O Bergantiños Fútbol Club feminino é un equipo de fútbol galego da localidade de Carballo. Trátase do equipo feminino do Bergantiños Fútbol Club. Xoga os seus partidos como local no Estadio das Eiroas.
O Bergantiños feminino foi fundado en 2016 e na tempada 2026-27 compite na Terceira Federación Femenina, cuarta categoría do fútbol feminino español.
Historia En 2016 o Bergantiños anunciou que crearía, de xeito conxunto coas Escolas Luis Calvo Sanz, un proxecto de fútbol feminino. O obxectivo inicial era poñer algún equipo en competición na seguinte tempada. O Bergantiños feminino, dirixido por Gueli Cotelo e David Iglesias debutou na Segunda División feminina fronte á Silva Sociedad Deportiva, caendo en Meicende por cinco goles a un.
O 27 de xuño de 2021 o Bergantiños feminino conseguiu o ascenso á Primeira Galega por primeira vez na súa historia logo de impoñerse na quenda de penaltis ao Bueu. O equipo pesentouse na nova categoría cun cadro de 25 xogadoras, entre elas seis reforzos respecto do equipo que acadara o ascenso na tempada precedente. O debut do Bergantiños na Primeira Galega tivo lugar o 10 de outubro de 2021 no campo de Victoria B nun partido que acabou con vitoria das xogadoras de Gueli Cotelo por 0-2.
Na tempada do seu debut na Primeira Galega o equipo fixo historia ao proclamarse campión do grupo norte logo de que a Federación Galega lle concedera a vitoria por incomparecencia do Friol B.
No verán de 2024 Gueli Cotelo deixou o banco do Bergantiños para pasar a coordinar toda a estrutura feminina do club carballés, logo dunha exitosa etapa como adestrador na que conseguiu un dobre ascenso a Primeira Femenina de Galicia (2021) e a Terceira Federación Femenina (2024), logo de tres intentos sen éxito. En xullo dese mesmo ano chegou ao banco do equipo vermello o soneirán José Pastoriza, que con todo, puxo fin á súa etapa no banco carballés por motivos persoais e profesionais un meses despois, en febreiro de 2025.
En xuño de 2025 o Bergantiños anunciou que o técnico madrileño Raúl Martos estaría á fronte do banco do equipo carballés na súa segunda tempada en Terceira Federación, na que o obxectivo do club sería a permanencia e a mellora nos resultados respecto da tempada do seu debut na categoría.
Ao final da tempada 2025-26 anunciouse que Gueli Cotelo deixaba o club. O carballés, que formara parte do proxecto desde o seu inicio, deixaba o seu cargo como coordinador do fútbol feminino dun Bergantiños que non deixara de medrar e que no momento da súa marcha contaba con equipo sénior, filial sénior, cadete, infantil, alevín e promesas.
Estadio
miniatura|250px|Entrada ao Estadio Municipal das Eiroas. O Bergantiños xoga os seus partidos como local no Estadio Municipal das Eiroas, inaugurado en 2001 e cunha superficie de céspede artificial de 105 x 65 metros. O estadio está situado no Polígono industrial de Bértoa e ten capacidade para 3 500 persoas. O complexo conta tamén cun campo anexo de dimensións máis reducidas con capacidade para 2 500 persoas.
Xogadoras destacadas Elena Vázquez
Adestadores Gueli Cotelo (2016-24) José Pastoriza (2024-25) Raúl Martos (2025- )
Filial Ao finalizar a tempada 2025-26 o Bergantiños B conseguiu o ascenso a Primeira Galega logo de finalizar na terceira posición na Segunda Galega e caer no play-off de ascenso fronte o Milagrosa, contra o que perdeu tanto na ida como na volta, disputada nas Eiroas. O ascenso debeuse á reestruturación da Terceira Federación, que pasou de 12 a 14 equipos para a tempada 2026-27. Deste xeito o filial carballés encadeou dous ascensos en dúas tempadas.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Sitio web oficial do Bergantiños FC
Categoría:Equipos de fútbol feminino de Galicia