Samos é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca de Sarria. Segundo o IGE en 2014 tiña 1.458 habitantes (1.820 no 2006, 1.897 no 2005, 1.923 no 2004, 1.999 no 2003). O xentilicio é samanense.
Demografía
Censo total (habitantes) 1.458 (2014) Menores de 15 anos 66 (4.53 %) Entre 15 e 64 anos 803 (55.07 %) Maiores de 65 anos 589 (40.4 %)
Localización Limita ao norte co concello de Láncara; ao sur cos do Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón; ao leste cos de Triacastela, Pedrafita do Cebreiro e Folgoso do Courel e ao oeste cos de Sarria e O Incio. Pertence ao partido xudicial de Sarria e á diocese de Lugo.
Samos atópase nos contrafortes das serras orientais de Galiza, montes de Lóuzara, Serra do Oribio e Montes da Albola. O relevo é moi accidentado; a altitude media é superior aos 700 m. e máxima está no Oribio, a 1.443 m. O río Sarria, afluente do Miño, drena a vertente occidental e polo leste baixa o río Lóuzara cara ao Lor e posteriormente o Sil. Poden apreciarse tres zonas ben diferenciadas: a central, zona de asentamento das poboacións máis importantes; a zona norte, máis aberta e con terras en pendente e suaves lombas, e Lóuzara, a zona sur, cunha paisaxe bravía chea de montañas e vales.
A oscilación térmica é grande, uns 13 °C: o clima é frío no inverno e xea con frecuencia. As precipitacións van desde os 900 aos 1.500 mm.
O concello esténdese sobre 136,77 km² e a cidade máis próxima é Lugo, a 43 km.
Historia Da época do megalitismo consérvase a necrópole de Santa Mariña, un conxunto de corenta mámoas declarado Ben de Interese Cultural.
En época sueva Martiño de Dumio fundou o mosteiro, ao que está ligada toda a historia de Samos. O nome provén de Samanos, que posibelmente fai referencia a un lugar habitado por unha comunidade relixiosa. O mosteiro abandonouse brevemente arredor do ano 714 até que Froila I llo asignou ao abade Arxerico. Nel pasou a súa adolescencia o futuro rei Afonso II o Casto após o asasinato do seu pai, Froila I, no ano 768.
Os dominios do mosteiro fóronse ampliando, especialmente desde que o papa Alexandre III lle concedeu unha bula no ano 1175 outorgándolle dereitos e rendas sobre 105 igrexas de todo o reino. Nos séculos XVII e XVIII leváronse a cabo numerosas obras nel, dándolle a súa arquitectura actual.
Economía Desde comezos do século XX, Samos perdeu o 70% da súa poboación, especialmente entre 1940 e 1980. O 85% dedícase á agricultura, fundamentalmente a gandería, con vacas e tamén porcos e ovellas.
Patrimonio histórico e artístico
Desde hai tempo, moitos peregrinos desvíanse do camiño de Santiago entre Triacastela e Sarria para visitar o Mosteiro de San Xulián de Samos.
Próxima a este está a capela do Salvador, construída a finais do século IX con influencia mozárabe.
Festas e celebracións San Bieito, o 11 de xullo Santa Basilisa, patroa do mosteiro, o 9 de xaneiro. Romaría de San Roque, en Santalla, o 16 de agosto.
Galería de imaxes
Parroquias
Lugares de Samos Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Samos vexa: Lugares de Samos.
Notas
Véxase tamén
Categoría:Samos Categoría:Localidades do Camiño Francés