Bénigne Breunot (ás veces citado como Bruno ou Bruneau),A cuestión das variantes do apelido trátase en profundidade en Chabouillet, A. (1873). Páxinas 282-292. nado en Dijon en 1591 e finado en París o 15 de novembro de 1666, foi un bibliotecario e numismático francés, director da Biblioteca Real e responsable do Gabinete de Medallas do Rei Luís XIV.

Traxectoria Bénigne Breunot foi bautizado na igrexa de San Miguel de Dijon o 20 de outubro de 1591, o que fai pensar que o seu nacemento sucedeu só uns días antes. Era fillo de Gabriel Breunot, conselleiro no Parlamento de Borgoña (que faleceu en 1618), e de Marguerite Robert (que faleceu en 1595).Masson, R. "Breunot (Bénigne de)". Centre de Recherche du Château de Versailles (chateauversailles-recherche-ressources.fr).Chabouillet, A. (1873). Páxinas 291-292.

No canto de suceder o seu pai no cargo que aquel ocupaba, a partir de 1627 exerceu como un dos catro maître d'hôtel do príncipe Gastón de Orleáns, irmán de Luís XIII. Este posto debeulle servir para se converter, en 1653, en abade comendatario de Saint-Cyprien en Poitiers —unha honra anteriormente reservada para eclesiásticos de alto rango—. Tamén lle foi confiado o coidado da colección privada do príncipe.Chabouillet, A. (1873). Páxina 293.

Falecido Gastón o 2 de febreiro de 1660, deixoulle en herdanza a Luís XIV a súa biblioteca e as súas coleccións, entre as que destacaba a de "moedas de ouro, prata e cobre, pedras gravadas, antigüidades e outras rarezas". Estas coleccións foron trasladadas ao Louvre e, Breunot foi nomeado daquela conservador do Gabinete de Medallas e Antigüidades do Rei, posto que ocupou entre 1660 e 1666. Ademais, asignóuselle para a súa residencia un pequeno apartamento contiguo, no mesmo edificio.

O 15 de novembro de 1666, un home psicoloxicamente perturbado entrou no Gabinete, no que estaba só Breunot, e deulle varias coiteladas, que lle causaron a morte. O seu asasino tamén resultou falecido, polos disparos dos gardas do Louvre. O rei ordenou entón que Pierre de Carcavi, un escribán da Biblioteca Real, fose nomeado como o seu sucesor na dirección do Gabinete. Aproveitando este cambio de titular, as coleccións e o propio Gabinete foron trasladados desde o Louvre á sede da Biblioteca Real.Sarmant, T. (1994).

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

"Bénigne Bruno, intendant du Cabinet des médailles et antiques du roi, 1660-1666". En Les intendants et gardes du Cabinet des médailles des origines à 1753. Biblioteca Nacional de Francia. 2007. Páxinas 4-5. Chabouillet, A. (1873). "Le sieur Bruno". En Nouvelles archives de l'art français. Páxinas 282-313. Sarmant, T. (1994). "Le Cabinet au Louvre (1661-1666)". En Le Cabinet des médailles de la Bibliothèque nationale, 1661-1848. École des chartes, París. Páxinas 25-34. ISBN 978-2-900791-09-7

Categoría:Nados en 1591 Categoría:Finados en 1666 Categoría:Nados en Dijon Categoría:Numismáticos de Francia Categoría:Bibliotecarios Categoría:Directores de museos Categoría:Relixiosos católicos de Francia Categoría:Persoas relacionadas coa Biblioteca Nacional de Francia Categoría:Finados por arma branca Categoría:Personalidades sen imaxes