Teresa Andrés Zamora, nada en Villalba de los Alcores (Valladolid) en 1907 e finada en París o 5 de xullo de 1946, foi unha bibliotecaria española que estivo á fronte das Bibliotecas de Cultura Popular durante a guerra civil. Delegada en Valencia do Ministerio de Instrución Pública, militante comunista, republicana, sindicalista e feminista, tivo que exiliarse, primeiro a Bélxica e logo a Francia, onde finou aos 39 anos de idade.

Traxectoria

Primeiros anos e formación Teresa Andrés Zamora naceu en Villalba de los Alcores (Valladolid), pero creceu en Cevico de la Torre (Palencia). Alí naceron os seu catro irmáns (Troadio Félix, Dionisio, Mariano e Victoriano) e a súa irmá Isabel, que, como Teresa, estudaron carreiras universitarias (Maxisterio, Perito Industrial, Filosofía e Letras, Dereito, Medicina e Farmacia). Estudou o bacharelato en Palencia, onde viviu nun piso alugado coa súa avoa. Obtivo matrícula de honra en todas as materias e Premio Extraordinario na Reválida. De 1923 a 1927 estudou a carreira de Filosofía e Letras en Valladolid na modalidade de alumna oficial, onde foi Premio Extraordinario de Licenciatura. Ao mesmo tempo preparou como alumna libre as materias de Maxisterio en Palencia, que tamén aprobou. En 1928, coa intención de facer o doutoramento, trasladouse a Madrid e instalouse na Residencia de Señoritas.

Na Residencia de Señoritas Entre os cursos 1928-29 e 1930-31 Teresa Andrés foi profesora aspirante no Instituto-Escuela, onde deu clases de Xeografía.

Na Residencia de Señoritas soubo da loita polos dereitos das mulleres. Durante o curso 1928-1929 Clara Campoamor deu alí unha conferencia, «Como crea la mujer el Derecho». En 1928 celebrouse en Madrid o Congreso Internacional de Mulleres Universitarias. Entre as participantes estaban as representantes da International Federation of University Women, algunhas das cales se aloxaron no mesmo pavillón da Residencia de Señoritas no que residía Teresa Andrés.

Durante a súa estancia na Residencia colaborou coas actividades que levaban a cabo na institución. Unha delas foi unha viaxe a Andalucía durante a cal Teresa impartiu a súa conferencia sobre Arte. Tamén colaborou co Centro de Estudios Históricos participando nas Misiones de arte que puxo en marcha o arquitecto Pablo Gutiérrez con fins divulgativos, ofrecendo cursos, visitas guiadas a museos e conferencias, entre outros. No curso 1933-1934 Teresa impartiu, xunto con Encarnación Cobré Herrero, un ciclo de catro conferencias no Ateneo de Bilbao sobre Prehistoria e sobre a reixa, tema este último que foi obxecto da súa tese doutoral. Aprobou os catro cursos de doutoramento, e nese período coñeceu a quen chegou a ser o seu marido, Emili Gómez Nadal.

Bibliotecaria miniatura|Biblioteca de Cultura Popular instalada no incautado Palacio dos condes de Revillagigedo e bibliotecas circulantes, plan de lectura pública. Teresa Andrés Zamora foi a bibliotecaria que levou a cabo esta sección Ante a convocatoria de oposicións ao corpo de arquivos, bibliotecas e arqueólogos, decidiu preparalas, deixando o seu contrato co Instituto-Escuela. O 8 de agosto de 1931 publicouse o resultado dos exames, nos que Teresa obtivo a maior puntuación. O seu primeiro destino foi a dirección do Museo Arqueolóxico de León.

O 9 de setembro de 1931 foi nomeada xefa do Arquivo do Palacio de Oriente, onde se encargou de organizar e salvagardar os fondos que contiña o Palacio.

A Junta de Ampliación de Estudios concedeulle unha bolsa en 1932 con 11 meses de estancia en Alemaña. Alí foi testemuña da ascensión de Hitler. Durante a súa estancia en Alemaña seguiu cursos de arqueoloxía medieval, escultura alemá do século XIV e pintura medieval no Instituto de Historia da arte da Universidade de Berlín. Traballou en varias bibliotecas e museos. Regresou a España en setembro de 1933 e avanzou na súa tese doutoral, «La rejería en España», dirixida por Manuel Gómez-Moreno.

En 1935 recibiu dúas bolsas máis, unha na Sección de Arqueoloxía do Centro de Investigacións Históricas para unha viaxe de estudos co fin de facer unha investigación sobre a reixa nas catedrais de Cuenca, Valencia, Barcelona e Zaragoza. A outra bolsa terminou en 1936.

Comité da Residencia de Señoritas Tras o abandono de María de Maeztu da dirección da Residencia de Señoritas, o 21 de setembro de 1936 constituíuse un Comité presidido por Regina Lago e formado por Encarnación Fuyola e Pilar Coll ademais de Teresa Andrés.

Cultura Popular Teresa levou a cabo a política bibliotecaria de Cultura Popular desde que se creou o organismo en 1936 até que foi suprimido en 1938. A través dos diferentes cargos para os que foi designada logrou coordinar as diversas actividades de Cultura xeral. Entre elas atopábanse, ademais da creación de bibliotecas, a propagandística e a de exposicións e publicacións, entre outras.

Bibliotecas de Cultura Popular Foi unha organización próxima ao PCE constituída co fin de coordinar as manifestacións culturais que realizasen as organizacións e partidos que integraban a Fronte Popular. A súa orixe foron as bibliotecas obreiras que viñan organizando desde finais do século XIX. O goberno pecháraas en 1934 e voltáraas abrir a principios de 1936. A sección creouse coa finalidade de coordinar os servizos que prestaban as bibliotecas. Para iso creárase unha oficina central encargada de organizar o préstamo de libros dunha biblioteca a outra. A oficina, ademais, centralizaba a compra de novidades, de modo que se lograse alcanzar o maior número de lectores. O plan estratéxico baseábase na estrutura por seccións: ensino e universidades populares, misións populares, teatro, cine-club, coros, folclores, artes plásticas, deporte, bibliotecas, ateneos, publicacións... A rebelión militar obrigou a acelerar a posta en marcha deste plan. Procedeuse á incautación do tesouro artístico e ao abastecemento de bibliotecas na fronte e nos hospitais. Nun ano, de 1936 a 1937, creáronse 1097 bibliotecas con lotes de 120 libros destinadas a gardarías, hospitais, fogares do soldado e organizacións políticas antifascistas.

A sección de biblioteca encargábase de dar instrucións para organizar as bibliotecas e facer chegar a radio e a prensa á fronte e aos hospitais, entre outros.

A Orde de 4 de setembro de 1936 da Xunta de Defensa Nacional, no seu preámbulo cualificaba a xestión do Ministerio de Instrución pública como negativa «apoiando a publicación de obras de carácter marxista ou comunista, coas que organizou bibliotecas ambulantes e das que alagou as Escolas a costa do Tesouro Público». Polo tanto consideraba a súa supresión/depuración «un caso de saúde pública» e ordenaba a

Cargos públicos Teresa Andrés formou parte da Comisión Xestora do Corpo de Facultativos de Arquivos. Creada o 5 de agosto de 1936, o seu obxectivo foi «pór a cultura ao servizo das masas populares españolas».

O Decreto de 16 de febreiro de 1937 creou o Consello Central de Arquivos, Bibliotecas e Tesouro Artístico. Estaba formado por tres seccións: Arquivos, Bibliotecas e Tesouro Artístico. A Sección de Bibliotecas constaba de subseccións: bibliotecas históricas, bibliotecas científicas, bibliotecas xerais e fomento bibliotecario, da que se encargou Teresa Andrés.

A Sección de Bibliotecas deu un respaldo definitivo ao Plan de Bibliotecas, baseada nas Misiones Pedagógicas, pero cunha mensaxe e obxectivo diferente. Cultura Popular dirixíase a sindicatos e organizacións políticas antifascistas e coa irrupción da guerra debeu dirixirse tamén ás trincheiras e aos hospitais.

O 31 de outubro de 1937 o Goberno trasladouse a Barcelona. Teresa Andrés foi nomeada delegada do Ministerio de Instrución Pública en Valencia, cargo que exercerá até principios de marzo, data na que xa se atopa en Barcelona.

En 1937 escribiu Indicaciones para la organización de las Bibliotecas de Frentes, Cuarteles y Hospitales Valencia: Cultura Popular e Un año de trabajo en la Sección de Bibliotecas 1937-1938.

Entre xaneiro e abril de 1938 presidiu o tribunal de selección do persoal que recibiría o curso que debían facer quen fosen ocupar unha das 50 prazas de encargados de biblioteca que se ofertaban.

O 19 de outubro de 1938 publicouse a Orde mediante a que se suprimían os diferentes organismos e cesábanse todos os seus membros.

Sindicalista Até principios de marzo de 1938 presidiu o Sindicato FETE-UXT Provincial de Valencia.

Exilio En 1936 o pai de Teresa e o seu irmán Dionisio foron detidos e fusilados. O seu irmán Mariano, avogado, morreu na fronte do Ebro. A súa nai e a súa irmá foron depuradas e suspendidas de emprego e soldo. Teresa foi dada de baixa no escalafón do corpo de arquiveiros, bibliotecarios e arqueólogos en 1939.

En 1938 naceu en Bélxica o seu fillo Vicente, que quedou ao coidado das Femmes Universitaires. O 27 de febreiro de 1939 Teresa volveu polo seu fillo co que viviu en Bélxica, onde Teresa dirixiu o Fogar de Limelette para nenos españois en Valonia. Este fogar pechou en 1939, despois de repatriar os nenos acollidos. Teresa e o seu fillo marcharon a París onde se reuniron con Emili Gómez Nadal. Emili participou na xestión do Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles . Viviron en Francia onde naceu o seu segundo fillo, Antonio, en 1941.

O matrimonio desistiu de ir a México e quedou en París, onde colaborou coa Resistencia. Os fillos foron enviados a Madrid coa nai de Teresa, Pilar Zamora. En 1944 finou Vicente a consecuencia dunha meninxite.

Teresa traballou no Catálogo colectivo de libros españois, das Bibliotecas Nacionais e Universitaria. Ese mesmo ano Teresa e o seu marido participaron na creación da Unión de Intelectuales Españoles en cuxo boletín Teresa publicou dúas entregas, «Las bibliotecas generales en España» e «Las realizaciones culturales de 1936-1939». Con esta publicación puxo sobre a mesa un dos problemas con que se atoparía a República despois do derrubamento do réxime fascista: a reorganización cultural de España.

Teresa foi a autora da resolución «Los intelectuales republicanos quieren un Gobierno verdaderamente representativo», que se aprobou case unanimemente en Asemblea xeral ordinaria da Unión de Intelectuales

Traballou na organización do Primeiro Congreso da Federación Democrática Internacional de Mulleres que se inaugurou en París o 26 de novembro de 1945 coa participación de delegadas de 41 países. Participou xunto a Dolores Ibárruri como representante das comunistas españolas.

Finou de leucemia aos 39 anos de idade.

Notas

Categoría:Sindicalistas da UGT Categoría:Pensionados da JAE Categoría:Misiones Pedagógicas Categoría:Finados en 1946 Categoría:Nados en 1907 Categoría:Nados en Villalba de los Alcores Categoría:Exiliados do franquismo