O Comesaña Sporting Club é un club galego de atletismo. Fundouse en 1915, sendo na actualidade o máis antigo dos clubs de atletismo galegos e entre o 3º e 6º máis antigo de España.

Foi fundado na parroquia viguesa de Comesaña, de onde proceden os seus atletas, especialmente os históricos, e boa parte do apoio.

Desde 1978 organiza o Memorial Belarmino Alonso, unha carreira federada de campo a través en lembranza dun directivo do club falecido nese ano. Tivo lugar en diversos circuítos (Castrelos, A Xunqueira ou As Pereiras). Desde 1990 ten lugar na Ponte de Comesaña e forma parte do calendario da FGA. Conta cunha importante participación de atletas galegos e portugueses.

Historia Na década de 1920 o club ten os seus primeiros momentos de esplendor. En setembro do 1921, no histórico campo de Coia o equipo queda campión galego en 4x100 e un mes despois no mesmo escenario o seu atleta Guillermo Moreira Araujo converteuse no primeiro galego campión de España, foi na proba de 400 m. A partir dese momento sucedéronse os éxitos. O equipo, alcumado Os Finlandeses, gaña os campionatos galegos de Campo a Través nos anos 1921, 1924, 1928, 1929 e 1930 (todos os disputados nesa xeira), ao que lle cómpre sumar as vitorias individuais neses campionatos de Álvaro Fernández, en 1924, e sobre todo da grande figura do club, Cándido Fernández, en 1928, 1929, 1930 e 1931, que ademais acadou 7 récords galegos en 400, 800, 1500 e 5000 m. Nese período cómpre salientar as vitorias nos campionatos galegos de Guillermo Moreira 5.000 m. en 1924; Benito Fernández 5.000 m. en 1929 no 8º campionato disputado xa en Balaídos e 10.000 m. en 1930.

Na posguerra aumenta a conta de vitorias nos campionatos galegos de Campo a Través coa vitoria por equipos en 1947 e 1949 e as vitorias individuais de Luis Ramilo en 1945 e 1948. O resto de campións galegos nos anos 40 foron A. Melín en xavelina e Leiras en lanzamento de barra en 1945; Alberto Soliño en 100 e 200 m., e Álvaro Fernández en 5.000 en 1946.

Véxase tamén Ligazóns externas Web do Comesaña Sporting Club Fotos do 28º Memorial Belarmino Alonso 2006 Fotos do 28º Memorial Belarmino Alonso 2006 Fotos do 28º Memorial Belarmino Alonso 2006

Categoría:Deporte en Vigo Categoría:Equipos de atletismo de Galicia Categoría:Vigueses distinguidos Categoría:Deporte de Galicia sen imaxes