A viaxe apostólica de León XIV a España celebrouse entre o 6 e o 12 de xuño de 2026. Durante a súa estadía, o papa visitou Madrid, Barcelona, Gran Canaria e Tenerife. Tratouse da primeira visita dun pontífice a España dende 2011, cando Bieito XVI participou na Xornada Mundial da Xuventude celebrada en Madrid, e da cuarta viaxe internacional de León XIV dende a súa elección en maio de 2025.
A viaxe foi anunciada oficialmente o 25 de febreiro de 2026 polo voceiro da Santa Sé, Matteo Bruni, mediante un comunicado da Sala Stampa. Responde á invitación do rei Filipe VI e da Conferencia Episcopal Española (CEE), entidade encargada de organizar a recepción do pontífice a través do comité preparatorio.
A viaxe tivo un marcado carácter social, con especial atención á realidade migratoria das Illas Canarias, e un destacado compoñente cultural e relixioso arredor da Sagrada Familia de Barcelona, onde o pontífice inauguraou a Torre de Xesucristo coincidindo co centenario da morte do arquitecto Antoni Gaudí.
Antecedentes Relación de León XIV con España A relación de León XIV con España remóntase a antes do seu pontificado. A súa nai, Mildred Agnes Martínez (1911–1990), era neta de emigrantes españois establecidos na Luisiana española; o seu bisavó, Vincent Martínez, figura no censo dos Estados Unidos de 1880 como residente en Nova Orleans e nacido en España.
Como prior xeral da Orde de Santo Agostiño, cargo que desempeñou durante dous mandatos consecutivos entre 2001 e 2013, Robert Prevost visitou en numerosas ocasións comunidades e centros educativos agostiños de toda España. Entre as cidades que percorreu figuran Madrid, León, Ávila, Valladolid, Salamanca, Bilbao, Huelva, Sevilla, Málaga, Santander, Valencia, Zaragoza e Tenerife, entre outras. A súa derradeira visita a España como cardeal produciuse en setembro de 2024, cando presidiu unha misa na capela da casa natal de santa Tareixa de Xesús, en Ávila.
Preparación da viaxe A última visita dun papa a España tivo lugar en agosto de 2011, cando Bieito XVI presidiu a Xornada Mundial da Xuventude celebrada en Madrid. En setembro de 2024, o papa Francisco expresou o seu desexo de visitar as Illas Canarias para «estar preto dos gobernantes e do pobo canario» ante a crise migratoria que afectaba o arquipélago, aínda que o seu falecemento, o 21 de abril de 2025, impediu que a viaxe chegase a realizarse. León XIV recuperou este proxecto ao comezo do seu pontificado.
O 9 de xaneiro de 2026, o cardeal José Cobo, arcebispo de Madrid e vicepresidente da Conferencia Episcopal Española, confirmou o interese do papa por visitar España tras unha reunión con monseñor Edgar Peña Parra, substituto para os Asuntos Xerais da Secretaría de Estado da Santa Sé. Nela participaron tamén o presidente da CEE, monseñor Luis Argüello; o arcebispo de Barcelona, o cardeal Juan José Omella; o bispo de Canarias, monseñor José Mazuelos; e o bispo de Tenerife, monseñor Eloy Alberto Santiago. Nese encontro, a delegación española presentou un primeiro borrador no que se propoñían Madrid, Barcelona e Canarias como sedes da visita.
A comezos de febreiro de 2026 púxose en funcionamento o sitio web oficial do comité preparatorio e constituíronse formalmente os comités organizadores nacional e locais, baixo a coordinación xeral de Yago de la Cierva.
O 25 de febreiro de 2026, a Santa Sé confirmou oficialmente a realización da viaxe a través do seu boletín de prensa. Posteriormente, o 6 de maio de 2026, deu a coñecer o programa oficial da visita.
Entre o 1 e o 5 de xuño de 2026, o comité organizador nacional da viaxe papal e a Conferencia Episcopal Española (CEE), en colaboración co proxecto audiovisual Historia Hispana, publicaron unha serie de vídeos biográficos nas contas oficiais da viaxe papal nas redes sociais. Estes vídeos presentaban santos asociados cos lugares visitados polo papa León XIV. Escolléronse dous santos para cada unha das comunidades autónomas visitadas: Cataluña (Santa Baia de Barcelona e o Venerable Antoni Gaudí), as Illas Canarias (San Pedro de San Xosé Betancur e San Xosé de Anchieta) e a Comunidade de Madrid (San Sidro Labrego, Santa María da Cabeza e Santa Soledade Torres Acosta). Tamén se publicaron vídeos doutros tres santos españois asociados coa adoración eucarística: Santa Tareixa de Ávila, San Pascual Baylón e San Manuel González.
Lema, logotipo e himno
A lema: «Alzade a mirada» O lema oficial da viaxe, «Alzade a mirada», deuse a coñecer en dous tempos. O 6 de abril de 2026, véspera da súa presentación formal, o presidente da Conferencia Episcopal Española (CEE), o arcebispo de Valladolid Luis Argüello, revelouno anticipadamente nunha mensaxe de Pascua difundida por Trece TV, a canle televisiva vinculada á CEE. Ao día seguinte, 7 de abril de 2026, o Comité Organizador Nacional presentou oficialmente o lema, o logotipo e a plataforma dixital conelpapa.es nunha rolda de prensa celebrada na sé da CEE en Madrid, coa participación do coordinador xeral da viaxe, Yago de la Cierva, e do responsable de comunicación da CEE, Josetxo Vera. O mesmo 7 de abril, a Sala de Prensa da Santa Sé publicou o lema e o logotipo no seu boletín oficial, outorgándolles carácter definitivo.
O lema elixido, «Alzade a mirada», é unha cita do Evanxeo de Xoán, extraída do diálogo que Xesús de Nazaret mantén cos seus discípulos en Galilea tras o seu encontro coa Samaritana xunto ao pozo de Sicar, pasaxe no que Cristo revela a súa identidade como Mesías. A CEE describiu o lema como «unha invitación que articula toda a visita do Papa León XIV: un xesto interior e colectivo que anima a saír da mirada baixa —pechada en nos mesmos, na rutina e na división— para devolver a todos á dignidade orixinal a través da contemplación e a apertura aos demais».
O responsable de comunicación da CEE, Josetxo Vera, explicou que o lema articula os tres eixos temáticos da viaxe, cada un identificado cunha das cidades visitadas: a unidade, referida a Madrid; a beleza, referida a Barcelona; e a caridade, referida ás Illas Canarias. Fontes eclesiais subliñaron que o lema conecta directamente cun dos momentos máis simbólicos da viaxe, a inauguración da Torre de Xesucristo da Basílica da Sagrada Familia de Barcelona, que converterá ese templo no edificio relixioso máis alto do mundo; o acto de alzar a mirada quedaría así reflectido literalmente no aspecto arquitectónico da viaxe.
O logotipo O logotipo foi deseñado por María del Mar Chapa e presentado oficialmente o 7 de abril de 2026. Está construído como un círculo aberto en movemento formado por figuras humanas unidas entre si e orientadas cara arriba, de modo que a composición no seu conxunto representa «comunidade, encontro e apoio mutuo»: non o mero feito de estar xuntos, senón o de avanzar xuntos cara a unha meta común.
No centro da composición figura a silueta da Virxe María, que os organizadores describiron como «eixo e corazón do movemento»: dende esa posición central acolle e irradia, constituíndo o punto de converxencia de todas as miradas alzadas. A verticalidade do conxunto non remite a ningún lugar xeográfico concreto, senón á idea abstracta de elevación cara a algo que, en palabras da deseñadora, «nos convoca e nos supera».
As figuras humanas que forman o círculo incorporan referencias iconográficas ás catro dioceses visitadas. Na parte correspondente a Madrid distínguese a silueta da Porta de Alcalá, arco triunfal do século XVIII e símbolo recoñecible da capital. Na parte correspondente a Barcelona aparece a silueta das torres da Basílica da Sagrada Familia, cuxa Torre de Xesús inaugura León XIV durante a viaxe. Na sección dedicada ás Illas Canarias o logotipo incorpora a imaxe do mar e unha embarcación, alusión directa á crise migratoria no Océano Atlántico que constitúe un dos eixos sociais da viaxe.
O himno Paralelamente ao desenvolvemento do logotipo e o lema, os organizadores encargaron a composición dun himno oficial da viaxe. O proceso de creación levouse a cabo a través da plataforma dixital de música católica VIVAFE, impulsada polo grupo Ábside Media, coa asesoría espiritual dos sacerdotes Toño Casado e Jaime Salmoreno.
A composición naceu dun encontro intensivo de compositores celebrado o 5 de marzo de 2026 en Madrid, ao que asistiron artistas pertencentes a comunidades católicas como Hakuna e TUYO, xunto a novos talentos, seleccionados a través dunha convocatoria aberta en redes sociais. O himno, cuxo título é «Alza la mirada», foi gravado o 22 de marzo de 2026 de forma simultánea en catro templos vinculados á visita papal: a Catedral da Almudena de Madrid, a Basílica da Sagrada Familia de Barcelona, a Catedral da Laguna en Tenerife e a Catedral de Santa Ana en Gran Canaria. En total participaron máis de 1700 voces procedentes de colexios, parroquias, asociacións e comunidades de toda España, conformando un coro simultáneo sen precedentes no ámbito da música relixiosa española.
Durante a sesión de gravación na Catedral da Almudena, o cardeal Cobo, arcebispo de Madrid, estivo presente e animou os participantes: «Non deixedes de cantar xuntos. Hoxe facémolo para preparar a visita do Papa, pero ten que continuar despois». O himno foi producido polo compositor e produtor tinerfeño Pablo Cebrián. Presentouse de maneira oficial o 16 de abril de 2026.
O 6 de maio de 2026, a Sala de Prensa da Santa Sé publicou o programa oficial da viaxe, que comprende 21 actos en seis días e nos que o papa intervirá con discursos ou homilías en 17 ocasións. O itinerario percorrerá preto de 2500 quilómetros e articúlase arredor de tres eixos pastorais comúns a todas as etapas: a caridade, expresada en encontros con entidades de asistencia social e de acollida a migrantes; a Eucaristía, que centrará cada xornada; e o encontro, tanto coa sociedade civil e as institucións como coas Igrexas locais.
Programa por cidades