Luis Buñuel Portolés, nado en Calanda (provincia de Teruel) o 22 de febreiro de 1900 e finado en Cidade de México o 29 de xullo de 1983, foi un director de cinema aragonés, nacionalizado mexicano e considerado un dos máis importantes e orixinais na historia do cinema mundial. A meirande parte da súa obra foi realizada en México e Francia.
Traxectoria O seu pai, Leonardo Buñuel González, orixinario de Calanda, onde tiña un negocio de ferraxaría, obtivo unha gran fortuna en Cuba. Trala guerra de Cuba liquidou os seus negocios e volveu á súa vila natal, onde casou con María Portolés Cerezuela, moito máis nova que el, coa que tivo sete fillos: Luis (1900), María (1901), Alicia (1902), Concepción (1904), Leonardo (1907), Margarita (1912) e Alfonso (1915). Ó pouco de casaren foron a vivir a Zaragoza e a partir de entón repartiron as súas vacacións entre Calanda (tódalas semanas santas) e Donostia.
Luis Buñuel estudou en Zaragoza nos Xesuítas, ata que acabou o bacharelato con 17 anos, partindo para cursar estudos universitarios a Madrid.
Para iso aloxaríase na Residencia de Estudiantes fundada pola Institución Libre de Enseñanza na que permaneceu sete anos. Alí Buñuel trabou amizade con Salvador Dalí, Federico García Lorca, Pepín Bello e Juan Ramón Jiménez entre outros. Participou nos faladoiros ultraístas e nas do café Pombo, que dirixía Ramón Gómez de la Serna, tódolos sábados de 1918 a 1924. Cos seus compañeiros da Residencia fixo os seus primeiros ensaios de posta en escena, con versións delirantes do Don Juan Tenorio nas que actuaban Lorca e Dalí entre outros compañeiros.
Nesta época publica contos e poemas en revistas de vangarda, e incluso tiña preparado un libro que os recompilaba co título de Un perro andaluz. Moitas das imaxes dos seus escritos destes anos, previos ó surrealismo francés, pasarían ó seu cinema. Tamén tivo coñecemento nestes anos das tendencias internacionais máis importantes do pensamento e da arte, e mostrou interese pola Galería Dadá, e a obra de Louis Aragon e André Breton.
A asistencia de Buñuel á conferencia que Louis Aragon deu na Residencia sobre o surrealismo animouno a decidirse a desprazarse en 1925 a París para coñecer a cidade que nese momento era a capital cultural do mundo.
Primeiras películas Coñeceu o cinema moi novo, cando aínda era un espectáculo de feira. Durante toda a infancia viu moitas películas (a súa curmá tiña acceso desde a cociña á pantalla dun dos primeiros cinemas de Zaragoza). Cando tiña trece anos, á volta dunha das habituais viaxes a París dos seus pais, regaláronlle un teatro con personaxes de cartón; con este teatro ofrecía representacións, que presentaba durante semanas ós mozos da vila.
No tempo que permaneceu en Madrid adoitaba ver cinema, pero non foi ata que se estableceu en París cando comezou a velo intensivamente: habitualmente tres películas ó día, unha pola mañá (xeralmente proxeccións privadas, grazas a un pase de prensa), outra pola tarde nun cinema de barrio e outra pola noite, á vez que colaboraba como crítico en varias publicacións, entre elas en Cahiers d'Art de París. Foi colaborador en publicacións de cinema e arte como Alfar, L'Amic de les Arts, Helix, Horizonte ou La Gaceta Literaria.
O pianista Ricardo Viñes proponlle a dirección escénica de El retablo de Maese Pedro de Manuel de Falla, que, estreada en Ámsterdan o 26 de abril de 1926 supuxo un importante éxito. Esta experiencia levouno a escribir unha peza de teatro de cámara de vangarda titulada Hamlet en 1927, estreada no «Café Sélect» de París.
A súa conversión ó cinema produciuse tras ver a película As tres luces (Der müde Tod) de Fritz Lang. Varias semanas despois presentouse nunha rodaxe ó coñecido director de cine francés Jean Epstein e ofreceuse a traballar en calquera labor a cambio de aprender todo o que puidera acerca do cinema, e Epstein acabou permitíndolle desempeñar o cargo de axudante de dirección na rodaxe das súas películas mudas Mauprat e A caída da casa Usher (La Chute de la Maison Usher), de 1928.
Nestes anos Buñuel colaboraría como actor nuns pequenos papeis, como o de contrabandista na película Carmen, dos estudios Albatros, con Raquel Meller, e en La Sirène des Tropiques con Josephine Baker. Esta bagaxe familiarizouno cos oficios da cinematografía e permitiulle coñecer a bos profesionais e actores que despois colaborarían con el en Un chien andalou e L'âge d'or. Ó mesmo tempo colabora como crítico cinematográfico en La Gaceta Literaria de Madrid e a parisiense Cahiers d'Art, publicacións nas que Buñuel deixa constancia das súas concepcións cinematográficas, nas que non se prodigará no sucesivo. Alí eloxia o cinema de Buster Keaton e ataca por pretensiosa a vangarda cinematográfica francesa, onde militaba o propio Jean Epstein. É coñecida a súa ruptura con este ó negarse o aragonés a traballar no novo proxecto do máis reputado dos directores vangardistas franceses, Abel Gance.
Vivamente interesado polo grupo surrealista de André Breton, comeza a trasladar ós seus compañeiros da Residencia de Estudiantes as novidades desta tendencia, escribindo poemas dun surrealismo ortodoxo e instando a Dalí a que se traslade con el a París para coñecer o novo movemento.
En 1928 prepara un guión cinematográfico sobre Francisco de Goya con motivo do centenario que patrocinaba unha comisión zaragozana. Non chegou a bo termo, como tampouco un proxecto baseado nun guión de Ramón Gómez de la Serna que se ía titular El mundo por diez céntimos, no que o fío condutor ía ser a tal moeda e como ía cambiando de dono.
Para xaneiro de 1929 Buñuel e Dalí, en estreita colaboración, ultiman o guión dun filme que se titularía sucesivamente El marista en la ballesta, Es peligroso asomarse al interior e, por fin, Un chien andalou. Foi rodado finalmente en abril do mesmo ano cun orzamento de vinte e cinco mil pesetas que achegou súa nai e que se estreou en xuño no Studio des Ursulines, un cinema-club parisiense, e que alcanza un clamoroso éxito entre a intelectualidade francesa, pois permaneceu en exhibición nove meses consecutivos no Studio 28.
A finais do mesmo ano vólvese reunir co pintor catalán para escribir xuntos o guión do que sería máis tarde L'âge d'or, pero a colaboración xa non resulta tan fluída, pois entre os dous interponse o grande amor de Dalí, Gala Éluard. Buñuel comeza a rodaxe da película en abril de 1930, cando o pintor estaba gozando dunhas vacacións con Gala en Torremolinos. Cando descobre que Buñuel xa acabara a película co substancioso mecenado dos Vizcondes de Noailles, que desexaban producir unha das primeiras películas sonoras do cine francés, Dalí séntese marxinado do proxecto e traizoado polo seu amigo, o que orixinaría un distanciamento entre eles que se iría incrementando no futuro. A película baseábase no relato do Marqués de Sade 120 días de Sodoma. A estrea da película tivo lugar o 28 de novembro de 1930. Cinco días máis tarde, grupos de extrema dereita atacan o cinema no que se proxectaba e, aínda máis grave, as autoridades francesas prohibiron a película e requisaron tódalas copias existentes.
En 1930 viaxou a Hollywood, contratado pola Metro Goldwyn Mayer como «observador», co fin de que se familiarizara co sistema de produción estadounidense. Coñeceu a Charles Chaplin e Serguéi Eisenstein. En 1933, financiado polo seu amigo Ramón Acín, filmou Las Hurdes, tierra sin pan, un documental sobre a comarca estremeña. A súa prohibición supúxolle un gran desengano, xa que non o agardaba, e menos da República.
O 23 de xuño de 1934 casa con Jeanne Rucar, moza francesa á que coñecera en 1925 cando estudaba anatomía en París e que fora medalla de bronce de ximnasia artística nos Xogos Olímpicos de París 1924. Con ela tivo dous fillos, Jean Louis e Rafael. O primeiro naceu en París e o segundo en Nova York. Falaba ben o francés e o inglés (este último idioma estudouno en Francia, mentres traballaba para a Paramount, e perfeccionouno en Estados Unidos).
Recentemente casado, aceptou un traballo en Madrid para a Warner Brothers, como director de dobraxe. En 1935, con axuda dalgún diñeiro familiar, fundou, xunto a Ricardo Urgoiti, a produtora Filmófono. Filmófono competía coa Cifesa dos irmáns Casanova, principal produtora española da década dos 30 (Nobleza baturra, entre outras), e produciu as películas Don Quintín el amargao, onde debutou no cinema a gran bailaora Carmen Amaya, e La hija de Juan Simón, ¿Quién me quiere a mí? e ¡Centinela alerta!. Todas elas foron rendibles e supuñan a consolidación da industria cinematográfica española dos anos trinta. Porén, a guerra civil abortaría este proxecto.
A guerra civil. Estados Unidos O golpe de estado franquista sorprendeuno en Madrid. Así como Dalí aliñouse con Franco e simpatizou co bando nacional, Buñuel sempre permaneceu fiel á democracia da República; non obstante, non deixou por iso de axudar a amigos seus do bando franquista cando estiveron en perigo de morte. Así, logrou que liberasen a José Luis Sáenz de Heredia (primo irmán de José Antonio Primo de Rivera, fundador da Falange), pois traballaran xuntos en Filmófono. Era coñecido que Sáenz de Heredia simpatizaba con Franco e, de feito, máis adiante levaría a cabo un filme sobre un guión do propio Franco (Raza) e a película propagandística Franco, ese hombre.
En setembro de 1936 saíu de Madrid nun tren ateigado cara a Xenebra, vía Barcelona. En Xenebra entrevistouse con Álvarez del Vayo, neses momentos ministro de Asuntos Exteriores da II República, xa que este o citara. O ministro mandouno a París como home de confianza de Luis Araquistáin (entón embaixador en Francia) en diferentes misións, principalmente de intelixencia. Incluso chegaría a realizar algunha viaxe relampo a España.
Colaborou coa II República todo o que puido, incluso unha vez en Baiona lanzou panfletos con globos que voaban con vento sur en dirección á península. O 16 de setembro de 1938 visitou Hollywood por segunda vez. O goberno republicano español desde o exilio encargoulle a supervisión (como conselleiro técnico e histórico) de dúas películas acerca da guerra civil española. Os seus amigos Charles Noailles e Rafael Sánchez Ventura axudárono nos gastos de viaxe.
En 1941, cando comezaba Cargo of Innocents, a asociación xeral de produtores estadounidenses prohibiu toda película en contra de Franco, o que significou a fin do proxecto no que estaba implicado Buñuel. Sen traballo e con pouco diñeiro, aceptou a encarga de dirixir a selección de películas antinazis que lle ofrece o Museo de Arte Moderna (MOMA) de Nova York. Despois de que a súa muller e os seus fillos se reuniran con el, en 1943 foi despedido do museo a raíz da publicación do libro A vida secreta de Salvador Dalí, onde o pintor tachaba a Buñuel de ateo e home de esquerdas. Un xornalista do Motion Pictures Herald atacou a Buñuel nun artigo onde advertía acerca do perigoso que resultaba a presenza deste español nun museo tan prestixioso. Buñuel reuniuse con Dalí en Nova York para pedirlle explicacións e esa entrevista significou a ruptura das súas relacións.
Volveu a Hollywood e púxose a traballar para a Warner Brothers como xefe de dobraxe de versións españolas para América Latina. Acabada a colaboración coa Warner en 1946, quedou nos Ánxeles en busca dun traballo relacionado co cinema e na espera de que lle concederan a nacionalidade estadounidense que solicitara.
Etapa mexicana