O Cason (pronunciado Casón) foi un cargueiro panameño que o 5 de decembro de 1987, mentres navegaba fronte ás costas galegas, sufriu un accidente por mor dun temporal que fixo que a carga se correse e provocase un incendio. O barco terminou varando nas costas de Fisterra, na punta do Castelo da praia do Rostro, e morreron 23 dos 31 tripulantes do navío, todos de nacionalidade chinesa.
Características miniatura|dereita|Áncora do Cason en Fisterra. miniatura|Placa da áncora da imaxe anterior. O barco fora botado en 1969. Tiña unhas dimensións de 136,84 metros de eslora e 21,06 metros de manga. Navegaba desde Rotterdam ó porto chinés de Shanghai transportando unha carga de case 10.000 toneladas de produtos químicos, distribuídos en 5000 bidóns, sacos e contedores, clasificados como inflamables (xileno, butanol, butil de acrilato, ciclohexanona, sodio), tóxicos (aceite de anilina, difenilmetano, ortocresol, dibutilfalato, formaldehido) e corrosivos (ácido fosfórico, anhídrido alifático), que se embarcaran nos portos de Hamburgo e Anveres e a propia Rotterdam.
O accidente A solicitude de socorro foi lanzada ás 7:45 horas da mañá e atendida pola Axudantía de Mariña de Corcubión. Ás 10:30 chegaron xunto ó barco os servizos de salvamento, cando xa estaba a unhas cinco millas da costa, e observaron unha columna de fume que xurdía dunha das súas bodegas. Os mariñeiros saltaran á auga e comezaron a recollerse os primeiros oito cadáveres.
Ás 8 da tarde embarrancaba preto da praia do Rostro, na contorna da Punta do CasteloEsta punta mariña recibe o nome de "Punta do Castelo" por atoparse nas inmediacións do castelo ou castro de Castromiñán.. Sospeitouse que o barco foi encallado deliberadamente polo remolcador español Remolcanosa 5, despois de que o armador se negase a responder economicamente do custo do rescate O xornal El País fíxose eco dun informe elaborado por unha comisión parlamentaria presidida por Joaquín Ruíz Giménez, e sinalaba que "El informe recoge la sospecha de que el buque fue dejado a la deriva por falta de interés en evitarlo, de suerte que la recompensa por el salvamento sería 10 veces mayor si el barco embarrancaba. O sea, que lo embarrancaron voluntariamente".
Nas poboacións costeiras xurdiu inmediatamente a inquietude ante o descoñecemento das características da carga que transportaba. O capitán, único membro da tripulación que coñecía esta información, morrera nas primeiras horas do accidente. O xefe de máquinas advertiu da existencia de bidóns marcados co símbolo de produto tóxico da clase 6Teñen esta categoría as materias que, en cantidade relativamente pequenas, por inhalación, contacto ou inxestión, poden danar a saúde humana ou causar a morte. Moitas delas desprenden gases tóxicos se lles afecta un incendio ou se quentan suficientemente.. O feito de que os mariñeiros saltasen ao mar en vez de permanecer a bordo, tendo en conta que o incendio era local e non semellaba de gravidade, facía pensar nun grave perigo da posible explosión do barco e da súa carga. Todo o anterior, unido á falta de información oficial e ó confusa que era a información existente, fixo que nas vilas próximas se sucedesen as asembleas populares pero non serviron para dar a información que esixían os veciños nin moito menos para tranquilizalos. O gobernador civil da Coruña, Andrés Moreno Aguilar, insistía en que a situación estaba controlada pero, simultaneamente, a Consellería de Educación ordenaba suspender as clases nos colexios da zona.
A mesma falta de información sobre as características da carga e sobre as causas do incendio afectou tamén as autoridades, que non tiñan elementos para adoptar decisións sobre o rescate. O que publicaban os medios, moitas veces contraditorio, tamén colaboraba en fomentar a confusión e a desconfianza entre os veciños.
Cando por fin se coñeceu o manifesto de carga, o día 7, cos produtos transportados e as súas cantidades exactas, tampouco se conseguiu tranquilizar a poboación, estendéndose os rumores da posible existencia de armas químicas ou materiais para fabricalas, ou mesmo material radioactivo. En 2009 Xosé Manuel Beiras Torrado, daquela parlamentario do BNG, dixo no programa de televisión A caixa negra que "Aínda hoxe non se sabe se había elementos radioactivos dentro do Casón". Para xestionar a recollida da carga, acudiron varios expertos neerlandeses enviados pola Comunidade Económica Europea. pero os políticos locaisEntre os que destacaba Rafael Mouzo, daquela alcalde nacionalista de Corcubión. e algúns medios de comunicación cuestionaron a súa experiencia e a veracidade da información que proporcionaban.
Durante os días 9 e 10, os remolcadores Punta Salinas e Alonso de Chaves comezaron a retirar bidóns das bodegas do barco. O día 10 empeorou o tempo e as ondas terminaron por mollar a carga que aínda permanecía no barco e, con ela, os bidóns de sodio. O sodio, en contacto coa auga, dá lugar a sosa cáustica e libera hidróxeno, que é inflamable e explosivo. Iso explica que comezaran a producirse numerosas explosións no barco e un violento incendio que provocou unha grande alarma social ante a posibilidade de que a nube tóxica que se formou sobre o barco e que avanzaba cara á costa puidese caer sobre os habitantes dos lugares costeiros. A TVG retransmitiu o momento en directo.
Inmediatamente, o medo ante as explosións e a densa nube que se levantaba do barco apoderouse da maioría dos veciños e moitos deles abandonaron a zona cara ó interior. As informacións confusas que daban as autoridades nacionais, autonómicas e locais e os medios contribuíron a crear unha situación que se deu en chamar de "histeria colectiva".
Por fin, na noite do día 10, o Goberno central, presidido por Felipe González, e mais o galego, presidido por Fernando González Laxe, que acababa de tomar posesión había poucas semanas, decidiron evacuar as poboacións de Fisterra, Cee e Corcubión (unhas 15 000 persoas) cara á Coruña, Santiago de Compostela etc.Case 12 000 persoas abandonaron as súas casas. A modo de exemplo, o número de veciños acollidos en centros oficiais foi de 2 253 en Santiago, 2 000 en Noia e 1 688 na Coruña.. Domingo García-Sabell, Delegado do Goberno en Galicia, afirmou que non se sabía a toxicidade das emisións que saían do barco pero que a posibilidade de que fose tóxico aconsellaba tomar esa medida, e anunciou o envío de 300 autobuses (cifra que prometeu aumentar a 700 se fixese falta). En calquera caso, os veciños de Fisterra, Corcubión, Cee, Muxía, Camariñas etc. comezaron a abandonar as súas casas polos seus propios medios cara a distintas poboacións do interior, nunha fuxida masiva durante unha noite caótica que provocou numerosos problemas de circulación; mesmo houbo quen escapou nos barcos pesqueiros. Só tres horas despois de comunicar a necesidade de evacuar a zona, o Goberno anulouna explicando que novas análises demostraran que non existía ningún perigo para as persoas: os niveis de contaminación non eran tóxicos, asegurou. Como era esperable, a coexistencia destas mensaxes contraditorias por parte das autoridades non fixo senón incrementar a desconfianza.
Nos días seguintes foise recuperando a tranquilidade e os veciños foron regresando paulatinamente ás súas casas, aínda que primeiro o fixeron os adultos, deixando os meniños nos distintos puntos de acollida.
Anos despois correron os rumores de que aumentaran considerablemente os casos de cancro entre os habitantes da zona, especialmente o cancro de estómago, pero ningún estudo conseguiu evidenciar nin o incremento desta patoloxía nin que os casos que se deron tivesen relación co Cason.
Retirada dos bidóns recollidos Durante os primeiros días sacáronse do barco 255 bidóns de distintos produtosPosteriormente, o mar botou máis bidóns ás costas. que se almacenaron no porto de Brens, en Cee, pero o Goberno central decidiu levar a carga lonxe, ante a sensibilización da poboación. O destino inicialmente previsto foi unha base que o Exército tiña en Parga, no concello de Guitiriz, unhas antigas instalacións militares nas que a carga tóxica estaría segura.
Os veciños de Guitiriz tampouco aceptaron ser o depósito dos bidóns tóxicos e interceptaron o convoi, que viña protexido pola Garda Civil, colocando barricadas nas estradas e parándose diante dos camiónsTres camións que transportaban ortocresol e formaldehido, substancias cuxo transporte non representa ningún perigo., polo que se decidiu entón trasladar a carga ó peirao de Alumina-Aluminio (hoxe Alcoa) en San Cibrao.
Ó ser rexeitada a carga en Alúmina-Aluminio, os camións foron descargar ó porto de Morás, en Xove, onde se repetiron as protestas e as concentracións de veciños. Finalmente a carga foi embarcada o día 12 no barco Galerna e trasladada a Antuerpen, onde foi descargada sen que se producise conflito ningúnAs sospeitas non desapareceron, e quince anos despois aínda escribía a prensa que "Son muchas las voces que aún desconfían de la versión oficial e incluso hai quien asegura que los bidones nunca llegaron al puerto de Rotterdam" (La Voz de Galicia: ola negra, px. 69.). A citada reportaxe sobre o informe da Comisión parlamentaria concluía dicindo que "a comisión, con todos os seus parlamentarios, que son os nosos representantes democráticos, descoñece hoxe en día a carga exacta do Cason e dubida que a Administración saiba máis ca eles".
Conflito laboral en Alúmina-Aluminio Na noite do día 11, o Gobernador Civil de Lugo comunicou ó director da empresa que ía recibir unha "carga reservada" que sería cargada nun barco á medianoite dese mesmo día. Os camións non chegaron ata as 8:45 horas do día 12 e do barco non se sabía aínda nada, e o director da planta, cando comprobou que o que transportaban os camións se trataba da carga do Cason prohibiu a súa entrada nas instalacións, e quedaron aparcados a uns 600 metros da entrada, cerca do porto de Morás.