A Bola é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Terra de Celanova. Segundo o IGE en 2015 tiña 1339 habitantes (1549 en 2004 e 1540 en 2003). O xentilicio é .

Toponimia O Concello da Bola débelle o seu nome á bóla granítica situada no lugar da Bola. Foi alterada por unha serie de fracturas perpendiculares á superficie, formándose barrocais de bólas amoreadas unhas sobre as outras, en equilibrio natural sobre unha das súas superficies máis pequenas.

Demografía

Censo total 1339 (2015) Menores de 15 anos 78 (5.83 %) Entre 15 e 64 anos 687 (51,31 %) Maiores de 65 anos 574 (42,87 %)

Xeografía O concello, de 39,9 km², limita ao norte coa Merca, ao sur con Verea, ao leste con Allariz e Vilar de Santos, e ao oeste con Celanova.

Está situado nunha zona de media montaña, preminentemente chá, nos contrafortes da cara leste da serra do Leboreiro, ao pé dos cumios do Furriolo, Monte Calvo e San Cibrao. A altitude media está entre os 500 e 600 m. A altitude máxima é o monte do San Cibrao (914 m), e a mínima no regato de Fechiñas, no límite con Celanova e A Merca (300 m), ao noroeste.

Ten un clima continental, cunha temperatura media anual de 10,5 °C e unha amplitude térmica de 13,4 °C. , Hai un prolongado período de frío entre novembro e abril, e a precipitación anual media é de 1038 mm, cunha acusada seca no verán.

A hidrografía está determinada polo curso medio do río Arnoia e por varios afluentes, destacando entre eles o río Orille. Este curso, procedente de Verea, delimita boa parte dos límites occidentais do concello. Nel desembocan os regatos das Momoelas, da Amunía, do Castro e do Porto, na zona sur do concello, e con dirección leste-oeste. Na zona norte os ríos Fechiñas e Porto conflúen pouco antes de saír do concello e desaugar no Arnoia.

Cara ao leste está a zona máis accidentada, no Monte Calvo e no Furriolo, que dividen as cuncas do río Limia e do Miño.

Política As últimas eleccións municipais deixaron a situación da Bola deste xeito: Eleccións municipais, 2 de xuño de 2015 Partido Votos % Concelleiros/as PP 639 66,01 % 6 BNG 278 28,72 % 3 PSOE 31 3,2 % 0

Alcalde electo: María Teresa Barge Bello (PPdG).

Historia Polo concello pasaba a Vía XVIII do itinerario de Antonino, pero non tivo unha gran poboación. A zona comezou a repoboarse cara aos séculos IX (época da construción do mosteiro de San Munio de Veiga) e X.

Na Idade Media o concello estivo baixo influencia do mosteiro de San Salvador de Celanova, estando baixo a súa xurisdición parte do territorio. Outras zonas do municipio estaban baixo as xurisdicións de Berredo, Fruíme, Vilaverde e Sorga, da baixa nobreza, e a de Vilariño do Campo, pertencente ao conde de Maceda. O mosteiro de San Munio da Veiga era independente do de Celanova debido a que era responsable da Encomenda de San Marcos de León, integrada na Orde de Santiago.

Na Idade Moderna construíronse os pazos de Berredo, Podentes e Sorga.

No século XIX as xurisdicións deron paso aos concellos constitucionais de Berredo e Soutomel, que en 1835 se fusionaron no da Bola.

Galería de imaxes

Parroquias

Lugares da Bola Para unha lista completa de todos os lugares do concello da Bola vexa: Lugares da Bola.

Notas

Véxase tamén

Eleccións municipais na Bola

Categoría:A Bola Categoría:Topónimos de concellos galegos con etimoloxía