Mago Teto, nome artístico de Héctor Guerra, nado en Viana do Bolo o 2 de maio de 1977, é un ilusionista, produtor cultural e empresario galego. Está considerado un dos magos máis recoñecidos de Galicia, cunha traxectoria iniciada a comezos da década de 1990. Os seus espectáculos caracterízanse pola combinación de ilusionismo, humor e elementos da cultura tradicional galega, especialmente en montaxes como A maxia da Santa Compaña ou O afiador.
Traxectoria Interesouse pola maxia en 1990, tras ler o seu primeiro libro sobre ilusionismo. Debutou publicamente o 17 de maio de 1992, coincidindo co Día das Letras Galegas, no instituto da súa vila natal. En 1996, estreou o seu primeiro espectáculo profesional, A maxia dos soños, co que iniciou a súa carreira artística. En 1997, participou na fundación do Colectivo Máxico Waldemar, unha asociación creada para impulsar a maxia en Galicia e que promoveu iniciativas como o festival internacional Lugo Máxico. Posteriormente foi tamén coorganizador doutros festivais de ilusionismo celebrados en Galicia. Dende os seus comezos colaborou habitualmente coa Televisión de Galicia, participando en programas como Supermartes, A Revista, Acompáñenos, Miraxes ou Zigzag diario, ademais doutras aparicións en TVE, Antena 3 e Telecinco.
Espectáculos A súa produción artística abrangue espectáculos de pequeno e gran formato, tanto para teatro como para rúa. Entre os máis coñecidos salientan:
A maxia dos soños (1996). Tolemaxias. Perto de ti (2006). A maxia da Santa Compaña (2009), espectáculo multidisciplinar inspirado na mitoloxía galega. O afiador (2010), baseado na figura tradicional dos afiadores ourensáns. As novas Tolemaxias (2011) Íntimo Alquimia Ultreia Rock'n Magic As nosas letras
A súa obra destaca pola incorporación de elementos da cultura e da tradición galegas, como a Santa Compaña, o Camiño de Santiago ou a figura do afiador, combinándoos con técnicas de ilusionismo contemporáneo.
Notas
Categoría:Nados en Viana do Bolo Categoría:Nados en 1977 Categoría:Personalidades da maxia