miniatura|dereita|250px|Bandeira de Uzbekistán miniatura|dereita|250px|Localización de Uzbekistán Situado no corazón de Asia Central, entre estepas, desertos e maxestosas montañas, no cruzamento de grandes rutas de comunicación e comercio, Uzbekistán ten coñecido importantes migracións ó longo da súa historia que modificaran a súa poboación, seguindo o auxe e o declive de imperios poderosos. Os uzbekos, cun idioma de orixe turca, non son máis que os derradeiros emigrantes. Na actualidade (2006), este país independente, o máis poboado da rexión, tenta abrirse paso en torno ás grandes potencias e busca poder reafirmar a súa propia identidade que aínda se está a forxar.
Prehistoria As derradeiras investigacións realizadas amosan que o ser humano chegou á rexión do actual Uzbekistán hai uns 40.000 ou 50.000 anos, o que a converte nunha das rexións habitadas máis antigas. As probas arqueolóxicas da súa presenza son parcelarias, ó revés do que sucede, por exemplo, en África ou en Australia. Estes estudos teñen identificado a rexión como a fonte de poboación que máis tarde habitou Europa, Siberia e América do Norte. A zona está considerada tamén como o berce das linguas indoeuropeas.
Idade de Bronce Entre o 2200 e o 1700 a.C., ó sur de Uzbekistán e Turkmenistán, existiu unha civilización avanzada da idade de bronce. Coñécese como a civilización Oxus. Estaba relacionada coa cultura do vale do Indo e caracterizábase por unha mestura de pobos autóctonos non indoeuropeos, desaparecidos por completo na actualidade, e por indo-arios chegados dende Kazakhstán occidental. Os sitios arqueolóxicos, como os de Djarkoutan ou o de Mollali Tepé, revelan a existencia dun modo de vida urbano, no que se practicaba a irrigación, o cultivo do trigo e a cebada e, probablemente, no que existía unha forma de escritura. A partir do ano -1700, os indo-arios comezaron a emigrar cara a India. Foron substituídos en Uzbekistán por tribos de pastores nómades chegados dende Irán, os sogdianos, que se foron transformando en sedentarios.
Coñécese tamén a existencia doutra cultura, coñecida como Tazabagyab, aparecida arredor do 1500 adC preto de Jwarizm, ó sur do mar de Aral, do que proviñan os iranios do Turquestán occidental. Esta cultura reunía elementos da cultura das tumbas estruturadas coa cultura de Andronovo que se estendía dende o oeste dos Urais cara ó lago Baical, chegando até o río Sir Daria no sur. A cultura de Andronovo foi a primeira que dispuxo dun carro de guerra de dúas rodas tirado por cabalos. Os seus habitantes vivían en poboados, cultivaban a terra e criaban animais. Eran quen de fabricar armas e utensilios en bronce.
Persas, gregos e nómades Sogdianos, bactrianos e o imperio Aqueménida miniatura|dereita|250px|O imperio Aqueménida durante o seu apoxeo Os dous pobos principais iranios de Uzbekistán foron os sogdianos, na rexión de Samarcanda e Bucara, e os bactrianos, máis ó sur, a cabalo entre o sur de Uzbekistán e o norte de Afganistán. Os indios chamaban ós bactrianos bahlikâ mentres que os chineses coñecíanos como daxia. A súa capital atopábase en Zariaspa, a clásica Bactra, e por conseguinte a actual Balh. A cidade de Samarcanda foi fundada polos sogdianos, probablemente no século V a.C. baixo o lendario nome de Maracanda. Sogdianos e bactrianos nunca chegaron a formar un estado unificado: o seu territorio dividíase en principados, organizados arredor das cidades.
O zoroastrismo, relixión puramente irania, puido desenvolverse en Bactriana. O Avesta, o seu texto sagrado, é moi difícil de datar pero fala de Sughda seica en referencia aos sogdianos. Crese que os sogdianos eran escitas sedentarios.
Máis ó norte, ó leste do mar de Aral, habitaban as tribos nómades dos Sacas (nome hindú dos escitas) e a dos masaxetas, todos iranios. Estes últimos foron guerreiros que, baixo o reinado da raíña Tomiris, asasinaron ó rei persa Ciro II. Ó igual que ocorría entre os sogdianos e os bactrianos, o papel das mulleres masaxeta era especialmente relevante.
Os habitantes dos reinos bactriano e sogdiano, así como os do Xanato de Xiva, foron maioritariamente agricultores e perfeccionaron as técnicas de irrigación nos vales dos ríos Sir Daria, Amu Daria e Zeravshan. Agrupábanse en comunidades dun tamaño importante, practicaban a artesanía do metal así como o comercio. O nomadismo desenvolveuse especialmente nas rexións desérticas e montañosas.
A cidade de Afrasiab, preto de Samarcanda, foi fundada logo do -500. O museo do seu sitio arqueolóxico contén os peóns de xadrez máis antigos do mundo. As pinturas murais de Afrasiab son famosas e a cidade está considerada como un dos berces do lingua persa.
Entre o -545 e o -540, Ciro II, fundador do imperio persa, lanzouse á conquista de Asia Central; integrou Bactriana, Sogdiana, o xanato de Xiva e o Imperio Parto no Imperio Aqueménida.
Alexandre Magno e o imperio Seléucida miniatura|dereita|250px|Aleixandre Magno montando ó seu cabalo Bucéfalo Alexandre Magno conquistou Sogdiana e Bactriana no 327 adC mentres levaba a cabo unha campaña contra Darío III Codomano que puxo fin á dinastía aqueménida. Dous anos antes, fundara unha cidade de nome Termez, que na actualidade é a cidade máis meridional de Uzbekistán.
Estableceuse en Samarcanda e casou con Roxana, filla de Oxiartes, un xefe bactriano local, ó que capturara en -327, antes de conquistar a fortaleza da Roca Sogdiana, que até entón considerábase como inexpugnable. Este matrimonio serviulle de axuda para rematar coa feroz resistencia popular sogdiana, dirixida por Espitamenes, que estaba a frear o avance das súas tropas. O matrimonio foi tamén o preludio das coñecidas como vodas de Susa nas que 10.000 gregos contraeron matrimonio con 10.000 orientais no -329. miniatura|esquerda|250px|O imperio de Alexandre Antes de emprender a fatal campaña da India, Alexandre deixou o seu cartel xeral en Samarcanda (-323) para conquistar a cidadela situada na actual cidade de Tashkent, ó sur da cal ordenou construír unha vila fortificada á que chamou Alexandría Eschate (a derradeira Alexandría).
Logo da morte de Alexandre no -323, a parte nordeste do seu imperio, coñecida como Transoxiana ("máis aló do Oxus", nome antigo grego do río Amu Daria), pasou a mans do seu xeral Seleuco I Nicátor, fundador da dinastía dos seléucidas. Durante o seu reinado, Bactriana recibiu unha masiva inmigración de gregos exiliados, o que converteu esa rexión na máis helenizada de tódalas conquistadas.
Baixo o goberno de Seleuco II Calinico, os seléucidas, preocupados polos seus problemas en Siria, non previron a posibilidade de asegurarse o control das rexións orientais. Así, Diodoto I fundou no -250 o Reino Grecobactriano, independente tras liberarse con facilidade da tutela exercida polos seléucidas. Baixo o reinado de Eutidemo I, Antíoco III Megas tentou recuperar o dominio sobre Bactriana pero foi derrotado e tivo que recoñecer a independencia do reino. Este período caracterizouse por un importante desenvolvemento urbano así como por un sincretismo greco-oriental nas artes que acada nese momento o paroxismo.
Invasións nómades e posta en marcha da Ruta da Seda miniatura|esquerda|250px|O reino grecobactriano Entre o Século -I e o século II, o territorio do Reino Grecobactriano foi invadido polos iuezhi e os saka, pobos nómades que procedían da China. O centro do reino desprazouse entón cara ao suroeste para converterse cara ó ano -190 no Reino Indogrego
Os partos ocuparon no 115 a zona oeste de Bactriana (entre Uzbekistán e Turkmenistán), substituíndo ós sakas que emigraran máis ó sur, cara ao actual Afganistán. Compartiron a rexión cos iuezhi que reinaban na zona dende o -126.
Nesa época, o sincretismo relixioso, perpetuado polos partos, evolucionou gradualmente cara ao monoteísmo e a noción de relixión universal estendeuse entre os pobos do actual Uzbekistán. Grazas á influencia dos sacerdotes, o zoroastrismo converteuse na relixión oficial dos sasánidas.
Máis ó leste, nos comezos do primeiro milenio, comezaba a formarse o imperio Kushan a partir de numerosos principados distintos, cen anos máis tarde de que o Reino Grecobactriano fora destruído polos nómades. Ocuparon de forma gradual, entre o 150 e o 150, Bactriana así como unha parte de Sogdiana e de Jwarizm. Este imperio foi fundado polos kushan, unha pola dos iuezhi, pobo que habitaba no actual Xinjiang (China), emparentados posiblemente cos tocarios. Durante moitos séculos, a civilización dos kushan situouse no centro de intercambios comerciais entre Oriente (China) e Occidente (Imperio Romano), no percorrido da Ruta da Seda. Os kushan foron os que importaron o budismo ata Asia Central e os que alí desenvolveron as artes helenísticas de Oriente.
A apertura da grande Ruta da Seda, a ruta comercial terrestre e marítima máis longa da antigüidade (Século -II) e, sobre todo, a súa protección tras permanecer moito tempo a mercé de bandidos e ladróns, desprazou o centro de gravidade do mundo iranio dende as beiras do Tigris ata as do Amu Daria. Os partos persas comezaron a mirar máis aló do Éufrates, centrándose no Sir Daria: o comercio coa China acadou unha relevancia maior á que xamais tivera o comercio con Grecia e Transoxiana estaba xusto no centro destes intercambios. A ruta da seda non se empregaba unicamente para transportar seda ata Europa xa que as especias, o papel e a porcelana viaxaban polo mesmo camiño. Ademais, a ruta desempeñou un papel destacado na difusión das crenzas relixiosas (como no caso do budismo), de ideas e de cultura. Durante a súa existencia, a Ruta da Seda enriqueceu en tódolos aspectos ás cidades polas que pasaba, como Samarcanda, Kokand ou Fergana.
Para resumir, a historia de Transoxiana entre os séculos século -II e III foi complicada; distintos reinos, máis ou menos efémeros e con orixes incertas, fóronse sucedendo antes de ser varridos do mapa polo puxante Imperio Sasánida. Na mesma época, Fergana, etapa clave da Ruta da Seda, mantivo a súa independencia.
Os sasánidas persas miniatura|esquerda|250px|O imperio sasánida durante o seu apoxeo Os sasánidas foron unha dinastía orixinaria de Fars (orixe do nome galego Persia), fundada cara ó 224 por un descendente de Darío III Codomano. Baixo os sasánidas, a arte e a cultura persas chegaron a un nivel destacado e a súa forza militar foi capaz de desafiar á puxante Roma. O reino dos sasánidas caracterizouse por unha forte centralización do poder, un urbanismo ambicioso e unha agricultura de técnicas avanzadas. miniatura|dereita|200px|Copa de Salomón sasánida, orixinaria de Asia Central Xa nos séculos III e IV, os sasánidas tentaron conquistar Transoxiana, pero a súa progresiva expansión provocou a sublevación dos nómades kushan que refusaron ceder os seus territorios e que se enfrontaron en numerosos combates cos sasánidas. Un pouco máis tarde, a finais do século IV, foron os hunos, os chionitas (hunos vermellos) e os quidaritas os que derrotaron ós sasánidas, conseguindo manter as súas posicións en Transoxiana. Chegaron incluso ata Irán.
No ano 427, o rei sasánida Bahram V rematou finalmente coas tropas nómades dos hunos brancos chegados dende a China ata Asia Central, restaurando a dominación persa. O seu fillo Iazdegerd II consolidou esta presenza no 442 ó eliminar o sucesor do imperio kushan, o reino Quidarita, vencellado ós hunos, noutros tempos aliados dos persas.
A dinastía dos sasánidas controlou durante máis de catro séculos un territorio inmenso que incluía a Transoxiana, desenvolveu unha arte condal suntuosa, emprendeu grandes obras de enxeñaría civil e, aproveitándose da súa posición na Ruta da Seda, saíu vitorioso das guerras iniciadas na fronte leste, contra os hunos e os turcos, e no oeste, contra o Imperio Romano.
Os hunos brancos