A Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación ("Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación", ANECA) é un organismo de carácter autónomo, en forma de fundación estatal que foi creada polo Consello de Ministros do Goberno de España o 19 de xullo de 2002, en cumprimento do establecido na Lei Orgánica 6/2001, do 21 de decembro de Universidades (LOU), nos seus artigos 31 e 32.
Obxectivos A misión da ANECA é a coordinación das políticas de xestión da calidade nas Universidades españolas, para proporcionar unha mellora, tanto no ámbito nacional coma internacional.
A ANECA pretende, mediante os seus informes de avaliación conducentes á certificación e acreditación, a medición do rendemento do servizo público da educación superior conforme a criterios obxectivos e procesos transparentes. O seu fin último é conseguir a promoción e garantía da calidade das Universidades e da súa integración no Espazo Europeo de Educación Superior.
Acreditación e axencias autonómicas É esta axencia a que determina a capacitación dos docentes para impartiren clase nas universidades españolas. Porén, a partir da súa creación, as Comunidades Autónomas crearon axencias rexionais con similares funcións dentro do seu ámbito competencial, como son:
Agencia Andaluza de Evaluación (AGAE). Agencia de Calidad y Prospectiva Universitaria de Aragón (ACPUA). Agència de Qualitat Universitària de les Isles Balears (AQUIB). Agencia Canaria de Evaluación y Acreditación Universitaria (ACECAU). Agencia de Calidad Universitaria de Castilla-La Mancha (ACUCM). Agencia para la Calidad del Sistema Universitario de Castilla-León (ACSUCYL). Agència per a la Qualitat del Sistema Universitari de Catalunya (AQU). Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). Agencia de Calidad, Acreditación y Prospectiva de las Universidades de Madrid (ACAP). Agencia de la Evaluación de la Calidad y Acreditación del Sistema Universitario Vasco (UNIQUAL). Comissió Valenciana d'Acreditació y Avaluació de la Qualitat (CVAEC).
O artigo 32 da Lei Orgánica de Universidades trala reforma operada pola Lei 4/2007, de 12 de abril autoriza a creación da ANECA consonte coas previsións da Lei de Axencias Estatais para a mellora dos servizos públicos, o que supón modificar o seu réxime xurídico, proceso no que a ANECA está na actualidade.
Véxase tamén Ligazóns externas Páxina web oficial da ANECA.
Categoría:Ensino en España