O Goberno provisional do País Vasco, tamén denominado Goberno de Euzkadi (de acordo coa ortografía usada na década de 1930; en ), foi a institución de goberno autónomo do País Vasco, constituída o 7 de outubro de 1936, ao comezo da guerra civil española, baixo a presidencia do lehendakari José Antonio Aguirre, do Partido Nacionalista Vasco.
Historia A formación do goberno e o «oasis vasco» Ante a imposibilidade de celebrar eleccións ao Parlamento Vasco por causa da guerra, nunha disposición transitoria do Estatuto de Autonomía estabeleceuse que o primeiro presidente do goberno vasco sería nomeado polos concelleiros dos concellos non ocupados polo bando franquista. Así foi como o 7 de outubro de 1936 resultou elixido lehendakari por unanimidade na Casa de Xuntas de Gernika o líder do PNV, José Antonio Aguirre. Este formou inmediatamente un goberno no que o PNV ocupou as principais consellerías —Defensa (da que se fixo cargo o propio Aguirre), Xustiza e Cultura, Gobernación e Facenda— e o resto os partidos da Fronte Popular (PSOE, Izquierda Republicana, Unión Republicana, Acción Nacionalista Vasca e Partido Comunista de Euskadi). Quedou fóra a CNT polo veto do PNV. En realidade foi un goberno presidencialista, xa que Aguirre concentrou moitos poderes ao ser ao mesmo tempo lehendakari e conselleiro de Defensa, nun momento en que a prioridade era a guerra.
O goberno só exerceu a súa xurisdición efectiva sobre o minguado territorio vasco baixo control republicano (Biscaia e partes de Guipúscoa e Áraba).
A hexemonía do PNV no seo do goberno quedou patente no programa político moderado que fixo público pouco despois da súa constitución. Facía fincapé no respecto á liberdade de culto e na garantía da seguridade do clero, o que non estaba a suceder en absoluto no resto da zona republicana. Para o mantemento da orde pública creouse a policía foral (<i>Ertzaña</i>), os presos quedaron sometidos á xurisdición ordinaria e protexeuse a pequena e mediana propiedade. Ademais, estabeleceuse a cooficialidade do éuscaro e o fomento das «características nacionais do pobo vasco». A consecuencia de todo iso foi que a situación política e social do País Vasco republicano foi completamente diferente á do resto da zona republicana. Alí respectouse a Igrexa católica, non houbo revolución social nin «checas» nin tribunais actuando á marxe da lei, e existiu ademais un pluralismo político moito maior. Por iso falouse do «oasis vasco».
No momento en que Aguirre foi nomeado lehendakari a fronte estabilizouse, e así permaneceu até marzo de 1937, cando as tropas franquistas renovaron a súa ofensiva. Neses seis meses o goberno de Aguirre construíu unha administración propia que absorbeu case todas as competencias do Estado —e tamén das deputacións forais e dos municipios— grazas ao illamento do País Vasco da zona principal que permanecera fiel á República, pero tamén debido ao desexo do PNV de crear un «Estado vasco». Así, como destacou o historiador José Luis de la Granja, de outubro de 1936 a xuño de 1937 o goberno de Aguirre transformou o que era un «Estatuto de mínimos» nunha «autonomía de máximos», e converteu Euskadi (que naceu entón por primeira vez na historia como entidade xurídico-política) nun pequeno Estado semindependiente con todos os seus atributos. Mantivo relacións exteriores a través das súas delegacións no estranxeiro (sobre todo en Francia e no Reino Unido), formou o exército regular de Euskadi, cuns 40 000 soldados encadrados en 90 batallóns de partidos e sindicatos, mandado politicamente (e mesmo militarmente en maio de 1937) por Aguirre como conselleiro de Defensa; cuñou moeda e expediu pasaportes; reorganizou a xustiza (coa Audiencia Territorial, o Tribunal Popular e o Tribunal Militar de Euskadi) e concedeu indultos; creou a Universidade Vasca e numerosos organismos de todo tipo, segundo consta no Diario Oficial do País Vasco (Bilbao, 1936-1937). miniatura|Ikurriña adoptada polo goberno de Euzkadi Dado que o novo goberno atopábase illado do resto da España republicana (e desde a caída de Irún non posuía comunicacións terrestres con Francia), este debeu organizar unha sorte de exército propio para defenderse da ameaza que se cernía sobre Biscaia. Foron creados un exército (Euzko Gudarostea) e unha mariña de guerra (Euzko Itsas Gudarostea) que tentaron facer fronte ás forzas do bando sublevado, especialmente as comandadas polo xeneral Mola. Os batallóns do Euzko Gudarostea formados polo nacionalismo vasco non se unificaron coas milicias doutros partidos e sindicatos e permaneceron baixo o control directo de Aguirre e do PNV. Asumindo as súas competencias de «mantemento da paz social e a orde pública», o goberno vasco reorganizou tamén os corpos de seguridade existentes (a Garda de Asalto e a Garda Civil) e creou unha nova organización policial, a «Ertzaña».
Con todo, o goberno vasco non puido facer fronte á superioridade militar do bando sublevado, especialmente aos bombardeos aéreos, como foi o caso dos bombardeos de Durango e Gernika. Despois dunha longa campaña militar, o 19 de xuño de 1937 caeu Bilbao e a principios de xullo os últimos territorios baixo a súa xurisdición quedaron baixo control do xeneral Franco.
Catro días despois da toma de Bilbao, Franco derrogou os concertos económicos de Biscaia e Guipúscoa como castigo por non se sumaren á sublevación. Porén, confirmou o de Áraba e o Convenio de Navarra. Tras a caída dos últimos redutos vascos que aínda resistían o avance franquista, os batallóns do PNV abandonaron a loita e rendéronse en Santoña. Os milicianos vascos socialistas e anarquistas continuaron a combater en Santander e Asturias até a súa caída en outubro de 1937.
O goberno no exilio
dereita|miniatura|O lehendakari Aguirre cos seus colaboradores na Leira Mataleña «Casa Rosales» de Santander, sede provisional do Goberno Vasco tras a caída de Bilbao en xuño de 1937 miniatura|José Antonio Aguirre, con traxe negro e abrigo no brazo, con Lluís Companys (á súa esquerda) en outubro de 1938 en Barcelona Tras a ocupación do País Vasco polas tropas franquistas, algúns líderes do goberno vasco trasladáronse a Barcelona, onde formaron unha especie de goberno no exilio baixo a colaboración do presidente Companys e a Generalitat de Cataluña. Despois da derrota militar e dos numerosos rozamentos no pasado, o goberno republicano nunca volvería considerar en serio as «autoridades vascas».
A comezos de 1939, tras a caída de Barcelona e a derrota republicana, o lehendakari José Antonio Aguirre marchou ao exilio e con el tamén o seu goberno, que seguiu a presidir até o seu pasamento en 1960.
A invasión alemá de Francia obrigou o lehendakari Aguirre a esconderse durante máis dun ano en Bélxica e en Berlín, até que conseguiu un pasaporte que lle permitiu abandonar Alemaña. Mentres tanto Manuel Irujo, refuxiado en Londres, foi quen asumiu o liderado do nacionalismo vasco. O 11 de xullo de 1940 creou o Consello Nacional de Euzkadi (CNE), que adoptou un programa claramente independentista, rexeitando o Estatuto de Autonomía do País Vasco de 1936 aprobado polas Cortes republicanas. Irujo buscou o apoio de Charles de Gaulle, tamén exiliado en Londres, á república vasca que proxectaba, e que se instauraría cando acabase á guerra coa vitoria aliada. Así, o 17 de maio de 1941 o CNE e o Consello da Francia Libre asinaron un acordo polo que unha unidade de soldados e oficiais vascos se incorporaría ás Forzas da Francia Libre. Porén, finalmente as presións británicas obrigaron a de Gaulle a disolvela en maio de 1942.
O goberno británico non só non apoiou o proxecto independentista de Irujo, porque puña en risco a súa política de «apazugamento» respecto de Franco, senón que puxo en marcha unha campaña de difamación contra el. Insinuou que o seu proxecto independentista contaba co respaldo de Hitler e filtrou á prensa o borrador de constitución da futura república vasca que levantou unha gran indignación entre o exilio republicano. En canto José Antonio Aguirre reapareceu (logrou chegar a Arxentina a finais de 1941) retomou a dirección do nacionalismo vasco e desautorizou o proxecto independentista de Irujo. Porén, mantivo como condición ineludíbel para a participación do PNV en calquera organismo da oposición antifranquista o recoñecemento do dereito de autodeterminación para Euskadi. Así, cando o 20 de novembro de 1943 fundouse en México a Junta Española de Liberación (JEL) o PNV non participou porque non se recoñeceu ese dereito. Poucas semanas despois facíase pública unha declaración de oposición á JEL asinada polo PNV, Acción Nacionalista Vasca, a federación rexional da CNT e o comité socialista de Euskadi, autodenominado Partido Socialista de Euskadi.
O Goberno Vasco no exilio estivo lonxe de lograr os seus obxectivos. As súas políticas para gañarse o apoio das democracias occidentais contra o franquismo levárono a colaborar co FBI durante a guerra, e mesmo a expulsar os membros comunistas do goberno para non irritar os estadounidenses. O goberno dos EUA viu que Franco era moito máis útil para os seus propósitos durante a Guerra Fría e o ingreso da España franquista nas ONU en 1955 foi un duro golpe para o goberno no exilio. Este goberno no exilio continuaría existindo até 1979 cando, tras a morte de Franco, o último lehendakari, Jesús María Leizaola, volveu ao País Vasco e traspasou a lexitimidade do goberno vasco da República ao novo lehendakari, Carlos Garaikoetxea, elixido segundo o novo Estatuto vasco.
Composición do goberno Con data do 7 de outubro de 1936 constituíuse oficialmente o primeiro goberno autónomo do País Vasco, que quedou da seguinte forma:
Lehendakari: José Antonio Aguirre (PNV) Conselleiro de Defensa: José Antonio Aguirre (PNV) Conselleiro de Xustiza e Cultura: Jesús María de Leizaola (PNV) Conselleiro de Gobernación: Telesforo Monzón (PNV) Conselleiro de Facenda: Heliodoro de la Torre (PNV) Conselleiro de Industria: Santiago Aznar (PSOE) Conselleiro de Traballo, Previsión e Comunicacións: Juan de los Toyos (PSOE), dimitiu en 1943 Conselleiro de Asistencia Social: Juan Gracia (PSOE), finou en 1941 Conselleiro de Obras Públicas: Juan Astigarrabía (EPK-PCE), dimitiu en 1937 Conselleiro de Comercio e Abastecementos: Ramón María de Aldasoro (IR) Conselleiro de Sanidade: Alfredo Espinosa (UR), fusilado polo bando franquista en 1937 Conselleiro de Agricultura e Pesca: Gonzalo Nárdiz (ANV).
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Estatuto de Autonomía do País Vasco de 1936
Categoría:República española no exilio Categoría:Política do País Vasco Categoría:Guerra civil española