Cecotec é unha empresa española con sede en Alfafar, na área metropolitana de Valencia, especializada no deseño, fabricación e comercialización de diversos produtos, sobre todo, electrodomésticos e produtos para o fogar.

Modelo de negocio e produtos A empresa basea a maior parte do seu negocio na venda directa en liña e en canles dixitais, combinando a súa propia tenda en liña con plataformas de terceiros e marketplaces, como Amazon, Worten ou Carrefour. A compañía conta cunha estratexia de prezos baixos, cun catálogo de produtos variado: robots aspiradores (Conga), robots de cociña (Mambo), aspiradoras verticais, fritideiras de aire (serie CecoFry), lavadoras, secadoras, televisores, mobilidade eléctrica (patinetes, bicicletas), colchóns, artigos fitness doméstico, bricolaxe etc.

Nos últimos anos, a empresa diversificou a súa actividade, creando filiais que operan no mercado inmobiliario e no capital risco.

Historia Cecotec Innovaciones SL foi fundada polos irmáns César e José Orts en 1995 e inicialmente vendía enxoval de cociña.

En 2022, créase a empresa promotora Cecohomes, cunha primeira promoción inmobiliaria en Dénia. Ese mesmo ano, Cecotec chegou a un acordo para comprar o 50% de Evvo Home Europe, unha marca española de electrodomésticos que vendía exclusivamente en liña.

En 2023, foi creada Cecocapital, sociedade de capital risco ligada á empresa, co obxectivo de investir en pequenas e medianas empresas consolidadas con resultados positivos e potencial de crecemento, especialmente naquelas que poidan xerar sinerxías con Cecotec. Ese mesmo ano, a empresa inaugurou a súa primeira tenda física nas instalacións da súa sede en Alfafar.

Controversias En abril de 2023 Cecotec sufriu un ciberataque polo que os datos persoais dos seus usuarios foron roubados, incluíndo o DNI, números de teléfono, nomes, enderezos e correos electrónicos. A empresa tardou 2 anos en comunicarllo aos seus clientes.

Cecotec foi criticada pola mala calidade dos seus produtos. Tamén se notificaron casos de fornos e robots de cociña que estouraron, causando queimaduras aos seus propietarios.

Notas

Categoría:Empresas de electrodomésticos Categoría:Empresas de España