Encarnación Fuyola Miret, nada en Huesca o 3 de setembro de 1907 e finada na Cidade de México o 8 de decembro de 1982, foi unha mestra da Segunda República española e militante do Partido Comunista de España, Exiliouse en México, onde viviu até a súa morte.

Traxectoria Filla de Lorenzo Fuyola Paraíso e de Adela Miret Abad, estudou no Instituto General y Técnico de Huesca, comezou os seus estudos universitarios en Barcelona e proseguiu na Universidade Central de Madrid. Cursou estudos de maxisterio, conseguindo o título de mestra. Tras acabar os seus estudos opositou para Correos e Maxisterio, e gañou ambas oposicións en 1933.

Viviu na Residencia de Señoritas e foi profesora do Instituto-Escuela mentres cursaba o seu doutoramento.

Iniciou a súa traxectoria como docente sendo militante do sindicato FETE-UXT. Presentouse polo Partido Comunista nas eleccións de 1933 por Huesca e Zaragoza, aínda que non foi elixida. Xunto a Irene Lewy Rodríguez e Lucía Barón creou a publicación Compañera!: el órgano de las mujeres trabajadoras, de la ciudad y del campo.

En 1934 participou no Congreso Mundial de Mulleres contra a Guerra e o Fascismo. Pola súa intensa participación política, sobre todo en contra dos gobernos radicais‐cedistas do bienio negro, resultou detida e procesada repetidas veces. Colaborou con Dolores Ibárruri na organización Pro Infancia Obrera, que máis tarde pasou a chamarse Agrupación de Mulleres Antifascistas (AMA), da que chegou a ser Secretaria Xeral, ademais dunha das súas fundadoras. Tamén foi membro do consello de administración das revista Mujeres, o órgano oficial da AMA, cuxo primeiro número saíu o 15 de febreiro de 1936 baixo a dirección de Ibárruri.

Guerra Civil No verán de 1936 as instalacións da Residencia de Señoritas foron reutilizadas para servizos sanitarios. O goberno impuxo o traslado das residentes cara á retagarda valenciana. María de Maeztu, fundadora de devandita residencia, fora destituída da dirección en setembro de 1936. Un Comité presidido por Regina Lago García, composto por antigas residentes e alumnas, asumiu as responsabilidades da xestión do Grupo Feminino da Residencia de Estudiantes. Fuyola foi unha das vogais xunto a Pilar Coll Alas, Teresa Andrés Zamora e Aurora Arnáiz Amigo.

Ao estalar a guerra en 1936 loitou na fronte de Madrid co grao de comandante en tarefas de organización e información. En 1937 foi substituída como secretaría de AMA por Emilia Elías, e escribiu Mujeres antifascistas, su trabajo y su organización. Así mesmo, participou na liberación de comunistas presos nos campos de concentración de Alacant. Estaba casada con Luis Sendín quen foi fusilado en outubro de 1942 en Madrid xunto con Heriberto Quiñones e Ángel Cardón.

Exilio en México Concluída a guerra civil, Fuyola tivo que exiliarse a Francia, onde o Partido Comunista Francés (PCF) a axudou a emigrar a México. Embarcou no buque El Havre e chegou a Veracruz en novembro de 1939. Trasladouse a Zamora (Michoacán), onde residiu catro anos. De Zamora pasou á Cidade de México onde se instalou en casa de militantes comunistas, iniciou unha nova relación e tivo un fillo.

Un ano despois da súa chegada a Veracruz rexistrouse como Encarnación Martín Miret no canto usar o seu nome real, Encarnación Isabel Danilisa Fuyola Miret.

Desde 1943 e até a súa morte traballou na capital mexicana como correctora de estilo e tradutora de francés en varias editoriais. Continuou a colaborar co PCE desde o exilio, escribindo e corrixindo artigos para Mundo Obrero e España Popular, órgano do PCE en México. En 1949 e 1950 foi secretaria e presidenta de Unión de Mujeres Españolas (UME).

Notas

Categoría:Comunistas de España Categoría:Nados en Huesca Categoría:Finados en 1982 Categoría:Nados en 1907 Categoría:Exiliados do franquismo