Elisa Úriz Pi, nada en Tafalla o 24 de xaneiro de 1893 e finada en Berlín Leste o 14 de agosto de 1979, foi unha mestra, educadora e activista política navarra. Xunto coa súa irmá Josefa, é considerada a precursora da Escola Moderna en España.

Distinguiuse ao longo do século XX por ser unha pioneira nos movementos de renovación pedagóxica, por impulsar as primeiras organizacións en defensa dos dereitos das mulleres e da infancia e por ocupar importantes cargos políticos na Segunda República e na guerra civil.

Traxectoria Era filla do capitán de infantaría Benito Úriz Erro e de Filomena Pi Céspedes, de orixe catalá. Estudou na Escola de Maxisterio de Madrid e traballou como mestra de música nas Escolas Normais de Maxisterio de Xirona, Tarragona e Barcelona. Foi bolseira da Junta de Ampliación de Estudios en Xenebra, onde estudou o método musical de Émile Jaques-Dalcroze. Durante a súa estadía na Escola de Xirona coincidiu un tempo coa súa irmá Josefa, con quen levou a cabo actividades sindicais que causaron o traslado de Josefa a Lleida en 1921.

Durante a Segunda República Española militou na FETE- UGT. Foi a súa dirixente en Lleida ao mesmo tempo que a súa irmá era secretaria xeral. Casou co secretario xeral da UGT de Cataluña, Antoni Sesé i Artaso, e durante uns anos viviron en Tarragona. Fundou a Federación Española de Traballadores da Ensinanza (FETE) en Tarragona e representou este agrupación no Congreso Internacional de Traballadores do Ensino en xuño de 1935 en Meudon-Val-Fleury, preto de París.

A morte do seu marido, asasinado en Barcelona durante os Sucesos de maio de 1937, foi moi duro para Elisa e determinou a vida das dúas irmás. Con todo, continuaron co seu labor educativo e social. Elisa dirixiu o programa Ajut na Federación Catalá de Traballadores e Traballadoras do Ensino. En novembro de 1938 promoveu o manifesto das mulleres de España dirixido ás mulleres de todo o mundo solicitando axuda humanitaria «para que os nosos fillos non pasen fame nin frío». Ao mesmo tempo a súa irmá Josefa foi nomeada directora xeral de Evacuación de Refuxiados do Goberno da República. O traballo das dúas irmás foi recoñecido publicamente e foron homenaxeadas.

Xunto con Josefa Úriz promovera a Unión de Mulleres Antifascistas en 1934. En agosto dese ano formou parte da delegación española que participou no Congreso Mundial de Mulleres Contra a Guerra e o Fascismo, celebrado no Saló de la Mutualité de París, xunto con Dolores Ibárruri, Irene Falcón e Encarnación Fuyola. Pouco antes do comezo da guerra civil española militaba no Partido Comunista de Cataluña. Foi unha firme defensora da fusión deste partido con outras organizacións de esquerdas para formar, en xullo de 1936, o Partit Socialista Unificat de Cataluña (PSUC), ao que se afiliou, xunto coa súa irmá, e que se convertería na forza hexemónica en Cataluña. Elisa Úriz tamén promoveu a Unión de Dones de Catalunya e estivo presente nas principais convocatorias de compromiso das mulleres coa paz. En novembro de 1937 foi nomeada secretaria administrativa da Secretaría Rexional da UGT e delegada da FETE no Comité Catalán da UGT.

En febreiro de 1939 exiliouse en Francia coa súa irmá. Durante a ocupación nazi de Francia as irmás asumiron a responsabilidade de evacuar centos de profesores e as súas familias a lugares máis seguros, especialmente en América Latina. Colaboraron coa Resistencia francesa dentro do grupo de Josep Miret i Musté e o seu irmán Conrad até que este foi arrestado en 1942. Despois integrouse na Unión Nacional Española liderada polo militante comunista Jesús Monzón Repáraz. Durante este tempo militou no PSUC e na UGT. En 1945 formou parte da dirección en Tolosa, leal a Juan Negrín.

No exilio colaborou con Dolores Ibárruri na Unión de Mulleres Españolas e foi secretaria xeral da Federación Democrática Internacional de Mulleres. Desde ese cargo propuxo que o Día da Infancia se celebrase cada 1 de xuño e denunciou a situación das mulleres nas prisións franquistas. En 1948 conseguiu que unha comisión de xuristas visitase as prisións de mulleres de Ventas e Yeserías. Tamén participou na redacción da revista Mujeres Antifascistas Españolas, con Dolores Ibárruri, Victoria Kent e María Teresa León.

Ao final da segunda guerra mundial as autoridades españolas iniciaron un proceso contra ela ante o Tribunal de Responsabilidades Políticas. Debido á súa militancia comunista, en abril de 1951 foi expulsada de Francia xunto coa súa irmá. Cruzou o pano de aceiro e estabeleceuse en Berlín Leste, onde estudou medicina e axudou os refuxiados españois.

Elisa Úriz decidiu non regresar a España até que se restaurase a democracia, pero cando isto sucedeu xa pasaba dos 80 anos. Morreu en 1979 sen regresar á súa terra natal.

Notas

Categoría:Finados en 1979 Categoría:Nados en 1893 Categoría:Nados en Tafalla Categoría:Pedagogos de España Categoría:Feministas de España Categoría:Pensionados da JAE