O Iso é un río galego da provincia da Coruña, afluente do Ulla pola súa marxe dereita.

Percorrido O Iso nace a 580 m de altitude, e logo dun curso de 23 km, no que atravesa os concellos de Boimorto e Arzúa, únese ao Ulla no encoro de Portodemouros, contribuíndo cun caudal de 4,72 m³/s. A súa conca abrangue unha área de 166,5 km². Cara á desembocadura, na parte encorada do seu percorrido, sitúase no medio do río a illa da Altura.

Afluentes Pola dereita recibe as augas dos regos da Cañota, Carracedo ou de Brandeso. Pola esquerda acolle o rego Rendal, o Ribeiral e, xa no encoro, o río Boente e o rego do Muíño.

Réxime O Iso é un río de réxime pluvial.

Étimo O nome do Iso semella responder á raíz indoeuropea *eis- "correr velozmente", presente en gran número de hidrónimos europeos: Isar, Isère, Ésera etc. En Galiza este étimo tamén está na orixe de Ézaro, o antigo nome do Xallas.

Relevancia histórica Nun diploma da raíña Urraca, expedido o 13 de xuño de 1120, estabeleceuse neste río o límite oriental da Terra de Santiago. Os demais límites quedaban conformados polos ríos Ulla, Tambre e a costa atlántica.

Notas

Iso Categoría:Afluentes do río Ulla Categoría:Topónimos de ríos galegos con etimoloxía