Na ecoloxía das enfermidades infecciosas e epidemioloxía, un reservorio natural, tamén chamado reservorio de enfermidade ou reservorio de infección, é a poboación de organismos ou o ambiente da especie na cal vive de forma natural, persiste e se reproduce un patóxeno infeccioso ou do cal o patóxeno depende de forma primaria para sobrevivir. Un reservorio é normalmente un hóspede vivo dunha especie determinada, como un animal, humano ou planta, dentro do cal sobrevive o patóxeno, a miúdo sen causar doenzas graves no propio reservorio. Segundo algunhas definicións, un reservorio pode tamén ser un ambiente externo a un organismo, como a auga contaminada, solo ou aire, se o patóxeno pode persistir alí o suficiente tempo para contribuír á transmisión.

A causa da divesidade de microorganismos infecciosos que hai, o seu rango de hóspedes e os diferentes sistemas ecolóxicos nos cales circulan, as definicións de reservorio natural son numerosas e ás veces conflitivas. En xeral, o concepto de reservorio aplícase máis claramente a patóxenos capaces de infectaren máis dunha poboación hóspede e defínese en relación a unha pobaoción diana, o que significa que a poboación na cal ocorre a enfermidade está sendo estudada e controlada. O reservorio é calquera poboación de organismos, ou nalgúns casos calquera ambiente, no cal o patóxeno se mantén e no cal se transmite a infección á poboación diana. Os reservorios poden ser unha ou máis especies, poden ser a mesma especie ou diferente da poboación diana, e no uso amplo poden solaparse con sistemas de transmisión baseados en vectores, aínda que os vectores son xeralmente considerados distintos dos reservorios.

É importante identificar os reservorio natuais dos patóxenos infecciosos para impedir e controlar gromos infecciosos en humanos e animais domésticos, especialmente no caso de doenzas zoonóticas e de doenzas para as que non hai vacinas efectivas. Nalgunhas situacións, as intervencións dirixidas a intervencións, como a vacinación animal, a redución da exposición humana, a remediación ambiental, ou o control de vectores pode reducir a transmisión. Porén, pode ser difícil identificar o verdadeiro reservorio, e para algúns patóxenos, incluíndo, por exemplo, os ebolavirus, o suposto reservorio non está claro.

Definición e terminoloxía A diversidade de patóxenos, hóspedes e sistemas de transmisión deu lugar a múltiples definicións do termo reservorio natural, algunhas das cales salientan a especie hóspede e outras un sistema ecolóxico. Nunha análise conceptual de 2002 publicada en Emerging Infectious Diseases, un reservorio natural definiuse como "unha ou máis poboacións ou ambientes conectados epidemioloxicamente nos cales o patóxeno pode manterse permanentemente e dos cales se transmite a infección a unha poboación diana definida".

A poboación diana é a poboación ou especie na cal o patóxeno causa doenzas e na cal os epidemiólogos intentan medir, predicir ou impedir a transmisión. En moitos contextos médicos os humanos son a poboación diana, pero en veterinaria e epidemioloxía da vida silvestre a poboación diana pode ser gando, animais de compañía ou animais silvestres. Unha poboación pode funcinar, pois, como reservorio nun contexto epidemiolóxico, pero non noutro.

Algunhas defincións distinguen os reservorios dos non-reservorios polo grao en que os hóspedes infectados desenvolven unha doenza clínica. Neste interpretación máis estrita un hóspede reservorio pode albergar e transmitir un patóxeno experimentando poucos ou nngúns síntomas. Porén, a falta de síntomas non se esixe en todas as definicións, e algúns recoñecen que os hóspedes reservorio poden tamén desenvolver a enfermidade en certas condicións.

Un patóxeno capaz de manterse en máis dunha poboación hóspede pode ter múltiples reservorios naturais.

Reservorio, fonte e vector Os termos reservorio, fonte de infección e vector están relacionados pero non son sinónimos. O reservorio é o hábitat ecolóxico no cal vive, persiste e se reproduce normalmente un patóxeno. A fonte de infección é a persoa, animal, obxecto ou substancia da cal un hóspede adquire directamente a infección. Nalgúns casos o reservorio e a fonte son a mesma, mais noutros son distintos. Por exemplo, a auga ou comida contaminada poden servir como fonte inmediata de infección mesmo cando o reservorio a longo prazo é animal ou ambiental.

Un vector é un organismo vivo, xeralmente un artrópodo como un mosquito, pulga ou ácaro, que transmite un patóxeno dun hóspede a outro. Os vectores poden exercer un papel esencial na transmisión, pero non son automaticamente reservorios. Nalgúns sistemas de enfermidades o patóxeno multiplícase dentro do vector, mentres que noutros o vector serve fundamentalmente como transportador. Distinguir entre reservorio, fonte e vector é importnte en epidemioloxía porque cada un deles implica diferentes estatexias de control.

Tipos de reservorios Os reservorio s naturais divídense comunmente en tres grandes categorías: humano, animal e ambiental.

Reservorios humanos Os reservorios humanos son persoas infectadas por patóxenos que existen sobre ou dentro do corpo humano. Algunhas infeccións, como a poliomielite e a varíola, existen exclusivamente dentro de reservorios humanos e ás veces descríbense como antroponoses. Os humanos poden actuar tamén como reservorios de doenzas de transmisión sexual, sarampelo, papeiras, infección estreptocócica e varios patóxenos respiratorios.

As persoas asintomáticas ou presintomáticas poden transmitir a infección, o cal fai que os reservorios humanos sexan especialmente importantes no control de doenzas respiratorias e entéricas.

Os reservorios humanos tamén inclúen as comunidades microbianas comensais que habitan o corpo. Por exemplo, non existen microbiomas no intestino, pel, vaxina etc. que poidan albergar á vez organismos patóxenos e xenes de resistencia a antibióticos sen causaren enfermidade. Estas poboacións microbianas poden funcionar como reservorios non só de patóxenos senón tamén de elementos xenéticos que proporcionan resistencia, denominados en conxunto resistoma.. Os mecanismos de transferencia horizontal de xenes permiten que os xenes de resistencia se movan entre as bacterias comensais e as patóxenas dentro dun mesmo hóspede, incrementando a posibilidade de aparición de infeccións resistentes a fármacos. Como resultado, o microbioma humano ten un importante papel en determinar a dinámica de transmisión, especialmente para a resistencia a antimicrobianos.

Por tanto, para comprendermos os reservorios humanos non só cómpre identificar individuos infectados, senón tamén explicar a colonización, a estrutura da comunidade microbiana e o movemento dos xenes de resistencia dentro e entre hóspedes. Esta perspectiva está facéndose cada vez máis importante en epidemioloxía, xa que agora se recoñece que a resistencia a antimicrobianos é un perigo para a saúde pública global.

Reservorios animais Os reservorios animais inclúen animais domesticados e silvestres infectados por patóxenos que poden manterse en poboacións animais e transmitirse aos humanos ou outros hóspedes susceptibles. Moitas zoonoses importantes teñen sistemas de reservorios animais.

Por exemplo, a bacteria Vibrio cholerae, que causa o cólera en humanos, ten reservorios naturais en copépodos, zooplancto e marisco. Os vermes trematodos parasitos sanguíneos do xénero Schistosoma, responsables da esquistosomíase, pasan parte do seu ciclo vital dentro de caracois de auga doce antes de completar o desenvolvemento en hóspedes vertebrados. Os virus do taxon Ebolavirus, que causan a doenza do ébola, pénsase que teñen como reservorio natual os morcegos ou especies salvaxes relacionadas, aínda que o sistema de reservorio exacto segue sen definirse claramente.

Outras doenzas zoonóticas transmitidas de animais a humanos son a rabia, a blastomicose, a psittacose, a triquinose, a enfermidade por rabuñada de gato, a histoplasmose, a coccidioidomicose e a salmonela.

Os reservorios animais comúns inclúen morcegos, roedores, vacas, porcos, ovellas, coellos, mapaches, cans e outros mamíferos.

Morcegos Numerosas doenzas zoonóticas foron asociadas cos morcegos. A súa diversidade de especies, comportamento social, padróns de migración e longa duración da vida propuxéronse como as razóns de que sexan hóspedes importantes na ecoloxía dos virus emerxentes. Os Lyssavirus, como o virus da rabia, os Henipavirus, o virus Menangle, o virus Tioman, os coronavirus relacionados co SARS e os filovirus foron ligados a diferentes especies de morcegos. Os morcegos da froita en espcial serven como hóspedes reservorio para o virus Nipah.

Roedores Os roedores son reservorios importantes para varios patóxenos zoonóticos. Os ratos Peromyscus leucopus están entre os hóspedes máis importantes para as espiroquetas Borrelia burgdorferi da enfermidade de Lyme. Os Peromyscus serven como hóspede reservorio do virus Sin Nombre (sic) ou SNV, que causa a síndrome pulmonar de hantavirus. As ratas tamén están implicadas na ecoloxía de doenzas como a enfermidade de Chagas e outras infeccións asociadas a roedores.

Reservorios ambientais Os reservorios ambientais poden ser reservorios vivos ou non vivos que albergan patóxenos fóra do corpo dos animais. Estes reservorios poden ocorrer no solo, auga, plantas, edificios e construcións ou no aire. Os patóxenos neses lugares poden ser de vida libre en parte do seu ciclo vital ou poden persistir o tempo suficiente para ser epidemioloxicamente importantes.

Exemplos son Legionella pneumophila, que pode persistir en sistemas de auga e causar a enfermidade do lexionario, e Vibrio cholerae, que pode sobrevivir en ambientes acuáticos ou en asociación con organismos acuáticos. Os reservorios ambientais son especialmente importantes en doenzas influídas pola recollida do lixo, calidade de auga e contaminación en ambientes edificados.

Transmisión desde os reservorios Un reservorio dunha doenza funciona como ambiente ecolóxico desde o cal un patóxeno chega a un hóspede susceptible. A transmisión pode ocorrer directamente ou indirectamente, dependendo do patóxeno, hóspede e condicións ambientais.

Transmisión directa

A transmisión directa prodúcese por medio da transferencia inmediata de patóxenos desde un hóspede infectado ou reservorio a un hóspede suscepible. Isto inclúe o contacto coa pel, bicos, contacto sexual e espallamento de pingas a curta distancia ao tusir, espirrar ou falar.

Exemplos son Neisseria gonorrhoeae, transmitida por contacto sexual e Bordetella pertussis, transmitida por pingas respiratorias de humanos infectados.

Transmisión indirecta A transmisión indirecta ocorre por medio de rutas intermedias, como partículas levadas polo aire a certa deistancia, alimentos ou auga contaminados, fómites (obxectos contaminados) ou vectores. A transmisión polo aire implica patóxenos transportados a maiores distancias por partículas en suspensión. Vehículos como os alimentos, auga, sangue e fómites poden tamén transmiitr patóxenos pasivamente desde os reservorios aos hóspedes susceptibles. O vector de transmisión pode ser mecánico, no cal o patóxeno é transportado sen que se desenvolvese no interior do vector, ou biolóxico, no cal parte do ciclo de vida do patóxeno ocorre dentro do vector.

Exemplos son a campilobacteriose, a miúdo espallada por comida ou auga contaminadas, e a malaria, causada por Plasmodium falciparum e transmitida por mosquitos infectados.

Estratexia One Health na vixilancia e xestión de reservorios