Ricardo Mella Cea, nado en Vigo o 23 de abril de 1861 e finado o 7 de agosto de 1925 na mesma cidade,Fernández (1990), p. 84 foi un dos primeiros escritores, intelectuais e activistas libertarios de España. Caracterizouse por ser un estudoso e crítico de variados temas, así como falante e tradutor de inglés, francés e italiano.

Foi o pai da activista feminista Urania Mella, que fora represaliada polos sublevados na Guerra civil española xunto co seu marido Humberto Solleiro, e tamén do político socialista Ricardo Mella Serrano.

Traxectoria Naceu na Gamboa, fillo de Dolores Cea Fernández e de José Mella Buján, sombreireiro e militante do republicanismo federal, que influíu ao seu fillo máis vello no respecto polos ideais republicanos e democráticos e máis a admiración por Francesc Pi i Margall. Ingresou moi novo Mella no partido deste, o Partido Republicano Democrático Federal, do que chegou a ser secretario, e destacando xa na súa defensa do estatuto republicano federalista, ollando para a autonomía política e administrativa de Galicia.

Traballou na súa mocidade nunha axencia marítima do seu Vigo natal, que xa daquela estaba a experimentar unha transformación e expansión considerable coma cidade mercantil e industrial. Comezou o seu traballo xornalístico no periódico La Verdad, xornal portavoz do máis extremo republicanismo, que apoiaba de raíz a loita do proletariado galego, e denunciando a presenza do caciquismo que xa se vía presente en Galicia. O carácter duro das súas denuncias ocasionaron unha denuncia por inxurias de José Elduayen -Marqués do Pazo da Mercé-, político canovista e representante local do poder central do goberno de Sagasta, a quen Mella acusou dun desfalco no Banco de España no que Elduayen fora gobernador. En abril de 1881 foi condenado pola Audiencia Provincial a 4 anos e 3 meses de desterro e multa de 625 pts., conmutada posteriormente a 3 anos e 7 meses en 1882.

Fundou en Vigo La Propaganda, publicación federalista de marcado carácter obreirista, que se mantivo catro anos, de 1881 a 1885. O xornal foi presentado no congreso sindical de Barcelona onde se fundou a Federación de Trabajadores de la Región Española, dando un xiro do republicanismo socialista ao anarquismo, cambio que foi seguido con ledicia por Mella. Poucos días denantes de recoller a súa condena, asistiu en Sevilla ao 2º congreso da Federación (24 a 26 de setembro de 1882), onde coñeceu a Juan Serrano Oteiza, coñecido anarquista de Madrid e editor de La Revista Social e tamén a Antoni Pellicer, membro directivo do comité federal.

Desterro Trasladouse a Madrid a cumprir a condena imposta, renovando o contacto con Juan Serrano, casando logo coa filla deste, Esperanza Serrano Rivera, coa que tivo 12 fillos. Foi nesta época (1884) cando traduciu o libro Dios y el Estado de Bakunin, colaborando coa Revista Social, coa publicación mensual Acracia de Barcelona e co xornal barcelonés El Productor (subtitulado Periódico Anarquista) dirixidos por Antoni Pellicer, Rafael Farga i Pellicer e Anselmo Lorenzo.

Aconsellado polo seu sogro, estudou topografía, gañando unha oposición e trasladándose a Andalucía para exercela; onde tomou contacto cos ambientes libertarios da época, que se opuñan ao latifundismo ao que estaban suxeitos os campesiños, aprendendo deles a súa gran capacidade de propaganda, e rexeitando a súa violencia. Durante a súa estancia en Sevilla, fundou o xornal La Solidaridad, entre outros, e no que defendeu o anarquismo colectivista. miniatura|Evolución y revolución. Discurso no Círculo Federal de Vigo, 1892. Nesta época acode ao I e II Certame Socialista (Reus, 1885, Barcelona 1889), con 8 traballos, todos eles premiados: El problema de la emigración en Galicia; Diferencias entre el comunismo y el colectivismo; La anarquía: su pasado, su presente y su porvenir; Breves apuntes sobre las pasiones humanas; La nueva utopía (novela imaginaria); El colectivismo: sus fundamentos científicos; Organización, agitación, revolución e El crimen de Chicago.

Retorno a Galicia En 1895 volveu a Vigo, e durante o ano seguinte acolleu na súa casa a Josep Prat que fuxira de Barcelona escapando da represión na cidade durante o proceso de Montjuïc e a quen lle conseguirá un embarque para América.Fernández (1990), p. 77 En Vigo, pasou pouco tempo pois, en 1897, foi chamado polo seu traballo a Pontevedra, para colaborar no tendido do ferrocarril. Na capital da provincia tratou aos redactores de La Unión Republicana e escribiu para El Progreso de Madrid e El Corsario da Coruña, desde onde denunciou os fusilamentos de anarquistas de Montjuïc, Barcelona. Alí principiou o seu labor de espallar o anarquismo entre o campesiñado gallego, inspirándose na súa experiencia andaluza.

Ao mesmo tempo comezou unha intensa colaboración con varias publicación como os xornais La Revista Blanca, La Anarquía e La Idea Libre de Madrid; con El Despertar de Nova York;Fernández (1990), p. 76 en La Protesta de Bos Aires; revistas Ciencia Social, de Barcelona e Bos Aires; en La Questione Sociale de Bos Aires e L'Humanite Nouvelle de París. Desta época é tamén o seu libro Lombroso y los anarquistas (Barcelona, 1896), onde criticou as teorías antropolóxicas do médico e criminólogo italiano Cesare Lombroso; Los sucesos de Jerez (Barcelona, 1893); La barbarie gubernamental en España (Brooklyn, 1897); La ley del número (Vigo, 1899); La cooperación libre y los sistemas de comunidad (memoria que levou, en setembro de 1900, ao Congreso Revolucionario Internacional de París); Del amor, modo de acción y finalidad social (Barcelona, 1900); Táctica socialista (Madrid, 1900) e La coacción moral (1901).

Asturias O seu traballo de topógrafo levouno a Asturias, onde comezou un período de silencio, ante as graves divisións do anarquismo da época. Porén deixou sona naquela terra a través do seu primeiro biógrafo Pedro Sierra e máis de Eleuterio Quintanilla con quen fundaría Acción Libertaria.

Retorno a Vigo Volveu escribir nos xornais a raíz da Semana tráxica de 1909, desta vez nas páxinas de Acción Libertaria de Xixón e Vigo e El Libertario, onde, segundo Pedro Sierra están as mellores liñas que produciu coa súa pluma e mantivo un contacto permanente por correspondencia co presidente do Ateneu Enciclopèdic Popular de Barcelona, Josep Maria de Sucre. Foi tamén neste ano cando volveu a Vigo, chamado para a construción das liñas de tranvías da cidade, dos que ao seu remate, foi nomeado Director-Xerente por Martín Echegaray Olañeta.

Dende este momento e até a súa morte, deixou a militancia activa e as colaboracións nos xornais, dedicándose de cheo ós seus labores profesionais, mais aínda en 1911 asistiu en representación de Asturias ao congreso da Confederación Nacional do Traballo. O seu pasamento constitúe a maior mostra de dor pública que se viu na época, deténdose os tranvías e máis toda a cidade, nunha demostración do alto respecto que acadou na súa vida de calada loita. Fica enterrado do Cemiterio de Pereiró, nun mausoleo feito por Asorey e pagado por colecta publica.

Escribiu máis de trinta ensaios ao longo da súa vida, sendo moitos deles premiados internacionalmente, e sendo traducido ao italiano, holandés, francés, inglés e portugués. O peso do sindicalismo revolucionario da CNT dos primeiros tempos procede das súas teses, nas que se reflectían os seguintes preceptos básicos:

Todos os homes teñen necesidade de desenvolvemento físico e mental en grao e forma indeterminada. Todos os homes teñen o dereito de satisfacer con liberdade esta necesidade de desenvolvemento. Todos os homes poden satisfacela por medio da cooperación ou comunidade voluntaria.

Obras Artigos e ensaios miniatura|Lombroso y los anarquistas, 1896. El Problema de la emigración en Galicia (monografía). Diferencias entre el comunismo y el colectivismo (monografía). La reacción y la revolución, artigo publicado na revista Acracia de Barcelona. La Anarquía no admite adjetivos, publicado en La Solidaridad. Breves apuntes sobre la naturaleza humana. La Nueva utopia. El colectivismo. Organización, agitación y revolución. El crimen de Chicago, recensión histórica. La ley del número, sobre ficción democrática. A los campesinos. En defensa de la anarquía.

Libros Lombroso y los anarquistas (1896). Resposta ao libro Gli Anarchici de Cesare Lombroso (1894). Plumazos, escolma de artigos. Ideario. Breves apuntes sobre las pasiones humanas (editado por Tusquets, 1976, ISBN 9788472237124)

Traducións Dios y el estado de Mikhail Bakunin. La anarquía de Errico Malatesta. La ciencia moderna y el anarquismo de Piotr Kropotkin. miniatura|I.E.S. Ricardo Mella de Vigo. Recoñecementos En Vigo puxéronlle o seu nome a un Instituto de Ensino Secundario e a unha avenida. En 2018, os irmáns Ramón e Xosé Trigo remataron, mediante crowfounding na plataforma Verkami, a obra de banda deseñada Ricardo Mella. O home novo, sobre a súa vida, con edición en galego e en castelán.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Urania Mella Ricardo Mella Serrano Ligazóns externas Biografía na web do IES Ricardo Mella Textos escritos e discursos de Ricardo Mella sobre a Revolta de Haymarket. Escritos varios de Ricardo Mella, na Biblioteca Anarquista Lombroso y los anarquistas, en solidaridadobrera.org (en epub e pdf) La ley del número, en solidaridadobrera.org (en epub e pdf)

Categoría:Escritores de Galicia coa obra no dominio público Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Políticos de Galicia Categoría:Anarquistas de Galicia Categoría:Enxeñeiros de Galicia Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1861 Categoría:Finados en 1925 Categoría:Artigos destacados sobre Galicia