Francisco Rivera Pérez, nado na aldea de Freáns, parroquia de San Xoán de Crespos, no concello de Padrenda, o 15 de abril de 1899, e finado en 1979 en Francia, foi un refuxiado galego deportado aos campos de concentración nazis.

Traxectoria Durante a Segunda República vivía en Madrid, e cando se albiscaba o golpe franquista trouxo a súa muller e fillos para Padrenda.

Finalizando a guerra civil exiliouse en Francia. Pertenceu á Compañía de Traballadores Españois 118 , creada o 20 de decembro de 1939, ao servizo do exército francés. Esta compañía estivo en Dunkerque, onde foi capturado polo exército alemán o 20 de xuño de 1940, ao confirmarse a derrota aliada.

Antes de chegar a Mauthausen, estivo preso nas prisións de Kassel, Moosburg e Allenstein. Ao campo dos españois chegou o 9 de agosto de 1940, pasando a ser o número 3728, clasificado como traballador ou albanel.

Entrou no revier, na enfermería, o 25 de xuño de 1942, onde foi intervido segundo o "Libro de operacións" de Mauthausen. Os presos procuraban por todos os medios non ingresar na revier, xa que alí facíanse todo clase de experimentos e matábanos con inxeccións de gasolina. Polo seu sadismo destacou Aribert Heim, médico das SS, alcumado o Doctor Morte. Segundo declarou o preso José Alcubierre: "Operaban só aos presos que lles interesaba conservar".

O 11 de marzo de 1944 trasladárono a Gusen, onde vai ser o número 13405. Neste campo conseguiu ser liberado o 5 de maio de 1945 polas tropas aliadas. miniatura|Rexistro de Franncisco Rivera cando entrou en Mauthausen Regresou a Francia, a Montrouge, preto de París, e foi recoñecido como refuxiado político polo goberno francés. Alí formou unha nova familia, cando xa tiña outra aquí, con tres fillos (dous fillos e unha filla). Nos anos 60 mesmo levou a súa familia de Padrenda, con problemas económicos, a vivir con el e súa outra muller en Francia.

A súa neta Marisa, que viviu con el, recorda que falaba moito do campo. Sentíase un privilexiado por ter sobrevivido. Contoulle que cando xa o ían asasinar na cámara de gas, deulle por facer o saúdo militar, o que lles causou moita graza aos verdugos, que lle perdoaron a vida. miniatura|Ficha de Francisco Rivera como refuxiado en Francia Cando se instalou en Montrouge traballou na construción. Recibiu unha pensión de Alemaña amañada pola Amicale de Mauthausen francesa.

Fixo unha visita á terra onde naceu en 1975, despois da morte de Franco, durante un mes, pero xa tiña demencia. Morreu en 1979, en Francia, onde xa morreran antes as súas mulleres.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Amat-Piniella, Joaquim (2014). K. L. Reich. Barcelona: Libros del Asteroide. Bermejo, Benito; Checa, Sandra (2006). Libro memorial: españoles deportados a los campos nazis (1940-1945). Madrid: Ministerio de Cultura. Federación Nacional de Deportados e Internados Resistentes y Patriotas (1969). Deportación. El horror de los campos de concentración. Barcelona. Editorial Petronio. Hernández de Miguel, Carlos (2015). Los últimos españoles de Mauthausen. La historia de nuestros deportados, sus verdugos y sus cómplices. Barcelona. Ediciones B. VV. AA. (2004). Livre-mémorial des déportés de France arrêtés par mesure de répression et dans certains cas per mesure de persécution 1940-1945. París: Éditions Tirésies. Wachsmann, Nikolaus (2015). Historia de los campos de concentración nazis. Barcelona. Crítica.

Categoría:Nados en 1899 Categoría:Nados en Padrenda Categoría:Finados en 1979 Categoría:Galegos finados en Francia Categoría:Membros galegos da Resistencia francesa Categoría:Galegos sobreviventes dos campos de concentración nazis