O Lambre é un pequeno río galego da provincia da Coruña, que verte as súas augas na ría de Betanzos.

Percorrido O Lambre nace a 600 m de altura no monte da Pena da Uz (705 m), no concello de Monfero. Atravesa este concello e os de Vilarmaior, serve de linde entre este e o de Irixoa, e logo entre os de Miño e Paderne, para acabar desembocando na Ponte do Porco, novamente no municipio de Miño, na beira dereita da ría de Betanzos, despois dun curso de 15 km.

Afluentes Os afluentes deste río son pequenos regos de curto percorrido. Cabe citar na cabeceira, e pola beira dereita, o Lambruxo.

Réxime hídrico O Lambre é un río de réxime pluvial, do tipo oceánico.

Explotación Sobre o Lambre, no concello de Vilarmaior, sitúase o encoro de Guimil, propiedade de Gas Natural Fenosa.

Étimo miniatura|dereita|200px|Ponte medieval sobre o Lambre, entre Miño e Paderne.

O hidrónimo correspóndese coa denominación de tres lugares nos concellos de Irixoa e Paderne, que en principio parecen deber o seu nome ao do río. A fins do século XI (circa 1092) é citado xa como flumen Lambre. A partir de aí a cuestión está aberta. Luís Monteagudo propuxo un étimo *Lamaris, que evoluiría como Tamaris a Tambre (habería que supor desde un acusativo *Lamare, como para Tamare). Mais Schmoll supón que é comparábel ao Lambro, un afluente do Po, en Italia, para o que Krahe sostivo unha orixe iliria. O nome tamén se ten comparado á Flavia Lambris, unha cidade de época romana sita ás beiras do Cantábrico e mais outra denominada, con lectura insegura, Lambriaca ou Lambrica.

Galería de imaxes

Lambre, Río