Lois Caeiro Rodríguez, nado en Sobrado o 10 de abril de 1951, é un xornalista e escritor galego. Figura clave no xornalismo galego dende a transición, exerceu como director de varios medios de comunicación, sendo ate 2019 director de El Progreso de Lugo, ano no que se xubilou. Na actualidade continúa a exercer como columnista publicando dous artigos semanais no Diario de Pontevedra e en El Progreso de Lugo.
Traxectoria Naceu no lugar das Cruces da parroquia de San Xiao de Cumbraos no concello de Sobrado, estudou na cidade da Coruña, no seminario de Santiago, na Universidade de Comillas e fixo xornalismo na Complutense en Madrid.
Foi coordinador da colección Testemuños da Editorial SEPT, colaborador de Galicia confidencial, Encrucillada, comentarista político de El Ideal Gallego, xefe de prensa da Delegación do Goberno en Galicia con Domingo García Sabell. Xefe de Prensa da CEG. Xefe de Prensa da Xunta de Galicia. Director dos servizos informativos da Televisión de Galicia (1985-1986), director de Atlántico Diario e correspondente en Galicia do xornal ABC, director xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia entre 1986 e 1987, dimitindo en xaneiro de 1987. Colaborador habitual de El Correo Gallego, publicou O xantar da memoria (2004) e Aquel mundo. E un dos tradutores de A Biblia dos nenos (Editorial Sept. 1975). Editor e prólogo de Pensar Galicia, unha escolma de artigos de Andrés Torres Queiruga (edit. Sept).
No 2022 ingresou na Academia Galega de Gastronomía en recoñecemento do seu interese continuo na promoción e difusión da cultura gastronómica galega. É habitual atopar nos seus escritos referencias aos produtos e a cociña galega.
Recoñecementos
Fillo Sobranceiro de Sobrado (1986) Premio Galicia de Comunicación 2004. En 2004, conseguiu o Premio de Periodismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, ao mellor traballo periodístico nos medios galegos, debido a un feixe de artigos escritos no outono de 2000. Premio da Excelencia Galega en Comunicación, outorgado en Barcelona pola Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña, pola súa contribución ao coñecemento de Galicia no exterior. Recibiu en 2014, o Premio Diego Bernal, outorgado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG), na súa XXª edición, pola súa ampla traxectoria.
Obras Aquel mundo, 1996. O xantar da memoria, 2004. Premio Nacional de Periodismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”.
Notas
Categoría: Xornalistas de Sobrado Categoría: Escritores de Galicia Categoría: Nados en Sobrado Categoría: Nados en 1951 Categoría: Alumnos da Universidade Complutense de Madrid Categoría:Alumnos da Universidade Pontificia Comillas