O golpe de estado de Primo de Rivera tivo lugar en España entre o 13 e o 15 de setembro de 1923 encabezado polo entón capitán xeneral de Cataluña, Miguel Primo de Rivera. Tivo como consecuencia a instauración dunha ditadura grazas sobre todo a que o rei Afonso XIII non se opuxo ao golpe e nomeou o xeneral sublevado xefe do Goberno á fronte dun Directorio militar.
O historiador Francisco Alía Miranda sinalou que o golpe de estado de Primo de Rivera foi atípico pola súa simplicidade. Para triunfar só lle fixo falta o respaldo duns poucos militares de prestixio e publicar un manifesto na prensa, Al país y al Ejército. O réxime da Restauración caeu en poucas horas. Polo tanto, non necesitou máis respaldos de xefes con mando en tropa, para iso xa estaba detrás a sombra de Afonso XIII.
Javier Moreno Luzón destacou que Afonso XIII sabía que a entrega do poder aos militares levaba un xiro político crucial. O máis importante en España desde finais de 1874, cando outro golpe facilitara o regreso da dinastía borbónica e a apertura da etapa coñecida como Restauración. Convalidar aquel acto de forza puña en cuestión as funcións moderadoras que asignaba ao monarca a Constitución de 1876. Ademais, agora non se facía cargo do Goberno un caudillo ao servizo dun partido, senón o exército como corporación. Todo iso traería consecuencias imprevisíbeís.
Segundo o historiador Shlomo Ben Ami, cómpre buscar en Cataluña as orixes inmediatas do golpe de Primo de Rivera. Alí a burguesía creou a atmosfera histérica que rodeou a Primo de Rivera coa aureola de «salvador» e colocou a súa rebelión. Así o fixo notar un observador contemporáneo, no contexto xeral da reacción antibolxevique que alcanzara tamén outros países europeos. Cambó, gran representante da alta burguesía catalá, expuxo cruamente o anhelo e a responsabilidade da súa clase pola ditadura:
Con todo, isto non significa que houbese un perigo real de revolución social en vésperas do golpe de Primo de Rivera.
Antecedentes
A crecente intervención do Exército na vida política esquerda|miniatura|Retrato de Afonso XIII vestido co hábito da Orde de Calatrava (1917) Desde o Desastre de 1898 produciuse unha crecente intervención do Exército na vida política española. Presentábase como o intérprete da «vontade popular» e defensor do interese nacional por riba dos intereses parciais e da política partidista. Foron momento clave deste pretorianismo os feitos do ¡Cu-Cut! de 1905 en resposta a unha viñeta satírica antimilitarista. Oficiais da gornición de Barcelona asaltaron a redacción e os talleres desta publicación satírica nacionalista catalá e tamén os do xornal La Veu de Catalunya. Estes feitos conduciron á Lei de Xurisdicións de 1906, e, sobre todo, á crise española de 1917. Nela cobraron especial protagonismo as autodenominadas Xuntas de Defensa, integradas exclusivamente por militares.
Como sinalou José Luis Gómez-Navarro, desde principios do século XX (e de forma crecente a partir da Primeira Guerra Mundial) entre os xefes e oficiais españois estendeuse o antiparlamentarismo e un rexeitamento da política. Consolidouse no exército español a defensa de valores consubstanciais ao profesionalismo militar cuxo peso se incrementou ante a crise: orde, xerarquía, disciplina e autoridade. A el engadíase o seu crecente papel de defensor dos fundamentos da orde social e da institución moderadora que garantía a continuidade do sistema social e político: a monarquía.
O «trienio bolxevique» en Andalucía e a «guerra social» en Cataluña (1918-1923) Nos anos posteriores á crise de 1917 produciuse o estalido dunha grave crise social en Cataluña e no campo andaluz. Declarouse en Cataluña unha auténtica guerra social, con atentados anarquistas e de pistoleiros a soldo de patróns, e tres anos de mobilizacións de xornaleiros do campo en Andalucía, a quen chegaran os ecos da revolución rusa. Aínda que as dúas grandes organizacións obreiras españolas, CNT e PSOE-UXT, non se incorporaron ao movemento comunista, a Revolución de Outubro actuou en España como un imparable mito mobilizador que conmocionou durante anos o movemento obreiro, arrastrou os seus dirixentes e encandeou as masas que tentaban encadrar.
Entre 1918 e 1920 produciuse en Andalucía unha intensificación das mobilizacións que se coñece como «trienio bolxevique». Houbo constantes folgas de xornaleiros que foron respondidas con extraordinaria dureza polos patróns e as autoridades. Durante as folgas os xornaleiros ocupaban as leiras, das que eran desaloxados violentamente pola Garda Civil e o exército. Tamén houbo sabotaxes e atentados. miniatura|Parte posterior do coche no que foi asasinado Eduardo Dato e na que se observan os buratos das balas En Cataluña o conflito iniciouse en febreiro de 1919 coa folga de La Canadiense, o nome co que era coñecida a empresa Barcelona Traction, Light and Power, que fornecía electricidade á cidade. En consecuencia, a cidade quedou sen luz, sen auga e sen tranvías. O goberno liberal do conde de Romanones optou pola vía da negociación acompañada da aprobación do decreto da xornada de oito horas e dun novo sistema de seguros sociais. Porén, tivo que ceder ás presións da patronal, que esixía man dura e que atopou un valioso apoio no capitán xeneral de Cataluña, Joaquín Milans del Bosch, e en Afonso XIII. Así, o conflito obreiro catalán dexenerou nunha guerra social que tivo Barcelona como escenario principal. A violencia dos pistoleiros da patronal foi respondida con atentados terroristas perpetrados polos grupos de acción anarquistas.
O novo goberno do conservador Eduardo Dato nomeou o xeneral Severiano Martínez Anido como gobernador civil. Este acrecentou notabelmente a dura política represiva aplicada por Milans del Bosch contra a CNT. Implantou un réxime de terror que se valía do sindicalismo libre, perseguía os dirixentes cenetistas e aplicaba a lei de fugas. Algúns detidos eran executados sobre a marcha polas forzas da orde co pretexto de que tentaran fuxir. Entre 1920 e 1923 sucedéronse os actos terroristas e a violencia nas rúas entre anarquistas e membros dos Sindicatos Libres e das forzas parapoliciais. A espiral de violencia alcanzou o propio Dato, quen foi cribado a balazos en Madrid por tres anarquistas o 8 de marzo de 1921. En 1923 foron tamén asasinados Salvador Seguí (dirixente da CNT que non apoiara a vía violenta e que defendía a volta á vía sindical) e o arcebispo de Zaragoza, Juan Soldevilla.
O polémico discurso de Afonso XIII no Casino de Córdoba (23 de maio de 1921) miniatura|Salón Liceo do Casino de la Amistad de Córdoba O primeiro problema que tivo que enfrontar o novo goberno formado tras o asasinato de Eduardo Dato (presidido polo tamén conservador Manuel Allendesalazar) foi a polémica levantada polo discurso que Afonso XIII pronunciou o 23 de maio de 1921 no Casino de la Amistad de Córdoba ante os grandes propietarios da provincia e as autoridades da capital. Afonso XIII estaba convencido (e non era o único daquela en Europa) de que o sistema parlamentario se atopaba en decadencia e non era forte abondo para facer fronte ás forzas revolucionarias impulsadas pola «idea soviética», o que o levou a unha crítica xeneralizada das institucións liberais en España (partidos, goberno e Cortes), como se puido comprobar no discurso de Córdoba.
O rei queixouse dos políticos cuxas «mesquindades» impedían que fosen aprobados nas Cortes os proxectos que «interesan a todos». Polo tanto, propuxo que «as provincias» comezasen un movemento de apoio á monarquía «e aos proxectos beneficiosos e entón o Parlamento acordarase de que é mandatario do pobo», pois iso significa o voto que se lle dá nas urnas. A sinatura do Rei será unha garantía de que os proxectos beneficiosos serán unha realidade». Tamén dixo «que el, dentro ou fóra da Constitución, tería que imporse e sacrificarse polo ben da Patria». Afonso XIII era consciente do que estaba a dicir porque antes de lanzar a proposta dixera:
O ministro que o acompañaba, Juan de la Cierva, tentou que os xornalistas só publicasen o «suave resumo» que el preparara. Porén, o texto completo difundiuno con carteis un noticiario cinematográfico (foi a primeira e última vez que un discurso do rei era dado a coñecer deste xeito). José Luis Gómez-Navarro destacou que o verdadeiramente significativo deste discurso non era só a crítica do funcionamento do réxime da Restauración neses anos, senón o seu chamamento á cidadanía a atoparse co seu rei, sen mediacións, fóra dos partidos políticos, para poder ser efectivos e resolver os problemas que España enfrontaba. Afonso XIII dera un salto cualitativo no seu pensamento. A coroa que el representaba convertérase en intérprete da vontade popular, polo menos en situacións de crise.
O Congreso dos Deputados ocupouse do asunto catro días despois. O socialista Julián Besteiro afirmou que o rei tivera palabras de «desprezo» cara ao Parlamento e o tamén socialista Indalecio Prieto proclamou a berros até en tres ocasións: «O Parlamento ten máis dignidade có Rei!» A frase de Prieto non figurou no Diario de Sesións, pero circulou por todo Madrid. En cambio, o conservador Antonio Maura apoiou o monarca e dixo que as súas palabras foran aplaudidas pola «España sensata». O diario católico El Debate publicou que serían «fervorosamente aplaudidas» polas «xentes desligadas da política». Pola súa banda, Afonso XIII asustouse ante o impacto das súas manifestacións e negou calquera intención antiparlamentaria. Porén, en privado confesou que dixera o que pensaba, polo que sintonizaba cos críticos do parlamentarismo, que daquela abundaban en España, en toda Europa e tamén en América Latina.
O Desastre de Annual de xullo de 1921 e as súas consecuencias
miniatura|Cadáveres atopados en Annual O problema máis grave que tivo que afrontar o goberno de Allendesalazar foi a crise provocada polo desastre de Annual dous meses despois no Protectorado español de Marrocos. A ofensiva rifeña liderada por Abd el-Krim concluíu nunha desbandada xeral do exército español en dirección a Melilla. As tropas españolas estaban dispersas nunha fronte moi extensa, cun número de posicións moi elevado e con graves problemas de aprovisionamento. O derrubamento da fronte tivo como consecuencia a perda en tan só uns días do conseguido con graves dificultades durante anos. Ademais do xeneral Silvestre (comandante xeneral de Melilla e xefe das forzas españolas na metade oriental do Protectorado), morreron outros 10 000 soldados.
O desastre de Annual conmocionou a opinión pública e houbo manifestacións e folgas esixindo responsabilidades. Nas Cortes e na prensa tamén se esixiron e o propio Afonso XIII foi acusado de alentar a Fernández Silvestre para actuar da forma tan imprudente en que o fixo. As persoas que máis destacaron nas acusacións contra o rei foron o escritor Miguel de Unamuno e o deputado socialista Indalecio Prieto. Este último concluíu unha das súas intervencións nas Cortes cunha frase que provocou un gran escándalo no hemiciclo e pola que foi procesado:
Prieto tamén se referiu a unha expresión atribuída a Afonso XIII que aludía á gran cantidade de diñeiro que esixían os rebeldes rifeños para liberar os centos de prisioneiros españois que seguían no seu poder (de novo foi amoestado polo presidente do Congreso dos Deputados): «Hai quen atribúe esta actitude do Goberno a unha frase altísima, segundo a cal resulta cara a carne de galiña». Pola súa banda, Unamuno referiuse a un suposto telegrama enviado polo rei a Fernández Silvestre animándoo a que lanzase a ofensiva no que lle dicía: «Olé os homes!» (ou «Olé os teus collóns!» ou «Olé os homes, o 25 espérote!», en referencia á festividade de Santiago Apóstol, patrón de España). O suposto telegrama, supoñendo que existise, nunca se atopou.