Santo Estevo de Trasestrada é unha parroquia do concello do Riós. Segundo o IGE, en 2023 tiña 249 habitantes (124 homes e 125 mulleres). Ten dez entidades de poboación.
Xeografía Trasestrada sitúase no fondo dun val fluvial formado polo río Lamas e os seus afluentes (principalmente o río da Veiguiña).
Topónimo O nome de Trasestrada parece facer referencia á proximidade do Camiño Real entre Castela e as Rías Baixas. Tamén se especula que poida gardar relación coa vía romana que pasaba por este territorio.
Economía As actividades económicas principais son o cultivo da pataca, do millo, antigamente do trigo e da cebada, os castiñeiros e as touzas. Tamén se practica a gandaría, especialmente a bovina (en tempos houbo unha extensa gandaría lanar). O cultivo do liño, frecuente aínda a principios do século XX, está desaparecido.
Patrimonio A igrexa de Santo Estevo de Trasestrada posúe un gran retablo barroco, realizado, segundo consta nunha inscrición do ano 1746, sendo abade o licenciado Luis Cobelas. Destacan as tallas de anxos e motivos vexetais, ademais das imaxes de Santo Estevo e Santa Tareixa, á que tiñan gran devoción os membros da casa nobre de Alba, da que dependía a igrexa.
Segundo Pérez Costanti, o escultor Alonso Martínez realizou en 1602 un retablo para esta parroquia, e unha imaxe da Virxe, hoxe desaparecidos. No museo do bispado de Ourense pódese admirar unha imaxe da Virxe con neno Xesús procedente desta parroquia. Proba da riqueza que recibiu é a abundante ourivaría, na que destaca a cruz procesional, feita no ano 1807 polo prateiro Ortiz.
Lugares e parroquias Lugares de Trasestrada
Parroquias do Riós
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lugares do Riós
Categoría:Parroquias do Riós Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santo Estevo