miniatura|Václav Havel en 2006.
Václav Havel, pronunciado [], nado en Praga o 5 de outubro de 1936 e finado o 18 de decembro de 2011 na mesma cidade, foi un escritor, dramaturgo e político checo. Foi o último presidente de Checoslovaquia e o primeiro presidente da República Checa.
Traxectoria Naceu no seo dunha familia acomodada de Praga, propietaria dun estudio cinematográfico e doutras empresas. Trala instauración dun goberno comunista en Checoslovaquia en 1948, a posición da súa familia viuse cuestionada e Hável non puido seguir estudos universitarios. Traballou como asistente nun laboratorio de química e despois como tremoísta ata que logrou establecerse como dramaturgo a partir de 1960, tras estudar literatura por correspondencia. En 1967 licenciouse finalmente en Arte Dramática. Neses anos cadou sona como autor poético con obras como Zahradni slavnost (1963) e Vyrozumeni (1965) e pertenceu literariamente a un grupo de escritores nucleado ao redor da revista Tvar.
Durante a Primavera de Praga de 1968, Hável xa era ben coñecido como dramaturgo e apoiou dende debates públicos e emisións de radio o programa de reformas impulsado por Alexander Dubcek. Opúxose publicamente á invasión soviética de Checoslovaquia que seguiu a estes feitos, e como consecuencia converteuse nun dos obxectivos centrais da represión post-primavera praguense. En 1969 tivo que deixar Praga e instalarse en Trutnova. Durante os anos seguintes foi encarcerado en diversas ocasións polas súas publicacións en defensa dos dereitos humanos, contra a censura e na defensa da democracia. En 1977 foi un dos promotores do movemento Carta 77, polo que foi acusado de sedición e condenado a prisión en 1979. Esta experiencia fixo medrar a súa sona dentro e fóra de Checoslovaquia como disidente. Excarcelado en 1984, Hável continuou dedicado ás actividades políticas e en 1989 foi elixido como líder do grupo opositor Foro Cívico, en paralelo ao proceso de perestroika que se estaba desencadeando na Unión Soviética. En 1986 foi galardoado co Premio Erasmus. miniatura|Václav Havel en 2010
Firme defensor da resistencia non-violenta, tornouse unha icona da Revolución de Veludo no seu país, en 1989. O 29 de decembro de 1989, na calidade de xefe do Fórum Cívico, foi elixido presidente de Checoslovaquia polo voto unánime da Asemblea Federal; mantívose no cargo despois das eleccións libres de 1990, as primeiras no país dende a segunda guerra mundial.
A pesar das crecentes tensións, Havel apoiou a preservación da federación entre checos e eslovacos que finalmente conduciron á disolución da Checoslovaquia. O 3 de xullo de 1992, o parlamento federal non logrou elixilo único candidato a presidente debido á falta de apoio dos deputados eslovacos. Havel dimitiu oficialmente como presidente de Checoslovaquia o 20 de xullo de 1992. O 1 de xaneiro de 1993 fíxose efectiva a partición de Checoslovaquia. Cando se creou a República Checa, presentouse candidato ao cargo de presidente e venceu as eleccións o 26 de xaneiro de 1993.
Durante este primeiro mandato como presidente checo, apoiou a integración de Chequia na OTAN e iniciou o proceso para o futuro ingreso do país na Unión Europea. En 1996 a Havel diagnosticáronlle un cancro de pulmón e quedou viúvo. Malia iso, presentouse á reelección como presidente do país en 1998 e venceu as deleccións. Logo de agravarse o seu estado de saúde, deixou o posto de presidente o 2 de febreiro de 2003, e sucedeuno o seu grande adversario, Václav Klaus. Durante os últimos anos da súa vida dedicouse a dar conferencias e á escrita literaria.
Obra Textos teatrais
Rodinný večer, 1960 Zahradní slavnost, 1963 Vyrozumění, 1965 Ztížená možnost soustředění, 1968 Anděl strážný, 1968 Motýl na anténě, 1968 Spiklenci, 1971 Žebrácká opera, 1972 Audience, 1975 Vernisáž, 1975 Horský hotel, 1976 Protest, 1978 Chyba, 1983 Largo desolato, 1984 Pokoušení, 1985 Asanace, 1987 Zítra to spustíme, 1988 Odcházení, 2007
Ensaios
Dopis Gustávu Husákovi, 1975 Moc bezmocných, 1978 Politika a svědomí, 1984 Anatomie jedné zdrženlivosti, 1985 Děkovná řeč za Erasmovu cenu, 1986 O smyslu Charty 77, 1986 Příběh a totalita, 1987 Slovo o slovu, 1989
Poesía Antikódy, 1964 Protokoly, 1966 Dopisy Olze, 1983 O lidskou identitu, 1984 Dálkový výslech, 1986 Do různých stran, 1989 Projevy, 1990 Letní přemítání, 1991 Pižďuchové, 2003 Prosím stručně, 2006
Vida privada Václav Havel casara con Olga Splichawba-Havlova, que faleceu en 1996. Ao ano seguinte casou coa actriz Dagmar Veskronova-Havlova.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Obras de Václav Havel
Categoría:Escritores en lingua checa Categoría:Escritores da República Checa Categoría:Presidentes da República Checa Categoría:Presidentes de Checoslovaquia Categoría:Dramaturgos da República Checa Categoría:Premios Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades Categoría:Nados en 1936 Categoría:Finados en 2011 Categoría:Nados en Praga Categoría:Medalla Presidencial da Liberdade Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade Carolina de Praga Categoría:Premio Erasmus Categoría:Premio Carlomagno