miniatura|Notación común (diagrama de Fishbone) dos tempos de coagulación en rexistros médicos. O tempo de tromboplastina parcial (PTT), tamén coñecido como tempo de tromboplastina parcial activado (aPTT ou APTT), é un test sanguíneo que caracteriza a coagulación do sangue. Un nome histórico desta medida é tempo de coagulación de caolín-cefalina (KCCT), no que o caolín e a cefalina eran os materiais usados historicamente no test. Ademais de detectar anormalidades na coagulación do sangue, o tempo parcial de tromboplastina tamén se usa para monitorizar o efecto do tratamento con heparina, un anticoagulante moi prescrito que reduce a tendencia do sangue a coagular.

A tromboplastina é unha mestura de varios compoñentes (factor tisular + fosfolípidos), pero nesta proba non ten todos os compoñentes, de aí que se diga que é unha tromboplastina parcial. Ademais, no test engádese un activador da coagulación, de aí que se denomine "activado".

O PTT mide a velocidade global á que se forman os coágulos de sangue por medio de dúas series consecutivas de reaccións bioquímicas coñecidas como vía intrínseca e vía común da coagulación. A PTT é un test do funcionamento de todos os factores excepto os factores VII e XIII. P PTT adoita usarse xunto con outra medida da repidez da coagulación do sangue chamada tempo de protrombina (PT). O PT mide a velocidade de coagulación pola vía extrínseca e a vía común.

Metodoloxía miniatura|Un tubo Vacutainer de tapa azul (vial de citrato de sodio) usado para os tests sanguíneos da PT e a PTT.

O tempo parcial de tromboplastina activado (APTT) realízao normalmente un técnico de laboratorio manualmente ou usando un instrumento automatizado a 37 °C, que é a temperatura aproximada do copo humano. O tempo de protrombina utiliza a tromboplastina completa, que é unha combinación de factor tisular e de fosfolípidos. En contraste, a APTT utiliza tromboplastina parcial, xa que só contén fosfolípidos e non factor tisular, de aí que se denomine tempo de tromboplastina parcial. Ademais no test APTT utilízase un activator para iniciar a vía intrínseca de coagulación do sangue, de aí a denominación activado. Activadores comúns son o caolín, a sílice, a celita e o ácido eláxico. Extráese o sangue e métese nun tubo de ensaio que contén oxalato ou citrato, moléculas que actúan como un anticoagulante ao unirse ao calcio que haxa na mostra. Mestúrase o sangue, despois centrifúgase para separar as células sanguíneas do plasma (xa que o tempo de tromboplastina parcial mídese normalmente usando plasma sanguíneo). Extráese unha mostra do plasma do tubo de ensaio e vértese nun tubo de ensaio de medida. Despois, mestúrase un exceso de calcio (nunha suspensión de fosfolípidos) na mostra de plasma (para reverter o efecto antoicoagulante do citrato, permitindo que o sangue coagule outra vez). Finalmente, para activar a vía intrínseca da coagulación, engádese un activador, e mídese opticamente o tempo que a mostra tarda en coagular. Algúns laboratorios usan unha medida mecánica, que elimina interferencias de mostras lipémicas e ictéricas.

Interpretación O típico rango de referencia está entre 25 e 33 segundos (dependendo do laboratorio). Tempos máis longos de ata 50 s aplícanse a bebés. A redución do PTT considérase que ten pouca relevancia clínica, pero algúns investigadores indican que pode incrementar o risco de tromboembolismo. O PTT normal require a presenza dos seguintes factores de coagulación: I, II, V, VIII, IX, X, XI e XII. Hai que salientar que as deficiencias nos factores VII ou XIII non se detectan co test do PTT.

Un aPTT prolongado pode indicar: Uso de heparina ou warfarina (ou contaminación da mostra) Deficiencia de vitamina K Anticorpo antifosfolípido (especialmente o anticoagulante lúpico, que paradoxalmente incrementa a propensión á trombose) Deficiencia no factor de coagulación (por exemplo, hemofilia, cirrose, enfermidade de von Willebrand) Consumo dos factores de coagulación (por exemplo, sepse, coagulación intravascular diseminada) Presenza de anticorpos contra factores de coagulación (inhibidores de factores) Enfermidade de von Willebrand

Para distinguir ente as causas arriba mencionadas, realízanse tests de mestura, nos cales se mestura o plasma do paciente (inicialmente a dilución 50:50) con plasma normal. Se a anormalidade non desaparece, dise que a mostra contén un "inhibidor" (sexa heparina, anticorpos antifosfolípido ou inhibidores específicos de factores de coagulación), mentres que se esta desaparece, o máis probable é unha deficiencia dun factor. As deficiencias dos factores VIII, IX, XI e XII e raramente do factor de von Willebrand (se causa un baixo nivel de factor VIII) poden orixinar unha aPTT prolongada nos estudos de mestura.

A aPTT adoita ter valores normais na gravidez, mais tende a diminuír lixeiramente ao final da gravidez.

Test de resistencia á APC baseado na aPTT O test de resistencia á proteína C activada baseado no aPTT utilízase na diagnose da resistencia á proteína C activada (APC). Consiste nun test de aPTT modificado realizado en presenza e ausencia de APC. Calcúlase a razón destes valores de aPTT, a cal se denomina razón de sensibilidade á APC (APCsr) ou simplemente razón da APC (APCr). Esta razón está inversamente relacionada co grao de resistencia á APC. O test de resistencia á APC baseada no aPTT desenvolveuse en 1993.

Historia O tempo parcial de tromboplastina describírono en 1953 investigadores da Universidade de Carolina do Norte en Chapel Hill. O fosfolípido exóxeno inicial usado en tests de PTT foi a cefalina.

Notas

Véxase tamén Outro artigos Tromboplastina

Categoría:Análises de sangue Categoría:Hematoloxía