra de Casona Nuestra Natacha, neta de Agustín Sardá, cofundador da ILE, e que tras a guerra civil casaría con Leopoldo Fabra), e un longo etcétera. Todos eles achegaron os seus distintos saberes desde os seus respectivos campos e conformaron un gran proxecto interdisciplinar.

Entre 1931 e 1936 o labor do Padroado (malia os intentos de sabotaxe durante o Bienio Negro) chegou a arredor de 7000 vilas e aldeas, coa participación aproximada de 600 persoas voluntarias a través de 196 circuítos de Misiones Pedagógicas. Até o 31 de marzo de 1937 repartíronse 5.522 bibliotecas, que en conxunto sumaban máis de 600.000 libros. O Coro e Teatro do Pobo realizou 286 actuacións, e as Exposicións Circulantes de Pintura do Museo do Pobo puideron verse en 179 localidades.

A ditadura franquista acabou coas Misiones Pedagógicas, as que cualificou nun libro titulado La Institución Libre de Enseñanza: una poderosa fuerza secreta, (1940) editado en Donostia, como «Apostolado do Diaño».

Introdución miniatura|Cartel de Retablo de fantoches, da autoría de Cándido Fernández Mazas Debido ao atraso da reforma educativa de España (en comparación con algúns países europeos), cunha taxa de analfabetismo en torno ao 44% agudizada no ámbito rural, o Goberno da Segunda República desenvolveu as chamadas Misiones Pedagógicas. Sendo Presidente Niceto Alcalá-Zamora e Ministro de Instrución Pública Marcelino Domingo, o 29 de maio de 1931 creouse por Decreto o Padroado de Misiones Pedagógicas co encargo de «difundir a cultura xeral, a moderna orientación docente e a educación cidadá en aldeas, vilas e lugares, con especial atención aos intereses espirituais da poboación rural».

O devandito Padroado dependía do Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes. Estaba dirixido por unha Comisión Central, cuxa sede se instalou no Museo Pedagóxico Nacional, en activo desde 1882 como unha das aplicacións da Institución Libre de Enseñanza. Pode dicirse que Padroado e Institución, parellos en obxectivos e compartindo medios e equipo de colaboradores, foron a peza fundamental do proceso de renovación do Ensino Público que culminou nos anos da Segunda República. Xa en 1881 Francisco Giner propuxera unha serie de reformas que incluían a idea dunhas Misiones Ambulantes, cuxos servizos non se materializaron até a creación das Misiones Pedagógicas. Estas incluían o servizo de biblioteca, o museo do pobo, o cinema, o coro e o teatro do pobo, cunha sección de monicreques bautizada como Retablo de fantoches.

Entre os días 17 e 25 de decembro de 1931 realizouse a primeira desas Misiones Pedagógicas na localidade segoviana de Ayllón.

O Padroado das Misiones Pedagógicas tivo como indiscutíbel presidente e alma ideolóxica a un xa ancián, enfermo e aínda carismático e entusiasta Manuel Bartolomé Cossío, coa axuda e eficacia de Luis Álvarez Santullano como Secretario. Na Comisión Fundadora do Padroado figuran os nomes de: José Ballester Gozalvo, Domingo (vicepresidente) e Francisco Barnés Salinas, Luis Bello, Amparo Cebrián, Óscar Esplá, Rodolfo Llopis, Ángel Llorca, Antonio Machado, Lucio Martínez Gil, María Luisa Navarro Margothi, Marcelino Pascua, Enrique Rioja Lo Bianco, Pedro Salinas e Juan Uña Shartou.

Precedentes O baixo nivel da educación en España ao final do século XIX tentou atallarse coa creación do Ministerio de Instrución Pública e de Belas Artes o 18 de abril de 1900. A gran demanda social presentada fixo necesaria a súa reestruturación. Faustino Rodríguez-San Pedro creou entón a Xunta Central de Primeiro Ensino por Real Decreto do 18 de novembro de 1907, para que asumise as funcións do anterior organismo. Esta Xunta, ademais, dirixiu e organizou institucións complementarias da escola, clases de adultos, conferencias e "misións pedagóxicas". A devandita Xunta estaba formada por renombrados personaxes da política española, como José Canalejas, Eduardo Dato, Carlos María Cortezo e Melquíades Álvarez, entre outros. Tiña o apoio da Institución Libre de Enseñanza e o Museo Pedagóxico Nacional. Un novo Real Decreto do 20 de decembro de 1907 incluíu no programa as Xuntas provinciais de Instrución Pública, para apoiaren os seguintes obxectivos: atender as misións pedagóxicas, fomentar a creación e desenvolvemento de museos escolares e bibliotecas públicas, organizar conferencias para adultos coa intervención de persoas competentes, fomentar caixas escolares, asociacións protectoras da infancia, colonias de vacacións e todas aquelas institucións que puidesen contribuír coa difusión do ensino primario e darlle un carácter de solemnidade á festa escolar. Así quedou recollido no Real Decreto do 7 de febreiro de 1908.

Os continuos cambios políticos e a precaria situación orzamentaria tivo resultados lamentábeis (baixos soldos, edificios ruinosos, mobiliario anticuado e insuficiente e escaso material escolar) até a proclamación da Segunda República o 14 de abril de 1931. Puxéronse en marcha as Misiones Pedagógicas cos seguintes obxectivos:

Fomentar a cultura xeral mediante bibliotecas populares, organización de lecturas, sesións cinematográficas para coñecer outros pobos, sesións musicais de coros e orquestras, audicións por radio e exposicións de arte con museos itinerantes. Orientación pedagóxica con visitas a escolas para coñecer a súa situación coa posterior celebración dunha semana ou quincena pedagóxica e cursos para mestres, nos cales lles mostran ou ensinan como dar clases e os materiais dos que dispoñen. Convocatoria de reunións nas vilas para revisar a estrutura do estado e os seus poderes.

Organización miniatura|Albará asinado por Cossío contra 1932. Recóllense cifras da concesión de axuda económica e facturación de gastos para a posta en marcha das Misiones Pedagógicas. Tamén figura o nome do Secretario do Padroado das Misiones: Luis Álvarez Santullano A Comisión Central e a Comisión Provincial debían estar formadas por persoas cualificadas no ensino e fóra del. Os gastos dos servizos e material correrían a cargo do Ministerio de Instrución Pública. Manuel Bartolomé Cossío, herdeiro espiritual de Francisco Giner de los Ríos, en cuxas ideas se baseaban as mesmas Misións,Na súa orixe é clara a influencia da Escola Nova, fundada en 1910, creada en 1876 por Francisco Giner de los Ríos e promovida por unha burguesía culta e progresista, que supuxo unha fonda renovación da pedagoxía en España. foi nomeado Presidente do Padroado. Luis Álvarez Santullano foi secretario e situouse a Constantino Suárez na Secretaría Técnica. Como vogais nomeouse Antonio Machado, Pedro Salinas, Amparo Cebrián e María Luisa Navarro, conforme a Orde do 6 de agosto de 1931.

Para a asignación dunha misión a unha determinada localidade cumpría que esta realizase unha proposta acompañada dun informe. Este debía recoller datos sobre a xeografía, economía, distribución da poboación, situación cultural e escolar, ambiente social, comunicacións, itinerario posíbel e calquera outra peculiaridade da comarca que puidese ser útil para a organización da futura misión. Malia as dificultades iniciais, aos poucos meses as solicitudes eran tantas que foi imprescindíbel unha selección. Deuse preferencia ás aldeas máis pequenas e illadas.

As misións non tiñan unha duración fixa. Esta podía oscilar entre un e quince días, dependendo das actividades programadas en cada lugar e do itinerario pendente. O equipo misioneiro encargado de levar a cabo as actividades dispuña de proxectores, gramófonos e escenarios de sinxela e rápida montaxe. Realizaba, entre outras actividades, proxeccións de películas educativas ou de recreo, conferencias seguidas de coloquios e representacións teatrais, musicais ou corais. Unha vez terminada a visita, entregábase ao mestre unha pequena biblioteca para instalar na escola e, en ocasións, un gramófono cun pequeno lote de discos. Estas modestas bibliotecas, malia situárense normalmente nas escolas, estaban dirixidas ao conxunto da poboación para espertar a súa afección pola lectura e elevar o seu nivel cultural. Este era o único servizo que permanecía unha vez que a misión marchaba da aldea ou vila.

Servizos prestados

Bibliotecas nas Misiones Pedagógicas A administración da biblioteca correspondía ao Consello Local de Primeiro Ensino. Este redactaría un regulamento, aprobaría o seu orzamento, organizaría lecturas públicas e conferencias e celebraría festas e colectas. Tamén tramitaría o intercambio de libros con outras bibliotecas e proporía ao inspector de primeiro ensino as novas adquisicións. Á súa vez, os inspectores, nas súas visitas polas escolas, debían de informar sobre o estado das bibliotecas. Encomendouse a xestión das bibliotecas rurais na súa maioría a mestres e en certas circunstancias a persoas de instrución. En cada biblioteca o mestre realizaba a xestión do catálogo de libros, levaba a contabilidade, o rexistro dos libros prestados e elaboraba un informe ao final do ano no cal indicaba o movemento da biblioteca e a situación de caixa. Todo iso sen recibir ningunha retribución a cambio. miniatura|Selo do Padroado das Misiones Pedagógicas O Servizo de Bibliotecas, coordinado pola bibliotecarios María Moliner e Juan Vicens de la Llave, e coa axuda dun mozo Luis Cernuda, foi o máis importante do sete que puxo en marcha o Padroado. A el destinouse case o 60 % do orzamento xeral nos seus tres primeiros anos de funcionamento, o que permitiu a creación de 5.522 bibliotecas. Porén, o ritmo de creación de bibliotecas non foi sempre o mesmo. Tras o grande impulso dos primeiros anos os recortes orzamentarios que en 1935 finalmente conseguiu executar a CEDA no poder (á que Américo Castro cualificou de «dinamiteiros da cultura») minaron a efectividade do proceso. Malia as dificultades na súa etapa final, as Misiones Pedagógicas foron capaces de estabelecer unha biblioteca no 11,3% do total de escolas primarias existentes en España en tan só cinco anos de vida.