A farinxe é un tubo musculoso situado no pescozo e revestido dunha membrana mucosa; conecta o nariz e a boca coa traquea e o esófago. Pola farinxe pasan tanto o aire coma os alimentos, polo que forma parte tanto do aparello dixestivo coma do aparello respiratorio. No home mide uns trece centímetros, estendido desde a base externa do cranio ata a 6ª ou 7ª vértebra cervical, situándose diante da columna vertebral.

Partes da farinxe Farinxe superior: tamén se chama nasofarinxe ou rinofarinxe ó arrincar da parte posterior da cavidade nasal. O teito da farinxe situado na nasofarinxe chámase cavum, onde se atopan as amígdalas farínxeas ou adenoides. A nasofarinxe está limitada por diante polas coanas das fosas nasais e por abaixo polo veo do padal. A ambos os dous lados presenta o orificio que pon en contacto o oído medio coa parede lateral da farinxe a través da Trompa de Eustaquio. Detrás deste orificio atópase un receso farínxeo chamado fosita de Rosenmüller. Na parede posterior da nasofarinxe apréciase o relevo do arco anterior do Atlas ou primeira vértebra cervical.

Farinxe media: tamén se chama orofarinxe ou bucofarinxe porque por diante se abre á boca ou cavidade oral a través do istmo das fauces. Por arriba está limitada polo veo do padal e por abaixo pola epiglote. Na orofarinxe atópanse as amígdalas palatinas, entre os piares palatinos anterior ou glosopalatino e posterior faringopalatino.

Farinxe inferior: tamén se chama hipofarinxe ou laringofarinxe. Comprende as estruturas que rodean a larinxe por baixo da epiglote, como os seos piriformes e a canle retrocricoideo, ata o límite co esófago. No medio dos seos piriformes ou canles faringolarínxeos atópase a entrada da larinxe delimitada polos pregos aritenoepiglóticos.

Funcións da farinxe A farinxe intervén en importantes funcións como: A deglutición: é o paso do bolo alimenticio desde a boca cara á farinxe. A este acto denomínaselle vulgarmente como comer (inxerir) e se se fai de forma compulsiva pode asociarse a danos na mucosa farínxea. A respiración: por respiración xeralmente enténdese o proceso fisiolóxico indispensable para a vida dos organismos (adoita simplificarse en 'aeróbicos' e 'anaeróbicos'). A fonación: é o traballo muscular realizado para emitir sons intelixibles, é dicir, para que exista a comunicación oral.

Músculos da farinxe Músculo tensor do veo do padal. Músculo elevador do veo do padal. Músculo constritor superior da farinxe. Músculo estilofarínxeo. Músculo constritor medio da farinxe. Músculo constritor inferior da farinxe. Músculo cricotiroideo. Músculo digástrico. Músculo hioso. Músculo estilogloso. Músculo salpingofarinxeo. Músculo palatofarinxeo.

Enfermidades da farinxe Farinxite. Amigdalite. Cancro de orofarinxe. Carcinoma de cavum. Carcinoma de hipofarinxe.

Categoría:Aparato dixestivo Categoría:Aparato respiratorio Categoría:Farinxe