O pilro ferruxento (Calidris ferruginea) é un pilro (ave da familia Scolopacidae) que cría na tundra siberiana.

Descrición Mide 20 cm escasos (máis ou menos coma un estorniño) e ten unha envergadura de ás duns 35 cm. Pesa entre 40 e 60 g. A idade máxima coñecida é de 17 anos. O peteiro é longo e lixeiramente curvado, semellante ó doutras especies de pirlos. Coa plumaxe invernal (gris pálida na parte superior do corpo e branca na inferior, cunha mancha superciliar tamén branca) é doado confundilo co pilro común, aínda que ten as patas máis longas, é algo máis claro de coloración e de movementos máis silenciosos. Coa plumaxe de cría a diferenza é máis clara: teñen a parte superior gris escura, e a parte inferior é de cor vermella ferruxenta. As aves novas teñen o lombo gris e castaño, o ventre branco e o papo da cor dos pexegos. As patas son sempre negras.

Distribución e hábitat O pilro ferruxento é unha ave migratoria, que pasa o inverno en África, e tamén no sur e sueste de Asia e mesmo en Australasia. No oeste de Europa é unha ave de paso, que aparece durante a súa viaxe ó oeste de África. Aparece esporadicamente en Norteamérica. A súa zona de cría está no norte de Siberia. Cría en zonas de tundra non moi lonxe da costa ou das beiras dos ríos. Durante a viaxe migratoria poden verse nas costas e, máis ó raro, en augas interiores.

Alimentación É exclusivamente animal: comen vermes, moluscos pequenos, caracois e insectos. Durante a época de cría moitas típulas e mosquitos. Capturan as presas camiñando pola lama branda das beiras dos ríos ou da costa.

Reprodución miniatura| Calidris ferruginea Maduran sexualmente a partir do terceiro ano de vida. As parellas fórmanse, en xeral, nas áreas de invernada. A época reprodutora vai de mediados de maio a finais de xuño. As femias poñen ata cinco ovos.

Comportamento e status O pilro ferruxento é unha ave moi gregaria, que forma bandos con outras especies de limícolas, particularmente co pilro común. Ocasionalmente hibrida con outras especies de pilros coma Calidris acuminata e Calidris (Erolia) melanotos producindo as falsas "especies" ("Calidris" × cooperi) e ("Calidris" × paramelanotos), respectivamente.

O número de exemplares parece estar en relación coa abundancia de lemmings. En anos en que estes teñen poboacións baixas, os depredadores árticos capturan moitos pilros no seu canto.

É unha das aves incluídas no AEWA (Acordo para a conservación das aves acuáticas migratorias de Eurasia e África).

Nome común noutras linguas Alemán: Sichelstrandläufer Español: Correlimos zarapatín Francés: Bécasseau cocorli Inglés: Curlew Sandpiper Italiano: Piovanello Neerlandés: Krombekstrandloper Noruegués: Tundrasnipe Sueco: Spovsnäppa

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Thomas, Gavin H.; Wills, Matthew A. & Székely, Tamás (2004): A supertree approach to shorebird phylogeny. : Ligazóns externas http://www.natur-lexikon.com/Texte/HWG/003/00210-Sichelstrandlaeufer/HWG00210-Sichelstrandlaeufer.html O pilro ferruxento en NATUR-LEXIKON.COM] PDF fulltext Supplementary Material

Categoría:Escolopácidos Categoría:Animais descritos en 1763