Leonardo Román Riquelme, nado en Eivisa o 6 de xullo de 2000, é un futbolista español que xoga como porteiro no Deportivo da Coruña. É internacional coa selección española.

Traxectoria

Comezos Nacido en Eivisa, formouse como futbolista nas canteiras do Atlético Isleño, Sant Rafel e Atlètic Penya Blanc-i-Blava, antes de ingresar no equipo xuvenil da Peña Deportiva en 2017. O 31 de agosto de 2018, rematada a súa etapa como xuvenil, volveu ao Sant Rafel, para xogar cedido no primeiro equipo, da Terceira División.

Debutou na cuarta categoría do fútbol español o 3 de novembro de 2018, nunha derrota por 1-2 ante a UD Poblense. Volveu á Peña Deportiva en xuño de 2019, despois de xogar 14 partidos, e foi destinado ao equipo principal da Segunda División B. Disputou sete encontros co club de Santa Eulària des Riu, onde foi o segundo gardameta do equipo por detrás de Javi Seral.

Mallorca En agosto de 2020 asinou un contrato de catro anos co Mallorca e foi destinado inicialmente ao equipo filial, tamén de Terceira. Fíxose coa titularidade dende a primeira xornada e na súa primeira tempada recibiu as súas primeiras convocatorias polo primeiro equipo. Na tempada 2021/22 compaxinou o filial co primeiro equipo, onde o adestrador Luis García estaba a ter problemas na portería. Debutou co conxunto principal o 16 de decembro de 2021, sendo titular nunha vitoria por 0-6 contra a UD Llanera na Copa do Rei, e xogou tamén o seguinte encontro de Copa ante o Eibar.

Aproveitando unha lesión de Dominik Greif e o baixo momento de forma de Manolo Reina, o 8 de xaneiro de 2022 Luis García fíxoo debutar na Primeira División contra Levante, e aínda que o encontro acabou en derrota por 0-2, o porteiro callou unha boa actuación. Pechou a tempada con cinco partidos co primeiro equipo e dez co filial.

En xullo de 2022 renovou o seu contrato co equipo Bermellón ata 2026, e aínda que seguiu contando con ficha do filial, pasou a ser xogador do primeiro equipo. Con todo, só puido xogar dous encontros ao longo da campaña, na que o gardameta titular indiscutible foi o internacional serbio Predrag Rajković.

Cesión ao Oviedo Para a tempada 2023/24, foi cedido ao Real Oviedo, da Segunda División. No club asturiano foi o dono da portería durante toda a tempada, sendo un dos catro únicos xogadores que disputaron todos os minutos de liga, xunto aos tamén gardametas Jokin Ezkieta, Ander Cantero e Luca Zidane. Xogou ademais a promoción de ascenso a Primeira, caendo na final ante o Espanyol.

Regreso a Mallorca Regresou ao Mallorca en xullo de 2024 para formar parte do equipo de Primeira División, pero disputou só oito encontros ao longo da tempada, sendo Dominik Greif o gardameta elixido por Jagoba Arrasate na maioría de xornadas. O 16 de xullo de 2025 renovou o seu contrato ata 2030, e coa saída de Greif fíxose coa titularidade na tempada 2025/26, por diante do finés Lucas Bergström. Disputou 33 encontros, nunha campaña que culminou co descenso do equipo balear á Segunda División.

Deportivo da Coruña O 3 de xullo de 2026, asinou un contrato de cinco anos co Deportivo da Coruña, que viña de ascender á máxima categoría, despois de que o club galego pagase os 9 millóns de euros da súa cláusula de rescisión.

Selección nacional En maio de 2026 foi incluído na lista previa da selección española para a Copa do Mundo de 2026, pero non entrou no corte final. Debutou coa selección absoluta o 4 de xuño dese ano, contra Iraq en Riazor, substituíndo a Joan Garcia no minuto 73. Converteuse así primeiro xogador nacido en Eivisa en xogar coa selección nacional.

Vida persoal Seu pai Vicente tamén foi futbolista e porteiro, ademais de adestrador, mentres que o seu irmán maior Alejandro tamén xoga na mesma posición. Seu pai tamén xogou na Peña Deportiva e adestrou os seus dous fillos no Sant Rafel.

Notas

Categoría:Nados en 2000 Categoría:Nados en Eivisa Categoría:Futbolistas das Illas Baleares Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores da SCR Peña Deportiva Categoría:Xogadores do RCD Mallorca B Categoría:Xogadores do RCD Mallorca Categoría:Xogadores do Real Oviedo Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España