As aventuras de Tintín é unha das series europeas de banda deseñada máis influentes e traducidas do século XX"Tintin, le héros qui parle plus de 100 langues", Jérôme Rivet, La Presse, 29 de xaneiro de 2014 .. Foi creada polo autor belga Georges Remi, coñecido polo pseudónimo de Hergé. A serie caracterízase polo estilo gráfico e narrativo coñecido como "liña clara", está conformada por un total de 24 álbums (o primeiro destes publicouse en 1929 e o penúltimo en 1975; o último, Tintín e a Arte-Alfa, non chegou a terminarse, aínda que se publicaron posteriormente os bosquexos realizados polo autor).
Os sete primeiros episodios das aventuras de Tintín publicáronse por entregas en Le Petit Vingtième, suplemento do diario belga de orientación católica Le Vingtième Siècle, entre 1929 e 1939 (a publicación da oitava, Tintín no país do ouro negro, quedou interrompida en 1940 ao producirse a invasión alemá de Bélxica, aínda que o autor a renovaría anos despois). Posteriormente, as aventuras de Tintín apareceron noutras publicacións, como o diario Le Soir (durante a ocupación alemá de Bélxica, entre 1940 e 1944), e o semanario Tintín, desde 1946 ata 1976.
Todas as aventuras do personaxe foron despois recollidas en álbums independentes e traducidas a numerosos idiomas, tamén ao galego. Varios destes álbums coñeceron sucesivas edicións. A partir de A estrela misteriosa (1943), os álbums foron editados sempre en cor, e emprendeuse a tarefa de colorear a maiores os álbums anteriores da serie (fóra de Tintín no país dos Soviets). As novas edicións afectaron en ocasións ao contido dos álbums.
A serie coñeceu desde os seus inicios un grande éxito. Calcúlase que se venderon desde entón máis de 250 millóns de álbums en 40 idiomas, sen contar as edicións piratas. As aventuras do personaxe de Hergé son ademais obxecto de culto e de coleccionismo en todo o mundo. É famosa a frase de Charles de Gaulle, segundo a cal o seu único rival no plano internacional era Tintín. A fama de Tintín non estivo, con todo, libre de polémicas, xa que algúns dos primeiros álbums da serie recibiron críticas por mostrar unha ideoloxía anticomunista, colonialista, racista e sexistaRaciste, antisémite, sexiste: Tintin sur le banc des accusés, Le Figaro, 10 de decembro de 2014 ..
Historia Antecedentes En 1928, o abade Norbert Wallez, director do diario belga Le Vingtième Siècle, tomou a decisión de crear un suplemento semanal dirixido ao público infantil e xuvenil. Confiou a dirección deste suplemento a un dos empregados do xornal, Georges Remi, que en 1924 empezara a utilizar o pseudónimo polo que sería mundialmente coñecido, Hergé.
O primeiro número deste suplemento, que levaría o nome de Le Petit Vingtième, apareceu o 1 de novembro de 1928. Nas súas páxinas Hergé debuxaba unha serie, A extraordinaria aventura de Flup, Nénesse, Poussette e Cochonnet, con guións dun dos redactores deportivos de Le Vingtième Siècle. Os guións da serie estaban asinados por un tal Smettini, que encubría a identidade do redactor deportivo Desmedt (ref. Assouline; p. 32) . A serie, pouco orixinal, narraba as aventuras de dous nenos de doce anos, da irmá dun deles, de seis, e da súa mascota, Cochonnet, un cochiño de caucho. Convencido de que o suplemento necesitaba unha serie máis innovadora e que lograse conectar co público xuvenil, Hergé tivo a idea de crear un reporteiro, Tintín, cuxa primeira aventura sería unha viaxe á Unión Soviética.
O 4 de xaneiro de 1929 o xornal publicou o anuncio da inminente publicación das aventuras de Tintín, presentado como un ficticio reporteiro de Le Vingtième Siècle. Seis días despois, o 10 de xaneiro, o personaxe iniciaba a súa andaina nas páxinas do suplemento.
Buscáronse varios modelos para Tintín, a maioría de papel e tinta, aínda que tamén hai algún de carne e óso. O principal é, sen dúbida, o boy scout Totor, personaxe anterior de Hergé que aparecía na revista Le Boy-Scout Belge desde xullo de 1926. Totor é o protagonista da que pode considerarse a primeira serie de historieta de Hergé, que levaba o título de Totor, xefe de patrulla dos abellóns (Totor, CP des Hannetons). As aventuras de Totor apareceron en Le Boy-Scout Belge entre xullo de 1926 e xaneiro de 1930 . A figura esquemática de Totor é unha prefiguración de Tintín, aínda que falta o característico topete. A súa actitude ante a vida, característica do movemento scout, é tamén moi próxima á do principal personaxe de Hergé.
Sinalouse tamén a coincidencia de nome e o parecido de Tintín cun personaxe creado en 1898 por Benjamin Rabier e Fred Isly, Tintin-Lutin, un neno de oito anos que ten un topete moi semellante ao da criatura de Hergé. Poden verse algunhas imaxes de Tintin-Lutin en. Segundo o seu propio testemuño, con todo, Hergé non coñeceu a existencia deste personaxe ata 1970 Assouline, p. 40 .
Hergé declarou, pola súa banda, que se baseou no físico do seu irmán, o militar Paul Remi. A profesión de reporteiro do personaxe pode atribuírse tamén á súa admiración por coñecidos xornalistas da época, como o francés Albert Londres.
O dirixente fascista Léon Degrelle, en solitario e contra toda evidencia, gabouse en varias ocasións, especialmente no seu libro Tintin mon copain (1992), de ser o modelo vivo en que Hergé se inspirou para crear ao seu soado reporteiro. Segundo el, a viaxe de Tintín ao país dos soviets estaría baseada na súa viaxe a México para cubrir como reporteiro a guerra cristera. Isto é imposible, xa que Degrelle viaxou a México meses despois de que as aventuras de Tintín empezasen a publicarse en Le Petit Vingtiéme. Pierre Assouline, o principal biógrafo de Hergé, descarta rotundamente esta posibilidade. Si é certo, en cambio, que, grazas a Degrelle, Hergé puido coñecer varias series de cómic estadounidenses que tiveron grande influencia no posterior desenvolvemento da súa obra, tales como Bringing Up Father, de George McManus, ou The Katzenjammer Kids, de Rudolph Dirks.
Primeiras aventuras (1929-1934) miniatura|Hergé inspirouse na raza de cans fox terrier para debuxar a Milú.
Moi probablemente, o destino da primeira aventura de Tintín foi decidido polo abade Wallez, fervoroso anticomunista: non se trataba só de entreter á mocidade, senón de mostrar os supostos perigos que entrañaba o comunismo. Baseado nun libro bastante popular na época que denunciaba estes perigos, Moscou sans voiles ("Moscova sen veos", 1928), de Joseph Douillet Assouline, p. 42., Tintín no país dos Soviets narra a incursión do reporteiro, xa acompañado pola súa fiel mascota, Milú, na Rusia soviética, insistindo continuamente nas perversidades do réxime comunista. O debuxo de Hergé é aínda bastante rudimentario Farr, p. 15., e mostra claramente a influencia de historietistas estadounidenses como George McManus.
A historieta tivo un grande éxito entre o público belga: cando terminou de publicarse, en maio de 1930, escenificouse na Estación do Norte de Bruxelas o regreso de Tintín a Bélxica. O personaxe, representado por un boy scout de quince anos, foi recibido por un auténtico xentío. Assouline, p. 45.
A segunda aventura de Tintín ten como escenario o Congo Belga, e é unha aberta apoloxía das vantaxes do colonialismo, con certas tinguiduras racistas. Predomina un discurso paternalista acerca da dominación colonial que era o vixente na sociedade belga da época. Algúns aspectos máis controvertidos do álbum foron eliminados en edicións posteriores. A pesar diso, o cómic continúa sendo obxecto de polémica, como o demostra a controversia ocasionada pola súa recente reedición no Reino Unido, en 2007.
Ao termo da aventura de Tintín no Congo descóbrese que un grupo de gángsters de Chicago, dirixido por Al Capone, planea facerse co negocio dos diamantes no Congo, anticipando xa o que sería a terceira das aventuras do reporteiro, Tintín en América. En efecto, na seguinte historia, que empezou a publicarse en setembro de 1931 nas páxinas de Le Petit Vingtième, o novo reporteiro e o seu inseparable fox-terrier visitan Estados Unidos, onde o protagonista non só logra desbaratar os plans criminais de Capone, senón que ten tempo para facer unha visita aos peles vermellas, longamente idealizados por Hergé desde a súa época de boy scout. Por primeira vez, o personaxe de Tintín toma decididamente partido polos dereitos dunha minoría oprimida, denunciando enerxicamente o abuso de que os indios son obxecto nos Estados Unidos. Véxase, por exemplo, a páxina 29 da edición actual de Tintín en América, na que se narra a expulsión dunha tribo de indios pés negros dunha rexión na que acaba de atoparse petróleo.
No seguinte episodio das súas aventuras, Os xarutos do faraón, inicialmente titulado "As aventuras de Tintín en Oriente", Tintín inicia un periplo que lle levará a novos escenarios exóticos: Exipto, primeiro; logo, a India e, máis tarde, na segunda parte do álbum, O Loto Azul, a China. Nesta ocasión o reporteiro non viaxa como enviado do seu xornal, Le Petit Vigtième, senón por motivos de pracer. En Os xarutos do faraón aparecen por vez primeira dous personaxes fundamentais na serie, os policías Hernández e Fernández (Dupond e Dupont). Cobra protagonismo tamén a figura do malvado millonario Rastapopoulos, que xa tivera unha breve aparición en Tintín en América. Con respecto a anteriores aventuras, a trama enriqueceuse considerablemente.
En vésperas da segunda guerra mundial (1934-1940) O loto azul, publicado por entregas entre decembro de 1932 e febreiro de 1934, marca un punto de inflexión na historia da serie. A crítica coincide en que se trata da primeira obra mestra de Hergé, e algúns autores considérana o mellor de todos os álbums de Tintín. Farr, p. 51. Grazas á colaboración que lle prestou un estudante chinés, Tchang, o álbum está minuciosamente documentado, e leva a cabo co propósito explícito de desterrar os absurdos tópicos occidentais acerca da China. Ademais, O loto azul destaca pola súa denuncia do racismo e do colonialismo, e pola súa aberta crítica á intervención xaponesa na China, un asunto candente no momento da súa publicación.
A madurez creativa alcanzada pola serie logo de O loto azul móstrase en todo o seu esplendor nos anos seguintes, que coincidiron coas tensións prebélicas en Europa. Durante esta etapa, Hergé realizou outros tres álbums hoxe considerados clásicos: A orella rota, A illa negra e O cetro de Ottokar. Un cuarto, Tintín no país do ouro negro, quedaría interrompido ao producirse en 1940 a invasión alemá de Bélxica, e só se retomaría varios anos despois.
A orella rota publicouse en Le Petit Vingtième entre decembro de 1935 e febreiro de 1937. O álbum marca o inicio da fascinación de Hergé por Latinoamérica, que logo habería de retomar como escenario en aventuras posteriores. O desencadeamento da trama é o roubo dun fetiche arumbaia (unha etnia amerindia inventada por Hergé) do Museo Etnográfico, en pos do cal Tintín desprázase ao imaxinario país de San Theodoros. A ambientación está inspirada nun conflito que entón estaba de actualidade: a Guerra do Chaco, que entre 1932 e 1935 enfrontou a Bolivia e Paraguai polo control do Chaco Boreal. Hergé disfrazou os nomes, convertendo a Bolivia en San Theodoros, e a súa capital, A Paz, en Os Dopicos; Paraguai aparece como Novo Rico, e Asunción, a súa capital, como Sanfación. Farr, p. 62. O álbum é o primeiro en que Hergé utiliza países imaxinarios como escenario da acción, e nel aparecen por primeira vez destacados personaxes, como o xeneral Alcázar.