Para o escritor e xornalista de finais do século XX e comezos do XXI, véxase Leopoldo Alas Mínguez.

Leopoldo Alas Ureña, coñecido como "Clarín", nado en Zamora o 25 de abril de 1852 e falecido en Oviedo o 13 de xuño de 1901, foi un célebre escritor español.

Traxectoria Naceu en Zamora, onde se trasladara a súa familia dende Oviedo, ao ser nomeado o seu pai, Jenaro García Alas, gobernador da cidade leonesa. Leopoldo foi o terceiro fillo do matrimonio. Na casa falábase continuamente de Asturias e a súa nai, con certa nostalxia, contaba relatos daquela terra dos seus devanceiros. Este ambiente influíu en gran medida no espírito do neno Leopoldo que desde sempre se sentiu máis asturiano que leonés, aínda que ao longo da súa vida conservou un agarimo especial polas terras que o viron nacer.

Aos sete anos entrou a estudar no colexio dos xesuítas situado na cidade de León no edificio de San Marcos (actual parador de turismo). Dende o principio soubo adaptarse ás normas e á disciplina do centro de tal xeito que aos poucos meses era considerado como un alumno modelo. Os seus compañeiros coñecíano co alcume de o Gobernador, por alusión á profesión do seu pai. Os seus biógrafos aseguran que esta etapa estudantil procreou en Leopoldo o sentimentalismo relixioso e o principio de gran disciplina moral que foron a base do seu carácter. Neste primeiro ano escolar gañou unha banda azul como premio e trofeo literario. Conservouna toda a súa vida e atopábase entre os obxectos máis queridos do museo familiar.

No verán de 1859 toda a súa familia volveu a Asturias. Leopoldo descubriu cos seus propios ollos a xeografía asturiana da que tanto oíra falar á súa nai. Durante os anos seguintes Leopoldo atópase en liberdade polas terras de Guimarán, propiedade do seu pai, onde aprenderá directamente da Natureza e dos libros que atopa na vella biblioteca familiar onde entra en contacto por primeira vez con dous autores que serán os seus mestres: Cervantes e frei Luis de León.

O 4 de outubro de 1863, á idade de once anos, Leopoldo ingresa na Universidade de Oviedo no que se chamaban estudos preparatorios, matriculándose nas materias de latín, Aritmética e Doutrina Cristiá. O curso terminouno coa nota de sobresaínte e coa adquisición de tres bos amigos: Armando Palacio Valdés, Tomás Tuero (que foi tamén escritor, tradutor e crítico literario) e Pío Rubín (escritor).

Bacharelato e Universidade Desde 1864 a 1869 efectuou os seus estudos de Bacharelato na cidade de Oviedo. O 8 de maio recibiu grao de bacharel en Artes coa cualificación de sobresaliente, á idade de dezasete anos. O día 21 de outubro de 1869, saíu un decreto declarando o ensino libre, que lle serviu a Clarín para facer a súa licenciatura en Dereito en tan só dous anos. En xuño de 1871 obtivo o grao de licenciado en Dereito Civil e Dereito Canónico, coa cualificación de aprobado, que era a única nota que existía (suprimíronse as outras cualificacións superiores). Por esta época espertaron nel as súas afeccións xornalísticas. Os comezos foron cun xornal artesanal, titulado Juan Ruiz, cuxo director, redactor e amanuense foi o propio Leopoldo. O xornal chegou a mans de case toda a sociedade de Oviedo e tivo grande éxito entre os estudantes.

Chegada a Madrid Logo de finalizar os seus estudos na Universidade, trasladouse a Madrid para facer o doutoramento, aloxándose nunha pousada da rúa de Capellanes. Alí atopou aos seus amigos de Oviedo, Tuero, Palacio Valdés e Rubín. O grupo foi pronto coñecido como os de Oviedo. Os primeiros tempos na capital non foron satisfactorios para Leopoldo quen botaba en falta a súa terra asturiana, as montañas e as nevoas.

Anos atrás entrara en España a teoría do krausismo, da man do xurista e filósofo español Julián Sanz del Río que fora discípulo en Alemaña de Karl Krause. Sanz del Río foi profesor de Filosofía do Dereito exercendo tal influencia entre os seus alumnos que estes aplicarían o krausismo pondo en marcha un movemento ideolóxico intelectual que culminou cunha gran reforma na educación libre, coa creación da Institución Libre de Ensino, non só en España senón tamén en Hispanoamérica, e en cambios relativos á sociedade e á política. Pero foi expulsado da cátedra a instancias de Isabel II e algún dos seus ministros por consideraren tal doutrina como perigosa para a seguridade do réxime. Este feito ocasionou un gran balbordo entre os mozos seguidores de Sanz del Río que seguiron transmitindo os seus ensinos aos seguintes discípulos. Krausistas destacados foron Joaquín Costa, Francesc Pi i Margall, Nicolás Salmerón, Rafael María de Labra Emilio Castelar e Adolfo Camus. Foi na cátedra deste último e de Nicolás Salmerón onde Leopoldo embebeu as ideas krausistas que fixeron nacer nel aos poucos, a dúbida relixiosa e o escepticismo filosófico.

Na Cervecería Inglesa de Madrid reuníanse en faladoiro os de Oviedo. Aos poucos o grupo foise incrementando con mozos intelectuais apaixonados como eles pola liberdade e as novas ideas. Un destes novos interlocutores foi Leopoldo Cano (futuro escritor e autor de "La Pasionaria"). Durante aquel curso, Clarín viuse en constante loita interior non só co krausismo senón co naturalismo literario e o liberalismo laico. Aínda tiña certas reservas, pero ao rematar o ano, o mesmo Clarín comenta que o seu espírito fortaleceuse e capitulara todo, non sen antes empregar e pór a súa capacidade de crítico á defensiva, actitude que ha de acompañarlle o resto da súa vida.

El Solfeo En decembro de 1874 remata a Primeira República coa caída deEmilio Castelar grazas ao golpe de Manuel Pavía. Pouco despois o golpe de Martínez Campos deu inicio á Restauración monárquica na figura de Afonso XII, fillo da destronada Isabel II.

En marzo de 1875, Antonio Sánchez Pérez fundou un xornal co nome de El Solfeo. O 5 de xullo entraron na súa redacción uns cantos novos, entre eles Leopoldo Alas. O xornal pasou totalmente desapercibido e nin sequera foi nomeado polos cronistas da época. O seu director quixo que os seus colaboradores tomasen como pseudónimo o nome dun instrumento musical e así foi como Leopoldo elixiu o clarín que a partir de aí sería o alias con que asinaría todos os seus artigos. A columna onde escribía tiña o título de «Azotacalles de Madrid» (Apuntamentos na parede). O día 2 de outubro de 1875, o escritor asinou por primeira vez como Clarín, inaugurando o espazo co verso que o lector pode ver a continuación. Desta forma Leopoldo Alas entrou na vida literaria da época e desde a súa columna empezou a lanzar duras críticas cheas de ironía contra a clase política da Restauración. Vou inaugurar en versoas miñas revistas de Madrid,cun modesto romanceque teña o seu retintín;e vou dicir a vostedeso que lles quero dicir,mediante Deus, e medianteo gobernador civil.

Clarín empeza a gozar de popularidade ao mesmo tempo que lle chegan abundantes desgustos e bastantes inimigos. Cada novo artigo convértese nun novo escándalo, criticado ou encomiado nos faladoiros da Cervecería Inglesa ou do Ateneo da rúa de Arenal. Clarín segue adiante no seu estilo asegurando que o crítico que di a verdade non medra e que o poeta aínda que sexa malo chega de redondilla en redondilla a xefe de negociado. Xunto con esta actividade literaria, segue cos seus estudos, preparando o doutoramento.

Revista de Asturias Á parte do xénero xornalístico, Clarín sente a necesidade de cultivar outros xéneros literarios. Félix Aramburu (poeta e notable escritor de Dereito penal), amigo de Leopoldo era o director e editor en Oviedo dunha revista chamada Revista de Asturias. Este amigo non só o animou a escribir outro tipo de narracións senón que lle ofreceu un lugar na súa propia edición. No verán de 1876, Clarín escribe os seus primeiros contos e algunhas poesías que meses despois se irán editando na Revista ovetense. Con estas colaboracións o grande escritor foi dándose a coñecer.

Doutoramento e cátedra O 1 de xullo de 1878 Leopoldo Alas obtén o título de doutor en Dereito civil e canónico, coa cualificación de sobresaliente. Presentou a súa tese doutoral sobre o tema "El derecho y la moralidad", en cuxa edición pode verse a dedicatoria A don Francisco Giner de los Ríos, su buen amigo y reconocido discípulo. Foi o primeiro libro de Leopoldo que saíu do prelo, e o único en que non aparece o seu pseudónimo Clarín.

Logo dunhas longas vacacións nas terras de Guimerán, Alas regresa a Madrid para preparar brevemente a súa presentación ás oposicións que no mes de novembro celebraríanse en Salamanca para cubrir a praza vacante da cátedra de Economía Política e Estatística na Universidade. Os sucesivos exercicios foron un continuo éxito para Leopoldo e ata obtivo o primeiro lugar na terna de opositores. Destes éxitos ocupáronse os xornais de Madrid e a noticia deuse tamén na Revista de Asturias, (Oviedo, nº 40, 5.XII.1878, sección «Ecos e rumores»). Pero houbo un obstáculo grave para o éxito definitivo: o conde de Toreno (Queipo de Llano) era por entón ministro de Instrución Pública e gozaba dun dereito de elección final do candidato. O conde de Toreno fora branco das terribles sátiras de Clarín en El Solfeo, cousa que nunca esqueceu e desposuíu a Clarín da cátedra gañada, en beneficio do número dous da terna de opositores, o señor Mantecón. Leopoldo Alas escribiu unha carta aberta de protesta ao ministro e anos despois recordaría con amargura estes sucesos escribindo: Eu aprendín deles (Salmerón e Giner) a respectar conviccións, e a maior ultraxe que me fixo, talvez sen sabelo, o conde de Toreno, ao negarme unha cátedra que era miña, foi a implícita sospeita de que fose eu un libre pensador como o boticario Homais de Flaubert, capaz de acantazar e desfacer, coas herexías que a min se me ocorresen, o fanal en que gardasen a súa fe os meus discípulos.

Catro anos máis tarde, a "Revista de Lexislación e Xurisprudencia" publicou en desagravio e con todas as honras o traballo que Clarín presentara nas oposicións de Salamanca baixo o título de "Programa analítico de Economía política e Estatística".

O ano 1882 foi para Clarín un ano de sorte. O 12 de xullo apareceu na Gaceta Oficial o seu nomeamento para a cátedra de Economía Política e Estatística, concedida para a Universidade de Zaragoza, e o 29 de agosto tivo lugar a súa voda con Onofre García Argüelles, na localidade asturiana da Laguna (val de Langreu), no palacio da familia García Argüelles. Ao ano seguinte volveu a Oviedo como catedrático de Dereito Romano e máis tarde ocupouse tamén da cátedra de Dereito Natural na Universidade de Oviedo.

Clarín como profesor Dicíase entre os seus contemporáneos que para coñecer a Clarín cumpría asistir á súa cátedra de Dereito Natural. Segundo as súas propias palabras, era partidario de suxerir aos seus alumnos un hábito de reflexión mellor que ensinar unha ciencia a secas e non se conformaba con ensinar unha serie de preceptos a aplicar no futuro. As súas leccións adoitaban comezar cun precepto de Xustiniano e continuaba con citas do Quixote ou de Santa Tareixa, para rematar con Tolstoi, Renan ou San Francisco de Asís. Moitos dos seus alumnos non chegaban a entender este sistema e acusaban a Clarín de ser un óso (serio, estrito, esixente e polo xeral con fama de suspender). Clarín estimaba aos seus alumnos cando eran capaces de entender o espírito dos seus ensinos antes que a letra. Tiña un sentido da xustiza moi severo á hora de cualificar e nunca aceptou nin subornos nin recomendacións; acusábaselle de carecer de ningún tipo de benevolencia. A cátedra foi para Clarín unha gran responsabilidade e unha preocupación constante (segundo as súas propias palabras) e entregábase a ela con toda honestidade.

Caciquismo literario