Devil Daggers é un videoxogo de disparos en primeira persoa desenvolvido e publicado polo equipo de desenvolvemento independente Sorath. Os xogadores teñen ad tarefa de sobrevivir o maior tempo posible contra enxames de inimigos demoníacos nunha area envolta na escuridade. O personaxe do xogador pode disparar dagas cos seus dedos para eliminar os inimigos e moverse para evitar o contacto con eles. O xogador morre ao tocar un inimigo e, a medida que pasa o tempo, comezan a aparecer criaturas máis ameazantes. Os tempos de supervivencia rexístranse nunha táboa de clasificación global onde se pode acceder e ver repeticións das partidas. O uso deliberado de texturas e efectos sen filtrar como a trepidación de polígonos e a deformación de texturas fan que o seu estilo visual lembre os primeiros xogos 3D lanzados na década de 1990.

Devil Daggers lanzouse para Windows en febreiro de 2016, despois de recibir luz verde para o seu lanzamento na plataforma de distribución dixital Steam. As versións para macOS e Linux lanzáronse en xullo e setembro de 2016 respectivamente. O xogo recibiu críticas positivas e foi eloxiado polo seu deseño de son, estilo visual único e xogabilidade desafiante. Non obstante, algúns críticos sinalaron que durante as súas últimas etapas o número abafador de inimigos e o estilo visual dificultaban a comprensión do que estaba a suceder. Os críticos compararon a estética, o movemento e a mecánica de disparo de Devil Daggers con Doom, Quake e outros xogos de disparos en primeira persoa da década de 1990.

Notas

Categoría:Shooters en primeira persoa Categoría:Videoxogos de 2016 Categoría:Videoxogos dun só xogador