Neoscopelus serranoi é unha especie de peixe mariño de profundidade da familia dos neoscopélidos (Neoscopelidae). Foi descrita como especie nova en 2024 a partir de exemplares recollidos no océano Atlántico e no suroeste do océano Índico. A especie recibe o seu nome específico en homenaxe ao ictiólogo español Alberto Serrano, pola súa contribución ao estudo dos peixes de profundidade.

Descubrimento Neoscopelus serranoi foi descrita o 29 de outubro de 2024 por Rafael Bañón, David Barros-García, Juan Carlos Arronte, Sonia Rábade, José Luis Del Rio, Francisco Baldó e Alejandro De Carlos. A descrición publicouse na revista Zootaxa tras unha revisión integradora do complexo de especies do xénero Neoscopelus, combinando caracteres morfolóxicos, datos moleculares e información bioxeográfica.

Descrición A especie é morfoloxicamente moi semellante a Neoscopelus microchir, pero diferénciase por presentar unha base da aleta anal máis curta, unha aleta pelviana máis curta, un maior número de radios nas aletas dorsal e pectoral, un menor número de radios na aleta anal e un menor número de branquispiñas e fotóforos. A súa identidade como especie independente foi corroborada mediante análises do xene mitocondrial COI.

Distribución A especie distribúese polo océano Atlántico, incluíndo as costas da Península Ibérica, e esténdese ata o suroeste do océano Índico. Os exemplares coñecidos proceden de fondos mariños profundos.

Notas

Categoría:Peixes de Galicia Categoría:Animais descritos en 2024